Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
KIKO DA SILVA / Humorista gráfico

A vacina é o humor

Levo exercendo de humorista gráfico dende os 17 anos, se cadra é por iso que non entendo a vida sen facer humor e sen ler prensa diaria. Descubrín iso si, que para traballar en prensa non serve todo o mundo. O xornalismo xera unha estraña adicción que fai que esteas sempre atento ao que sucede ao redor teu e a observalo todo dende a óptica da análise e da crítica, ata cando estás de vacacións.

Facer unha viñeta diaria, para min é case coma unha terapia. Penso que se non tivese a oportunidade de poder compartir as miñas reflexións sobre os problemas da nosa sociedade, estou seguro que acabaría acudindo ao médico a tratar a miña saúde mental.

O humor é unha das mellores medicinas, probablemente foi por iso polo que Castelao se fixo médico, obrigado polo seu pai, e acabou exercendo de humorista, para curar o pobo galego coas súas viñetas. Estou seguro que é por ese poder sandador polo que todos os días a xente procura as viñetas na prensa.

Unha das cousas que máis me pregunta a xente cando lle digo cal é a miña profesión é como son capaz de ter ideas todos os días. A resposta é ben sinxela, porque todos os días pasan cousas, só é preciso ter agudizado o sentido “Sherlock” do humor para poder captalas. É un adestramento mental. Cos anos aprendín a dominar o estrés e a non poñerme nunca nervioso, e iso que teño tido momentos complicados. Ter que facer humor cando che falece un familiar, un amigo ou cando non te atopas ben son algunhas das cousas coas que tiven que lidar algunha vez, pero ata neses momentos, se tes a mente exercitada, acabas sacando ideas.

Contrariamente ao que a xente adoita crer, o máis complexo, e no que invisto máis tempo, non é en debuxar. Debuxar 8 ou 12 horas diarias durante tantos anos fai que acabes tendo unha técnica depurada e o suficientemente rápida como para poder resolver debuxos e que non se note a diferenza dos días nos que tes máis tempo e o fas máis calmado. O verdadeiramente difícil é atopar unha boa idea; é no que ocupo a maior parte do día. Levo sempre comigo na chaqueta unha pluma e unha pequena Moleskine, nela anoto todas as ideas que me van xurdindo ao longo do día. Teño tamén unhas certas rutinas de traballo que me axudan: érgome cedo antes de ir dar clases á miña escola de banda deseñada O Garaxe Hermético, almorzo nun bar onde teñen todos os xornais e léoos mentres tomo un café.

É aconsellable ler todo tipo de prensa, incluso aquela que vai en contra da túa propia ideoloxía, de feito é lendo esa onde acabo atopando claves máis interesantes para facer humor. Outro detalle importante para min é ser capaz de visualizar a imaxe, se non, a idea pode non funcionar. Son moi intuitivo, anoto ideas, titulares que me chaman a atención, afondo neles e entre a madeixa de ideas sempre acabo atopando algúns fíos invisibles que unen unha palabra, unha imaxe, coa actualidade.

Hai ideas que desboto porque, aínda que poidan ser boas, non as podo facer mantendo a estética nin o ton que escollín para facer A Silveira. Se cadra foi unha das decisión máis radicais e arriscadas que tomei na miña carreira, pero sentía que precisaba facer un cambio co rexistro no que estivera traballando en prensa durante 20 anos. Había tempo que tiña claro que aquilo non era o tipo de humor que eu quería e podía facer, e por iso cando me chamou o director de EL CORREO GALLEGO para ofrecerme empezar a colaborar no xornal, pedinlle uns días para repensar todo e facer algo completamente novo.

Tiña moi clara a miña principal referencia: Castelao, por iso imaxinei como sería unha viñeta súa no século XXI. Iso definiu o formato cadrado e o estilo realista, para facer que o ton das imaxes chocasen coas ideas satíricas e humorísticas. A técnica fun depurándoa día a día. Tiña claro que quería partir sempre dun debuxo a lapis, para manter esa frescura que só teñen os primeiros riscos no papel. E despois optei por facer un acabado pictórico, máis plástico do que habitualmente se soe facer nas viñetas de prensa. Quería demostrar(me) que se podía facer humor gráfico diario co interese e a visión que se ten na pintura.

Co tipo de humor deixeime levar, é algo que é moito mellor non forzalo, vén de serie con cada individuo, só deixei que fluíse.

Iso si, ao contrario do que moita xente pensa, cando traballo rara vez me río do que estou facendo. O traballo é moi intelectual; sabes que a viñeta funciona porque dominas o mecanismo do gag, e por iso non ris do que estás a facer.

Pero nada disto sería posible sen un detalle fundamental: un xornal coma EL CORREO GALLEGO que me deu liberdade absoluta para expresar as miñas ideas, e un soldo que me permite estabilidade para exercer o meu oficio: o de curar a estupidez humana coa vacina do humor.

16 jun 2020 / 00:42
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito