Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
SEPTIEMBRE 2004

O dúo 'Os Tonechos', distinguidos co 'Galegos do mes' de setembro polo Grupo Correo Gallego

As redaccións de EL CORREO GALLEGO, GALICIA HOXE e Radio Obradoiro decidiron por unanimidade distinguir co Galego do mes de setembro ós compoñentes do dúo Os Tonechos, Vítor Fábregas e Roberto Vilar, pola súa extraordinaria capacidade para facer rir a un público moi heteroxéneo, no que se inclúen desde nenos ata persoas de idade avanzada.

Convertidos en todo un fenómeno social grazas ó seu exitoso paso por Luar, o veterano programa musical de Televisión de Galicia, Os Tonechos seguen contando co apoio masivo por parte dos espectadores galegos na súa nova andaina en solitario.

De feito, os especiais do dúo humorístico que a canle autonómica está a emitir desde verán bateron repetidamente marcas, conseguindo ser líderes de audiencia na nosa comunidade na súa franxa horaria.

Relación coa serie de humor 'Pratos combinados'

Cunha media semanal do 40 por cento de audiencia, o programa que Vítor Fábregas e Roberto Vilar gravaron no Bar Suízo da serie Pratos combinados chegou a obter picos do 48% de audiencia, con 444.000 espectadores de media, segundo datos facilitados por Sofres.

Un seguimento por parte do público galego que fixo posible que o especial Miro e Antón fan negocios cos Tonechos se converte en líder absoluto de audiencia de todos cantos programas se emitiron en Galicia durante esa semana, a última do mes de agosto.

A presenza dos protagonistas da comedia de situación que produce o Grupo Correo Galego, Antonio Durán Morris e Ernesto Chao, grandes coñecidos do público na nosa comunidade polas súas interpretacións como Antón e Miro, xunto ós personaxes dos Tonechos, foron os artífices do excelente resultado colleitado pola cadea autonómica. Un resultado que supuxo que ese especial fóra dos programas máis vistos de todo o verán en Galicia.

Por outra parte, e respecto á traxectoria profesional de Vítor Fábregas e Roberto Vilar como Os Tonechos, cabe destacar que ambos os dous se deron a coñecer no musical Luar, onde coa súa participación nas dúas últimas temporadas tamén colleitaron repetidos éxitos de audiencia as noites dos venres.

Neste sentido, ambos os dous recoñecen que o seguimento co que contaba Luar supuxo "unha moi boa plataforma para darnos a coñecer, e aínda que cando comezas un proxecto esperas que todo vaia ben, neste caso se viron superadas todas as nosas espectativas''.

Un éxito que se pode considerar recíproco, xa que como subliña Vilar, o musical que conduce Xosé Ramón Gayoso "mellorou mesmo o seu índice de espectadores desde que actuamos nós, sobre todo porque as nosas aparicións permitiron conectar cos mozos''.

Diversas actuacións en verbenas e festas populares

Na marxe das súas intervencións en televisión, Os Tonechos realizaron diversas actuacións en verbenas e festas populares, así como en diferentes salas, entre as que cabe destacar a representación que realizaron o mes pasado de marzo na sede que a peña deportivista Dépor USA ten en Nova York, á que están afiliados en torno a 240 galegos residentes en Nova Jersey.

En dita cidade estadounidense realizaron un espectáculo que xa levaran de xira por outras localidades, principalmente de Galicia, e gravaron ademais un sketch para Luar, con cuxo programa conectaron en directo vía satélite.

Por outra parte, e respecto ó seu futuro máis inmediato, Fábregas e Vilar están inmersos na creación dun novo programa semanal, dunha hora de duración, posto que consideran pechada a etapa de Luar, que tantos éxitos colleitou na súa emisión pola Televisión de Galicia.

Unha hora semanal de variados 'sketchs'

A falta de gravar o último programa especial que Televisión de Galicia vén emitindo desde o verán, Vítor Fábregas e Roberto Vilar encóntranse xa inmersos nun novo proxecto televisivo, que os espectadores galegos poderán desfrutar a partir de finais de novembro ou principios de decembro na canle autonómica.

Esta nova iniciativa consistirá nun espazo de aproximadamente unha hora de duración, no que Os Tonechos realizarán múltiples sketchs, e no que tamén haberá cabida para unha miniserie, así como para a participación semanal dun convidado, que interactuará no programa co dúo.

Un proxecto que, segundo Vítor Fábregas, busca seguir "unha liña parecida á de Cruz y Raya, con convidados e sketchs, pero fuxindo das imitacións''.

Neste sentido, Fábregas explica que "as imitacións non forman parte do noso estilo, nunca nos interesaron, e ademais procuramos arremedar o menos posible''.

Por iso, o obxectivo de ambos os dous actores nesta nova andaina basearase en manter o estilo que os fixo famosos, e a través do que conseguiron conectar co público; un humor con toques superrealistas e baseado principalmente no cotián. Na elaboración dos guións, ademais deles mesmos e Xavier Manteiga, con quen levan traballando practicamente desde os seus inicios en televisión, contarán tamén coa colaboración doutros guionistas de recoñecido prestixio, entre os que estarán Federico Pérez, Manuel Vilares e Cristóbal Ruiz. Este último incorpórase ó proxecto de Os Tonechos despois de traballar durante varias temporadas co dúo humorístico Cruz y Raya, formado por Juan Antonio Muñoz Pérez e José Sánchez Mota.

Fábregas e Vilar estarán acompañados nas súas intervencións como Os Tonechos polas tamén xa habituais nos seus gags Dorotea Bárcena e Mariana Carballal, así como por un novo elenco de actores que participará no programa.

07 dic 2020 / 23:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito