Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
NATALIA RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ / Subdirectora / Galicia

¡Biba o presidente!, ¡Que biba El Correo!

Son dunha familia que nunca foi de vacacións. A manta daba xusto para tapar os pés, e de aí non pasaba. Non me queixo. Tiñamos casa ben preto da praia. Pero no verán tocaba sempre facer o camiño á inversa: nós iamos da costa ao interior. De Pontedeume a Quiroga, cara a onde viaxo tamén agora nesta catarse de lembrazas amoreadas por mor do aniversario de EL CORREO. Daquela miña curmá mais eu eramos inseparables nas tardes do tedioso verán sen praia nin piscina. Calquera chisme ben podía valer unha pequena aventura. Un daqueles días -cabalgabamos nos marabillosos oitenta- algo tivemos que escoitar na casa que nos alterou a sesta, sempre obrigada. Debía haber rebumbio no clube de fútbol e nós decidimos tomar parte no asunto que enchía as conversas á hora de comer. Armadas de xiz deixámolo ben claro no muro de adobe que rodeaba o campo do Quiroga, xusto ao carón dos bebedoiros das vacas. Todo o grande que puidemos, alí escribimos para que o lese todo o mundo: “¡Biba el presidente!”. Con dúas bes ben postas, porqué o que facía o noso avó, ben feito estaba.

Non sei moi ben por que, pero esta anécdota da miña infancia ronda na miña cabeza dende que empecei a cismar sobre que podía contar eu da miña experiencia en EL CORREO GALLEGO. Pero quizáis sexa porque aquela foi a primeira vez que escribín para o público. Ou porque as mofas polo “biba” que viñeron despois deixaron unha forte pegada de pudor e vergoña cando o fago. Quizais porque entón tomei consciencia do que implica escribir para que os demais te lean. Ou porque meu avó Arsenio foi sempre un gran contador de historias. Ou porque, indirectamente, a el lle debo ter empezado a traballar nesta casa.

Cheguei enchufada á redacción do Preguntoiro. Coas ganas, imaxínense, dunha moza de vintepoucos que fai as primeiras prácticas nun xornal, con ansia de contar historias -como facía o meu avó, pero doutro xeito- e tamén coa cousa de gañar cartos para vivir e ir de vacacións, como a xente acomodada. Tampouco era eu das que querían, ou iso dicían querer, facer carreira como corresponsais de guerra. Demasiado grande para min.

Aterrei a comezos dos noventa na sección de Galicia noutro feliz verán sen praia. Lembro, vagamente, a primeira información que escribín. Nunca quixen relela, porque non foi un bautismo para botar foguetes: unha pequena columna para informar dun encontro de vellos compañeiros de facultade ao que asistía o presidente Manuel Fraga. Porén, si tivo aquela información algo de premonitorio, pois a información da universidade, primeiro, e a política, despois, regaláronme anos máis tarde os meus mellores momentos no periódico, cando ainda sobreviviamos sen internet, escribiamos nunha pantalla en negro baixo a lei do ok e amañabamos o deseño con estraños comandos ufcua. Naqueles tempos de fax, cando ainda Carliños subía do arquivo as fotos en papel, viame eu empoleirada para exercer de xornalista, na primeira liña e cos ‘importantes’. O tempo ensina a relativizalo todo, pero canto desfrutei entón desta profesión linda!

Agroman neste aniversario as mellores lembranzas de toda unha vida en EL CORREO GALLEGO.

As anécdotas da nosa particular historia que como ninguén garda na memoria e conta Xaime Leiro.

As tertulias na redacción para arranxar o país. A nostalxia polos vellos compañeiros, os que xa non están e os que emprenderon outros camiños, polos que nos ensinaron e tiraron por nós. A amizade infinita. O doloroso adiós ao Galicia Hoxe. As risas, pero tamén os choros, as horas de traballo interminable que roubamos aos nosos fillos. O sono perdido por un titular desafortunado. O recoñecemento, pero tamén a incomprensión. Os duros anos da crise que sufrimos como ninguén, porque non hai camiño de rosas sen espiñas. Toda unha vida enfrentados a unhas cantas follas en branco para escribir e analizar o que ocorre ao noso arredor. Para contar historias. ¡Que biba EL CORREO! Con dúas bes ben grandes.

16 jun 2020 / 01:26
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito