Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
XAIME LEIRO DARRIBA / Xornalista / Galicia

Con G de galego

Aterrei en EL CORREO GALLEGO en xullo de 1992, ano das olimpiadas de Barcelona e da Expo de Sevilla e na antesala do Xacobeo 93. E hoxe, case que 28 anos despois, o director bríndame amablemente a oportunidade de presentarme diante dos lectores cunha pincelada vital. Nacín en Folgoso, concello pontevedrés de Cerdedo no 1961, e teño fixada na miña memoria a primeira imaxe de Santiago de Compostela, cando con pouco máis de seis anos, con motivo dunha excursión para coñecer a Catedral, pedín axuda a uns turistas para beber na fonte dos cabalos, na Praza de Praterías, porque eu pola miña cativez non “cheghaba” ao chorro de auga. ¡Galleguito, galleguito!, exclamaron burlóns. Así o sentín eu, porque xa antes na escola fora golpeado verbalmente por chamarlle “boteja” a unha botella de leite. Sabía do que falaban. Por iso, cando cheguei ao instituto Sánchez Cantón de Pontevedra para estudar o Bacharelato sentín a proximidade afectiva do director, que na súa lección inaugural no paraninfo dirixiuse a alumnos e profesores en “galego” e con todas as da lei. Tratábase de Xosé Fernando Filgueira Valverde, do que gardo algunha anécdota de home tenro e entrañable, que dun xeito natural fíxome sentir de novo cómodo co idioma agarimoso no que me comunicaba cos amigos, veciños e familia na arcadia feliz. Aquel ADN idiomático, aquela G de galego, aniñou en min. E dende entón foise afianzando: G de galego, G de Galicia como lugar referencial. Sendo meus pais emigrantes, ademais, o traballar en Galicia pasou a ser unha consigna machacona de familia que, no meu caso, nin siquera facía falta. Con ese ímpetu e coa outra faceta vital que tamén sempre me marcou, a da inquedanza extrema por desentrañar todo o que me rodeaba, os meus folgos centráronse sempre nesa dirección. Por iso, ese 1992, antesala do acertadísimo inventio do Xacobeo, igual que sucede hoxe co que se prepara para 2021, sentinme enormemente honrado con que o xornal que leva o G de Galego na súa cabeceira me acollera na súa redacción da man de Caetano Díaz, Luis Pérez e Xavier Cea, ou viceversa. Por riba, tiven a enorme fortuna de que a acollida fora na sección que levaba a G de Galicia, na que sigo hoxendía. Longa vida a Galicia, célula de universalidade, longa vida a EL CORREO GALLEGO.

16 jun 2020 / 01:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito