Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
OCTUBRE 2003

María Graña, 'Galega de Outubro' do Grupo Correo Gallego

As redaccións de GALICIA HOXE, EL CORREO GALLEGO e Radio Obradoiro decidiron concederlle o premio Gallego del Mes de outubro a María Graña Barcia, directora de Zygos e profesora titular da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela.

Este galardón ten como obxectivo recoñecer o labor, tanto no eido docente como investigador, da doutora, que capitanea o único centro español de referencia que dispón de todos os tratamentos e técnicas necesarios para a reproducción humana asistida.

Internet, asegura a experta, permitiu o despegue internacional de Zygos, cuxo laboratorio principal se atopa no policlínica A Rosaleda. De feito, nos últimos meses o centro que dirixe María Graña tratou a parellas das illas Madeira e mesmo da afastada Cuba.

A doutora lembra con especial satisfacción a comunicación que recibiu da parella cubana que, gracias ó tratamento ó que se someteron en Zygos, está no camiño de xestar unha nova vida. O estudio deste caso foi todo un reto, pois "saíron do seu país cun permiso expreso e cun tempo moi concreto'', segundo a doutora. Hai só dous meses a parella procedente de Cuba confirmou o embarazo ó centro compostelán.

E é que, segundo avanza a doutora, a esterilidade "aumenta de forma alarmante'', polo que cada vez é máis frecuente a aplicación de tratamentos de reproducción asistida.

As alteracións xenéticas, principal causa da infertilidade

As alteracións xenéticas tanto na muller como no home acostuman ser as principais causas dos problemas para concibir. O tabaco, o estrés, así como os malos hábitos alimenticios son variables asociadas á esterilidade, anomalía que afecta por igual, nun 45 por cento dos casos, ós dous membros da parella.

Precisamente a infertilidade xustifica en boa medida "o problema demográfico da comunidade galega'', asegura María Graña. A muller, explica, retarda a maternidade ata os 30 ou 35 anos, momento no que xa aparecen máis dificultades para a xestación. Os estatísticas de Zygos demostran que a maior parte das parellas que teñen problemas para ter fillos recorren ó centro nesta franxa de idades.

En Zygos, sostén a responsable do centro, máis do 43,2 por cento das mulleres maiores de 35 anos que se somete a un tratamento consegue o embarazo. Sen embargo, aquelas que acoden á clínica compostelá por doazón de ovocitos ampáranse en estatísticas máis alentadoras, xa que culminan en xestación máis do 63% dos casos.

07 dic 2020 / 22:55
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito