Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
FEBRERO 2001

O Correo elixe o profesor Miguel Gil de la Peña 'Gallego de Febrero'

O profesor Miguel Gil de la Peña, xefe do Servicio de Cardioloxía e Unidade Coronaria do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, profesor titular de Medicina da Universidade de Santiago e fundador da Sociedade Galega de Cardioloxía, foi elixido unanimemente 'Gallego de Febrero' polas redaccións de EL CORREO e O Correo pola súa fructífera traxectoria como médico e docente, así como polo seu amplo labor investigador. Neste último campo destaca o 'sistema de electrocardiografía vía satélite' utilizado nos voos transoceánicos de Iberia.

O profesor compostelán Miguel Gil de la Peña, fundador do Servicio de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, que é presidente de honor da Sociedade Galega de Cardioloxía e tamén da estatal, é así mesmo membro numerario da Sociedade Europea de Cardioloxía. Académico numerario da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia e académico correspondente da Real Academia Nacional de Medicina, é vocal do Consello Asesor do Ministerio de Sanidade.

Gil de la Peña é membro asociado da Sociedade Europea de Cardioloxía e da Sociedade Mexicana, así como membro efectivo da Fundación Hispana de Cardioloxía, membro da Sibic Internacional de México, membro efectivo no 1984 do Grupo de traballo de hipertensión arterial da Sociedade Europea de Cardioloxía, xefe da American College of Chest Physicians para Galicia, membro da American College of Chest Physicians e da European Society of Cardiology, na que é o membro 124 sobre un total de cinco mil, o que sitúa o profesor compostelán entre os primeiros do mundo.

Tamén é membro da Comisión Nacional de Cardioloxía do Consello Superior de Especialidades Médicas do Ministerio de Sanidade e Consumo dende 1987 ata 1992.

Presidiu numerosos simposios como o IX Congreso hispano-luso de cardioloxía (Santiago, 1982), as Xornadas galaico-durienses de cardioloxía (Santiago: 1984, 1985, 1989 e 1992), a Reunión dos grupos de traballo da Sociedade Europea de Cardioloxía (Santiago: 5-8 de setembro do 1987), o Simposio '10 anos de anxioplastia', organizado pola Sociedade Europea de Cardioloxía (Santiago: 9-10 de setembro de 1987) —ó que asistiron máis de 3.000 cardiólogos de todo o mundo— e o XXIX Congreso Nacional da Sociedade Española de Cardioloxía (Santiago, 1993), entre outros.

Ademais, Gil de la Peña organizou 19 simposios nacionais e internacionais.

Entre as súas últimas investigacións destaca o sistema de electrocardiografía vía satélite utilizado nos voos transoceánicos da compañía Iberia.

Da súa actividade docente e investigadora destacan os máis de 100 cursos e conferencias impartidos polo profesor compostelán por toda España sobre temas da súa especialidade.

Participou como moderador ou relator en preto dun centenar de mesas redondas, e presentou 175 comunicacións en congresos nacionais e internacionais. Ademais de escribir 25 capítulos en varios libros e en 88 revistas desta especialidade, dirixiu 23 tesiñas de licenciatura e teses de doutoramento, impartiu 19 leccións en cursos de doutoramento e foi o investigador principal en corenta proxectos de investigación multicéntricos nacionais e internacionais.

Entre distincións recibidas ó longo da súa carreira profesional destacan as medallas que lle foron outorgadas polos concellos de Málaga e Bordeos nos anos 1987 e 1988, respectivamente. Así mesmo, o profesor Miguel Gil de la Peña recibiu diferentes distincións de recoñecemento á colaboración científica prestada, outorgadas por 18 asociacións e institucións rexionais e nacionais.

Salvar vidas ó conseguir facer electrocardiogramas en pleno voo

Entre as numerosas investigacións realizadas polo doutor Miguel Gil de la Peña destaca o Sistema de electrocardiografía vía satélite utilizada en voos transoceánicos da compañía Iberia, da que é director e na que contou cun equipo de colaboradores formado polo doutor Michel Jaquet Herter, médico adxunto de Cardioloxía do Clínico de Santiago; os enxeñeiros de telecomunicacións Juan Carlos Suárez Cebreiros e José Antonio Zumalave Rivas; Arturo Gómez Rivera, comandante de Iberia, e Manuel Tarascó Viñas, xefe de Escala do aeroporto de Granada.

Unha dolor aguda no peito en pleno voo, cando non é síntoma de medo á altura senón de infarto, supón sentencia de morte na maioría dos casos. Igual que en terra, o remedio é detectar canto antes o que vai mal. Para iso, o equipo dirixido por Miguel Gil de la Peña realizou os primeiros electros en voo comercial hai dous anos.

Fiable

O Hospital Xeral demostrou a fiabilidade deste sistema hai dous anos, cando se transmitiron tres electrocardiogramas con éxito en voos comerciais transoceánicos que se dirixían a Brasil e a Chile.

O proxecto, co xefe de Servicio de Cardioloxía á cabeza, o doutor Miguel Gil de la Peña, serviu para comprobar que o electro, con miles de quilómetros de por medio e a centos de metros de altura, se recibía en Santiago "coa mesma perfección que se o paciente estivese na cama da beira''.

Pese a que aínda non se deu o si definitivo ó proxecto, as tripulacións da compañía Iberia empezaron a adestrar para convertérense en auxiliares do persoal sanitario que desde terra guíe os pasos que se han de dar en caso de sospeitas de complicacións coronarias.

"Coa rápida transmisión de electrocardiografías vía satélite e un médico que dea indicacións por teléfono pódese saber claramente se se trata dunha falsa alarma e evitar mortes no caso de que non o sexa'', segundo o doutor. Así é cómo responden en caso de urxencia desde hai algún tempo algunhas das tripulacións da empresa británica British Airways. As aeroliñas do Reino Unido adiantáronse ás españolas, anque o primeiro impulso foi do hospital galego.

07 dic 2020 / 23:23
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito