Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
MARZO 2004

Victoria Prego foi elixida 'Gallega de marzo'

As redaccións de El Correo Gallego, GALICIA HOXE e Radio Obradoiro decidiron por unanimidade concederlle a distinción de Galega do Mes de marzo á xornalista Victoria Prego de Oliver y Tolivar, pola súa destacada e fructífera traxectoria profesional no ámbito da comunicación.

Victoria Prego, subdirectora da área de Política do diario El Mundo desde abril do ano 2000, rotativo no que publica regularmente os seus traballos, é amplamente coñecida polo seu traballo no ámbito da política, tanto no eido internacional como nacional, e está considerada como unha das grandes expertas da Transición española.

Madrileña de nacemento, atópase sen embargo estreitamente vinculada á nosa Comunidade Autónoma, non só por motivos familiares, xa que o seu pai é natural de Lugo —o que a levou a pasar longas temporadas en Galicia—, senón por circunstancias profesionais, posto que ademais de para a cobertura de determinados acontecementos, tamén se desprazou ata aquí en numerosas ocasións para ofrecer charlas e conferencias.

Tras estudiar Ciencias Políticas e Xornalismo, Victoria Prego ingresa no ano 1974 en Televisión Española, na sección de Información Internacional da segunda cadea pública, cuxo Telexornal comezaba nese momento a súa andaina, e no que ela presenta as noticias internacionais.

En 1976 é nomeada xefa da sección de Internacional e, un ano máis tarde, correspondente de TVE en Londres, posto no que permanece durante dous anos.

En 1980 codirixe e presenta con Joaquín Arozamena Al cierre, na primeira cadea de Televisión Española.

En 1982 pasa á subdirección do programa cultural El arte de vivir, que dirixe Miguel Ángel Gozalo.

Un ano despois e ata 1984, incorpórase á dirección e presentación de Españoles, espacio televisivo de entrevistas en directo á cúpula de todos os sectores da vida pública española; traballo que compaxina con colaboracións como articulista na axencia Colpisa e Interviú.

Dirixe e presenta en Radio Nacional de España o Diario hablado das dúas da tarde e encárgase do espacio de análise política El reloj, ata 1986. Entón, pasa a dirixir e presentar na primeira canle pública Debate, programa no que participaría ata 1987.

Nese período, retírase da actividade profesional dos programas en directo, e pasa a incorporarse como subdirectora ó documental histórico sobre a Transición política en España, un traballo de recuperación de imaxes e sons da historia recente de España.

La Transición estivo máis de dous anos parada, ata que finalmente se emitiu no verán de 1995.

Un ano antes, dirixiu e presentou para as autonómicas Telemadrid e Canal Sur o espacio de debate Un momento, por favor, e realizou para Antena 3 o documental de investigación sobre a morte de Franco Así murió Franco.

Entre o ano 1995 e o 1997 realizou varios documentais para Antena 3 Televisión con motivo do vixésimo aniversario do acceso ó trono do don Juan Carlos e das primeiras eleccións democráticas.

Ademais, colaborou durante anos no espacio de entrevistas de Antena 3 El primer café.

Galardoada en prensa e TV

Victoria Prego obtivo numerosos premios ó longo da súa carreira, entre os que destacan o TP de Ouro que entrega dita revista, galardón que recibiu en 1982, así como o do Colexio de Avogados á Defensa da Concordia en 1995. Ese ano obtivo o Víctor de la Serna ó mellor labor xornalístico pola serie televisiva La Transición, o Premio El Correo e o Mujer Progresista.

En 1996 recibiu o Premio Cambio 16 e Antena de Ouro, así como a Medalla de Prata no Festival de Nova York polo documental Así murió Franco.

Victoria Prego de Oliver foi galardoada en 1999 co Premio do Ministerio de Traballo á Non Violencia contra as Mulleres.

07 dic 2020 / 22:58
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito