Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
JACOBO TÁBOAS FERNÁNDEZ / Xornalista / Sección Santiago

O desafío de configurar o xornal do futuro

Levo apenas oito anos en EL CORREO GALLEGO, e digo apenas non porque sexa un tempo insignificante, senón polo feito de que hoxe estamos a celebrar o número 50.000, ou o que é o mesmo, case 143 anos de historia, o cal da boa conta da enorme dimensión deste xornal, con presenza xa en tres séculos diferentes.

Para alguén que non é compostelán, que é dunha vila da provincia de Pontevedra situada a 100 quilómetros da capital galega, vir traballar a Santiago enténdese como un auténtico luxo, un lugar case ideal para desenvolver a súa profesión. Recordo a data do primeiro día (8 de agosto de 2012), e as boas sensacións que me transmitiron tódolos compañeiros. Unha das tarefas que tiña por diante pasaba por recoller as historias persoais, case sempre con moito sentimento, que moven a milleiros de peregrinos a camiñar cada ano ata Santiago. De feito, daquela, a Ruta Xacobea comezaba a encadear récord tras récord no que se refire a afluencia de camiñantes.

Non obstante, como a sección de Local é un espazo do xornal que camiña da man da cidade, na miña primeira semana xa combinei unha reportaxe sobre paseos turísticos en patinete eléctrico que se estreaban ese verán no casco histórico cunha visita a un dos establecementos comerciais máis senlleiros de Compostela: Sombrerería Iglesias, que no 2012 cumpría un século de vida no corazón da zona vella, na Rúa do Vilar. É na actualidade o único comercio deste tipo que aínda se pode atopar na cidade, e foi referencia para figuras destacadas da cultura galega como Alfonso Rodríguez Castelao, ou para artistas internacionais do nivel de Luciano Pavoratti, que acostumaba a facer parada nesta sombreiraría cando visitaba a capital galega.

Así pois, logo dos sempre especiais primeiros artigos, viñeron máis e máis novas, porque xa saben que a maquinaria dun xornal non descansa, e día tras día hai que alimentar as súas páxinas. A medida que ía pasando o tempo decateime do profundo arraigo que ten EL CORREO na capital galega e o cercano que é para tódolos cidadáns. Sucedíanse as visitas de moitos veciños que se achegaban ata a sede do Preguntorio para dar conta, por exemplo, de obras necesarias nos seus barrios e que sen embargo non se levaban a cabo. E facíano sabendo que isto podería axilizar o tema en cuestión.

Así mesmo, tamén teño gravadas as moitas visitas de xente sen recursos, de Santiago ou de fóra da cidade, persoas que pasaban a noite nas rúas de Compostela e que acudían a nós para que lles axudaramos dalgún xeito a atopar un teito no que refuxiarse. É aquí un dos cometidos más importantes que ten un medio de comunicación: dar voz a aqueles que máis o necesitan.

Por outra banda, o feito de aterrar na emblemática sede da rúa do Preguntorio, situada en pleno casco histórico, permitiume ir coñecendo e saboreando rapidamente a esencia dunha cidade que se define pola súa beleza, grandiosidade histórica, condición de cidade universitaria, meta dunha ruta de peregrinación milenaria ou pola súa amplísima programación cultural. En definitiva, un lugar de privilexio para traballar, e tamén para gozar.

Posteriormente, a estrea do novo centro de traballo nas modernas instalacións do polígono industrial de Costa Vella denota unha decidida aposta para, en plena era dixital, configurar o xornal do futuro. E nesa apaixonante viaxe estamos, coa posta en marcha dunha nova web e coidando sempre con moito agarimo a edición impresa.

Parabéns a toda a familia que formamos o Grupo Correo Gallego.

16 jun 2020 / 00:53
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito