Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
MARÍA CADAVAL // Profesora de Economía Aplicada da USC / Membro do Foro Económico de Galicia

20

AS PALABRAS PANDEMIA, COVID-19, PCR, MASCARIÑA, veñen de incorporarse ao vocabulario ordinario, de igual xeito que no seu día o fixeron subprime, ninja, prima de risco, etc. Daquela, ao igual que agora, era difícil prever o que despois aconteceu e esta é, acaso, a maior similitude con esta crise. Daquela o sistema financeiro mundial amosouse extremadamente vulnerable e os azarosos sobresaltos sobrevidos levaron á orde económica mundial ao borde do abismo. As políticas macro-prudenciais afanáronse na prevención da acumulación de desequilibrios e en facer solventes aos actores e institucións. Malia reacción tardía da UE, a partires do 2012, comezou unha fase de estabilización e posterior crecemento que xa amosaba síntomas de esgotamento a finais do 2019. Italia entraba en recesión, Alemaña estivo a piques de facelo, Francia andaba ranquéante e España seguía acumulando un crecemento desacelerado que preocupaba dobremente polo seu elevado nivel de débeda e déficit público estrutural.

Con este panorama irrompeu a pandemia sanitaria que asola ao mundo e as medidas de contención ás que obrigou teñen provocado unha crise de oferta seguida por outra de demanda que levan consigo unha caída da actividade sen parangón, que os grandes organismos -nacionais e internacionais- prognostican de dous díxitos. A recuperación non será automática e está envolta nun halo de incerteza condicionado polos posibles rebrotes ata atopar o remedio que garanta a inmunidade de grupo.

España sufrirá de sobremaneira as súas consecuencias, dada a vulnerabilidade do seu tecido produtivo e do mercado laboral, ambos froito da recuperación con pes de barro que se adoptou tras a crise do 2008, apoiada sobre servizos de baixo valor engadido e lonxe do obxectivo de recuperar o peso relativo da industria do 20% sobre PIB, como tiñan marcado os socios comunitarios. Tratar de acadalo non será exercicio estéril agora, todo o contrario, faise preciso recompoñer o tecido produtivo coa vista posta cara adiante, sen mirar polo retrovisor mais que para evitar os erros cometidos e encarar o futuro cunha economía máis industrializada, produtiva, xusta e sostible. Porque a produtividade non se acada coa precarización do emprego, senón que pasa por adaptar a economía ao mundo que ven, multicolor -verde e morado- coa reserva dun vagón no tren europeo do New Green Deal.

En Galicia o momento pre-Covid-19 pode calificarse de transición económica silenciosa. O 2019 non fora un mal ano, aínda que peor do esperado, pois o crecemento igualouse co estatal, unha vez esgotado o diferencial de progresión dos catorce trimestres anteriores. Da desaceleración suave ao freazo en seco en so uns meses, co agravante de que coincide no tempo co esgotamento da primeira xeración de empresas nadas ao abeiro dos Polos de Desenvolvemento franquistas. Cun uso intensivo dos recursos naturais e altamente contaminantes, a siderurxia, a refinería, o naval, a celulosa... anuncian dificultades e consuman peches. Este proceso de reaxuste excede ao meramente conxuntural e incardínase no previsible devir natural do curso do tecido produtivo. Xa non quedan moitos entusiastas que defendan o mantemento deste vello modelo industrial de enclave, mais son moitos os que se resisten a que se faga sen a anticipación necesaria para substituílo polo novo e evitar así os problemas de desemprego e empobrecemento que deixan tras de si.

O premio Nobel de economía Paul Krugman adoita dicir que a competitividade das nacións depende da capacidade da súa industria para innovar -perfeccionar as súas vantaxes competitivas- e mellorar para adaptarse ao medio. Neste senso cabe mirar con esperanza ao sector agroalimentario, forestal, téxtil, automobilístico , TICs, farmacéutico, químico, biomédico, nanotecnolóxico e outras ramas de actividade que piden paso e polas que se debe apostar.

O lugar é aquí e o momento agora. O goberno saído das urnas tras o 12X debe repensar o seu proxecto e vinculalo ás liñas reitoras dos instrumentos europeos de recuperación -Next Generation EU- a través do que podería captar máis de 7.000 millóns de euros, o equivalente ás ¾ partes do orzamento anual da Xunta. A administración ten que ser quen de arrastrar e mobilizar recursos de investimento, servir como elemento dinamizador e non de apancamento da actividade, o emprego e o uso da capacidade produtiva ociosa, que nesta comunidade aínda é moita.

Non hai escusas nin tempo que perder e igual que lle dicía a Raíña Vermella a Alicia no País das Marabillas: “hai que correr o dobre de rápido para chegar máis lonxe”. Estamos en forma, hai que facelo.

24 jul 2020 / 18:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito