Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
galardón

Ramón Conde, elegido ‘Gallego del mes de diciembre’ por EL CORREO

As redaccións do Grupo Correo Gallego distinguen a obra e a traxectoria do escultor ourensán, un dos artistas máis célebres con maior presenza nos espazos públicos galegos ·· O creador, que actualmente expón en Zaragoza, prepara a súa primeira colección de xoias de autor

A obra de Ramón Conde -unha das máis recoñecidas da plástica galega contemporánea-, e a súa importante presenza nos espazos públicos galegos valéronlle ao escultor ourensán o recoñecemento como Gallego de Diciembre, un galardón outorgado por unanimidade das redaccións de EL CORREO GALLEGO, Galicia Hoxe, Radio Obradoiro, Tierras de Santiago e Correo Televisión.

Nado en Ourense o 18 de de­cembro de 1951, Conde realizou os seus estudos nesta cidade até que no 1965 se trasladou á Universidade Laboral de Xixón. No 1969 regresa a Ourense onde finaliza os seus estudos de bacharelato, ingresando no 1971 na Facultade de Filosofía e Letras de Santiago.

No 1973 vive en Madrid frecuentando fundicións e obradoiros de diversos artistas. A partir do 1974 reside de novo en Ourense onde vai desenvolvendo as bases da súa actual linguaxe plástica. No 1986 trasládase á Coruña onde vive até 1991 e ten o seu estudo no polígono de Sabón, en Arteixo. Nestes anos realiza as súas primeiras obras públicas e comeza a súa proxección internacional coa participación en exposicións en París.

Precisamente no 1991 inaugúrase na Gran Vía de Vigo o seu grupo escultórico dos Redeiros, un fito na paisaxe urbana da cidade pero tamén na proxección pública do seu traballo. Nese mesmo ano, desprázase a Estados Unidos, convidado polo Reitor da Universidade de Houston Downtown. Vive nesa cidade até 1992, ano no que regresa a España para realizar unha exposición no recinto feiral da Expo de Sevilla. Logo dunha estadía en Monterrey, México, instálase en Vigo durante seis anos, paso previo ao seu traslado a Padrón onde reside e ten o seu estudo até 2003. Na actualidade reside en Santiago de Compostela e ten o seu estudo no Milladoiro.

NAS RÚAS

Un autor prolífico e cun traballo amplamente recoñecido

A obra de Ramón Conde, con máis de trinta anos de traxectoria artística, é unha das máis coñecidas e valoradas da contemporaneidade plástica galega. Desde as súas primeiras exposicións individuais, realizadas na década dos setenta no Museo Arqueolóxico de Ourense, até 2007 Ramón Conde vén amosando o seu traballo nas principais salas de arte galegas, españolas e internacionais, destacando entre estas últimas as súas mostras no Consulado de España en Hannover, na Komunalle Gallery de Berlín e a súa exposición en Londres, no ano 2003. Actualmente está expoñendo até finais de xaneiro as súas pinturas e esculturas na sala Zeus de Zaragoza.

Especial atención merecen as propostas ao aire libre de Ramón Conde, exposicións como a de Ourense, na que tomou a cidade cos seus volumes no 2004, ou grupos escultóricos como Os Redeiros de Vigo; o Alonso III de Fonseca, en Santiago -talla da que está a realizar u­nha réplica para a entrega dosPremios Fonseca-; A leiteira de Ourense; A pementeira de Padrón; a figura de Ánxel Fole en Lugo; o Macías o Namorado, tamén en Padrón; e os máis recentes Homenaje a Reverter y Coleman, en Ourense; Acarrexadora, de Marín; ou Arco de Triunfo. Monumento á fundación da cidade de Lugo, que realizou Ramón Conde logo de ser escollida a súa proposta nun concurso nacional.

Ramón Conde está a piques de dar a coñecer a súa primeira colección de xoias de autor. .

07 dic 2020 / 17:52
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito