Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
DICIEMBRE 2003

Rosalía Mera, Galega de Decembro do Grupo Correo Gallego

As redaccións de EL CORREO GALLEGO, GALICIA HOXE e Radio Obradoiro decidiron por unanimidade nominar galega do mes de decembro a Rosalía Mera, fundadora e presidenta da Fundación Paideia, unha institución definida pola Xunta de Galicia como "de interese galego''.

Rosalía Mera é unha muller intelixente e sinxela que non quere destacar máis valores cós que ten a institución que preside, sempre aberta a novos temas, entre os que se poden destacar as iniciativas e proxectos nos campos da exclusión social e marxinación, discapacidade, desenvolvemento económico e desenvolvemento de zonas rurais e semiurbanas, ética e valores, formación continua e cooperación institucional.

Desde a súa sede central na coruñesa Praza de María Pita, coas portas sempre abertas a calquera iniciativa, ou desde a segunda sede instalada no 2002 na Escravitude-Padrón, Paideia propón toda clase de temas innovadores dispondo, para os realizar, de recursos propios, entidades institucionais e administrativas, Unión Europea, sindicatos, pero tamén tratan de implicar os axentes sociais e empresariais das zonas onde desenvolven o seu labor.

Pero a Rosalía Mera non lle gusta falar en primeira persoa. Para ela o traballo da Fundación Paideia é sempre un labor de equipo e non hai máis que visitar a súa sede central ou algunha das súas oficinas para ver cál é a implicación de todos no desenvolvemento das súas tarefas, aínda que se advirte que, con moita discreción, Rosalía leva as redes desta complexa e completa institución na que o ben é o recurso máis prezado. Unha das máis recentes realizacións, presentada á Unión Europea e aprobada pola Comisión para o seu desenvolvemento, é o proxecto 'Deloa' de desenvolvemento rural das bisbarras da Barbanza e do Sar para dinamizar o territorio partindo dos seus propios valores, pero tamén descubrindo os seus déficits para emendalos. A intención é que a poboación nova se estabilice e poida quedar no lugar, facilitándolles posibilidades de traballo.

A cada un, o traballo para o que está capacitado

Destaca tamén o programa Evos, un servicio de orientación psicosocial e laboral destinado a incorporar ó mundo laboral persoas que sofren distintos tipos de discapacidade ou con risco de exclusión social. Paideia demostra que as incapacidades son superables a través da busca do traballo para o que cada un pode ser apto, idea que é o leit motiv de Rosalía Mera.

O proxecto Trébore S.A., é unha iniciativa laboral tamén de Paideia creada precisamente para posibilitar a cualificación desas persoas que teñen risco de exclusión social.

Pero todo isto aínda pode considerarse superado en interese social pola incorporación ó traballo de persoas con enfermidades mentais. Para eles Paideia xa promoveu varias empresas nas que traballan persoas mesmo con titulacións superiores e onde o máis importante é incorporalos á sociedade a través do traballo.

Facilidades para mozos emprendedores en apuros

Ademais, tras firmar un convenio co Igape, Paideia promove a creación de novas empresas por parte de mozos emprendedores necesitados de recursos, facilítalles un espacio duns 70 metros cadrados no edificio da fundación no polígono herculino de Pocomaco.

Destaca tamén dentro do traballo de Paideia, a convocatoria de cursos de bioética, a través dos cales preparan a médicos especializados. Gracias a iso en todos os hospitais de Galicia hai comités de expertos nesta modalidade que buscan amais da curación, a atención personalizada.

Partidaria do labor de equipo

A Rosalía Mera non lle gusta falar en primeira persoa. Para ela o traballo da Fundación Paideia é sempre un labor de equipo e non hai máis que visitar a súa sede central, na coruñesa praza de María Pita, ou algunha das súas oficinas para ver cál é a implicación de todos os que alí traballan, aínda que se advirte que, con moita discreción, é ela quen leva as rendas desta complexa e completa institución na que o ben é o recurso máis destacable.

Un recurso que fixo que a Xunta de Galicia definise a fundación como "de interese galego'' polas accións que realiza desde unha posición independente. A Galega do Mes de Decembro é o cerebro que, desde a súa inmensa modestia, organiza todo e ten a capacidade e a discreción de se deixar asesorar polos mellores expertos e, sobre todo, de saber acompañarse por unhas persoas nas que a vocación está sempre por enriba dunha profesión.

07 dic 2020 / 22:56
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito