Síguenos en redes sociales:

O galego cóase na campaña: a oposición ve ao PP “lingüicida”

O Bloque acusa aos populares de traballar catorce anos “contra” a lingua e o Partido Socialista lembra a Alfonso Rueda na manifestación de Galicia Bilingüe en 2009

Manifestación de Queremos Galego en Santiago polo Día das LetrasJesús Prieto

22

Despois dunha longa paz lingüística durante as sucesivas lexislaturas de Manuel Fraga, a lingua galega saltou á contenda electoral en 2009, nunha campaña que devolveu as rendas do Executivo autonómico ao PP trala paréntese do Bipartito e da súa aposta por unha normativa que concretaba sobre o papel o mesmo número de horas para galego e castelán no ensino. Nada máis volveren ao Goberno, os populares impulsaron o denominado decreto do plurilingüismo e quedaron sós na súa defensa. 

Dende aquela, socialistas e nacionalistas cargan dende a oposición contra a política cultural e vencellada á lingua galega do PP, e así o volveron facer onte no Día das Letras Galegas, mentres os populares reivindican o seu “compromiso” coa lingua propia e que esta “ten os niveis de competencia máis elevados de todas as comunidades con linguas cooficiais, o que avala” as súas políticas.

O galego volveu coarse na campaña electoral onte e fíxoo durante os actos de protesta convocados en Santiago pola platafoma Queremos Galego. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou na manifestación da plataforma, baixo o lema “En galego, aquí e agora”, e fíxoo reivindicando un uso normalizado do galego en todos os ámbitos fronte ao que definiu coma unha política “lingüicida do PP” e un traballo “contra” o galego durante os últimos 14 anos, dende a chegada á Xunta do PPdeG liderado daquela por Alberto Núñez Feijóo e agora por Alfonso Rueda. 

A Rueda precisamente se referiu o secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, quen acudiu á concentración polo Día das Letras na capital galega e nese foro lembrou a asistencia do actual presidente da Xunta a outra concentración, nese caso a convocada por Galicia Bilingüe en 2009, cando aínda o PP estaba na oposición, e na que a devandita entidade denunciaba a “imposición lingüística”.

A número un dos nacionalistas galegos esgrimiu a convocatoria da manifestación de onte para afirmala como resposta diante da política de “ataque ao galego” do PP. “Miles de galegos e galegas dicimos alto e claro que non queremos que o Partido Popular nos roube a nosa lingua”, asegurou, tras denunciar como o Goberno popular leva 14 anos dedicado a “traballar contra o galego”. 

Ao modo de ver da portavoz nacional do Bloque, o que definiu como “política lingüicida” do PP amósase en datos coma os que reflicten que “por primeira vez o galego xa non é a lingua maioritaria de Galicia e o 24% de menores de 14 anos afirman non saber falar en galego”. Ao respecto, subliñou que a política do PP e normativas coma o decreto do plurilingüismo –que considera “un timo” que procura “unha maior presenza do castelán” e insta a derrogar–, “persiste en roubarlle o dereito” aos máis novos a “coñecer e usar a nosa lingua”.

Para Pontón, ademais, o galego segue “excluído” de “moitos ámbitos”, malia o dereito dos galegofalantes a non seren “discriminados”. Pola contra, dixo, é obriga das Administracións defender ese dereito e, lamentou, o PP non o fai, senón que se converteu “nun Terminator” para o galego.

Se Pontón presenta ao BNG como unha forza “comprometida” para que Galicia “teña o seu idioma e a súa identidade coma unha fortaleza”, o PSdeG eríxese tamén coma unha formación quen de “vehicular a forza e a ilusión” na “nosa cultura e identidade: na lingua galega”. Así o defendeu onte Formoso, que presentou aos socialistas galegos coma a opción política “capaz de conciliar a construción económica, urbanística e de sostibilidade coa promoción da lingua”. 

Asemade, instou a aproveitar os comicios o 28-M como “plataforma política” para rectificar a “deriva de minguar a cultura e lingua galegas” do PP. Formoso instou a protexer a lingua fronte á acción do Goberno presidido porRueda, do que lembrou a participción na concentración en contra da promoción do galego. No canto da maneira de entender o galego que representa o PP, propuxo “cambiar a protección da lingua e promocionala en cada recuncho das nosas vidas”.

Pulsa para ver más contenido para ti