Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
NOVIEMBRE 2001

As redaccións de EL CORREO e 'O Correo' elixiron a Manuel Moleiro 'Gallego del Mes' de novembro

As redaccións de EL CORREO e 'O Correo', participando do gran labor cultural que Manuel Moleiro leva a cabo coa edición de códices medievais e renacentistas, quixeron premia-lo traballo deste ourensán co Gallego del Mes de novembro. Un investigador, restaurador e conservador que se propuxo socializa-la cultura reproducindo coa maior fidelidade e a máis avanzada tecnoloxía os códices.

Obsesionado por "editar fielmente e de maneira artesanal o códice na súa totalidade'', tal e como recoñecía recentemente a este periódico, Manuel Moleiro alcanzou un grande éxito internacional coa editorial que creou hai dez anos, M. Moleiro Editor, e os traballos do cal exportou a case noventa países de todo o mundo.

O seu obxectivo, socializa-la cultura difundindo o traballo dos artistas medievais para poder achega-la xente ás marabillas iconográficas custodiadas durante séculos en mosteiros, catedrais e museos de todo o mundo.

Da súa editorial con sede en Barcelona saen os códices máis fermosos do medievo, reproducidos coa maior fidelidade posible e utilizando para iso a máis avanzada tecnoloxía, que compaxina cun complicado traballo artesanal que depende dos seus ollos.

Os seus case orixinais, como a el lle gusta chamar ós facsímiles, son estudiados polos mellores medievalistas, para contribuír desta forma a manter un legado cultural que ten admiradores en todo o mundo.

Non en van, hai que destacar que o labor editorial de Manuel Moleiro é solicitado por bibliotecas, universidades, institucións culturais e coleccionistas particulares.

En canto ás súas publicacións, cabe sinalar que os case orixinais de Moleiro son reproduccións fieis dos manuscritos, ata o punto de que os investigadores que estudian un códice, adoitan optar por realiza-lo seu estudio a partir da copia. Unha copia na que se reproduce fielmente o orixinal, desde as miniaturas e a escritura, ata o tipo de papel, a encadernación ou o desgaste do paso do tempo.

Respecto do modo de traballar na empresa fundada por Moleiro, a editorial está formada por un equipo de máis de sesenta persoas encargadas da realización dos facsímiles, equipo que tarda en realiza-la copia dun códice unha media de dezaoito meses. Para iso, fabrícanse unhas placas fotográficas especiais que permiten obte-la calidade do códice orixinal, e tómanse unhas fotografías exhaustivas do orixinal para capta-las cores con toda a súa intensidade.

O papel para a reproducción fabrícase tendo en conta os materiais do orixinal e calíbrase o grosor de cada pergameo respectando as súas medidas. Despois será cando comece a etapa de impresión, que implica un proceso complexo, no que se inclúe un offset, a fotoimpresión e caligrafía, entre outras cousas.

Finalmente, de cada manuscrito quedan impresos 987 exemplares autentificados ante notario, que reproducen o peso, as cores e ata o olor orixinal, e que adoitan ir acompañados por outro tomo con estudios codigolóxicos, artísticos, históricos e paleográficos, realizados por investigadores e especialistas no medievo e no renacemento.

En definitiva, un coidadoso e complexo traballo que dá lugar ó que os expertos consideran "auténticas xoias bibliográficas'', e o custo de publicación das cales, segundo lle recoñeceu o editor a este periódico, pode rolda-los 150 millóns de pesetas por cada códice, cifra á que hai que engadirlle a infraestructura necesaria para a súa elaboración.

Nado en San Francisco de Cea, Ourense, hai 48 anos, Manuel Moleiro licenciouse en Periodismo en Barcelona e, antes de termina-los seus estudios universitarios, xa creara unha pequena editorial.

Colaborou con Franco María Ricci e en 1991 entrou no mundo editorial con nome propio: M. Moleiro Editor, se ben xa antes, con só 23 anos de idade, creara outra empresa, Ebrisa, despois de inicia-la súa andadura profesional neste campo na Enciclopedia Británica.

Desde que chegou a Barcelona, nun principio para estudiar Cinematografía, estudios que posteriormente cambiou polos de Periodismo, e ata hoxe, o seu traballo no ámbito editorial e a súa perfección na reproducción de orixinais, froito dun complicado traballo artesanal, foron os artífices dun éxito que levou os seus libros a case noventa países de todo o mundo, nos que en torno a 13.000 persoas adquiriron un Moleiro.

De feito, Manuel Moleiro reparte o seu tempo traballando na súa editorial de Barcelona e viaxando por cidades como Londres, Nova York, París, Moscova, Roma ou San Petersburgo, nas que se encontran as mellores bibliotecas do mundo, e onde analiza os códices medievais.

A pesar de que ós 18 anos se foi a Barcelona, onde acabou fixando a súa residencia, nunca deixou de manter unha estreita relación con Galicia e coas súas orixes en San Facundo de Cea.

07 dic 2020 / 23:09
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito