Queremos galego reivindica o uso da lingua este 17 co lema "En galego, aquí e agora"

Ana Pontón e Valentín González Formoso participaron na manifestación de Santiago // O presidente da Mesa e portavoz da plataforma afirma que Rueda actúa en modo contrario ao lexislado sobre o galego

EFE

Milleiros de persoas saíron este mércores nas rúas das sete cidades, así coma nos municipios de Monforte de Lemos e Foz, para reivindicar, baixo o lema "En galego, aquí e agora" o emprego en todos os ámbitos desta lingua e denunciar a actual situación de "emerxencia lingüística". Estas nove protestas, que se celebraron de maneira simultánea ao mediodía, foron convocadas pola plataforma Queremos Galego, da que forman parte medio milleiro de entidades e cuxo portavoz é Marcos Maceira. Na capital galega, o tamén presidente da Mesa pola Normalización Lingüística achegou como datos que se cumpren 60 anos da primeira celebración do Día das Letras Galegas e 40 da promulgación da Lei de Normalización Lingüística, da cal asegurou que aínda hai que "reivindicar" o seu estrito cumprimento.

Maceira dixo que sen ir máis lonxe nesta campaña do 28M o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, actúa "xustamente" en modo contrario ao lexislado, "posto que se atreve a non facer uso do galego" e mesmo a "atacar o galego", dixo en declaracións á prensa.

Lembrou que así actuou xa "hai uns anos cando se manifestaba polas rúas de Santiago en contra do galego", pero observou que "fronte a iso hai unha sociedade que está viva", para acto seguido engadir que se o galego existe é grazas a ela, e, no seo da mesma, ao funcionariado que "sen medios é capaz de traballar en galego", ao profesorado "insumiso" e ás familias que traballan a transmisión do idioma. "Emerxencia lingüística" é o que hai, subliñou, e clamou por unha lingua, a galega, "presente en todo e para todo".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nesta mesma cidade enarborou unha contundente defensa da lingua, identidade, historia e cultura de Galicia. Pese a quen lle pese, opinou, en alusión ao Goberno dos populares do que subliñou que se dedicou a poñer "paus nas rodas" e a traballar "en contra do galego, que é tanto como traballar en contra de Galicia". Un día máis afeou a súa "política lingüicida" e lamentou a dirixente nacionalista que o galego xa non sexa a lingua "maioritaria" en Galicia e que o 24% dos menores de 14 anos digan non saber falalo. Está "excluído de moitos ámbitos", agregou Pontón, e os que o falan non deben nin poden sentirse "discriminados", polo que ten que imperar a "necesidade de poder desenvolvernos na nosa lingua". O PP converteuse nun "Terminator", salientou, o mesmo termo que usou na véspera, pero hai cidadáns que non están nada "dispostos" a que lles rouben.

Por iso defendeu a necesidade de cambiar a política lingüística, de defender con "normalidade o uso do galego" e de derrogar a "falacia" do decreto do plurilingüismo, que "non é máis que un timo" pois cada vez hai un "monolingüismo maior", ao seu xuízo, no que gañou o español.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, gabou en Compostela, no mesmo escenario, "unha lingua que nos dá un carácter propio como pobo" e cominou a protexela ao máximo. Como Maceira, lembrou que o presidente Rueda "se manifestou contra a promoción da lingua; non debemos esquecelo" e convidou a aproveitar o 28M para "empezar a cambiar esa forma de entender a nosa lingua".

Xunto a el, o secretario de Organización dos socialistas galegos, José Manuel Lage Tuñas, cominou a ler o artigo 5 do estatuto de autonomía de Galicia que o PSdeG ten moi claro, como defendeu, e que estipula que "a lingua propia de Galicia é o galego". Esta manifestación partiu da Alameda e terminou en Praterías, onde houbo lectura de manifesto e algunhas mensaxes reivindicativas, entre pezas musicais intercaladas.

Entre os seus participantes tamén estiveron outras forzas da esquerda, como a candidatura de Compostela Aberta liderada por María Rozas. O exalcalde da cidade Martiño Noriega, integrante desa lista e líder de Anova, foi un dos presentes, en compañía da súa familia.

Na Coruña a marcha partiu do Obelisco, en Vigo do cruce Vía Norte, en Pontevedra o punto foi a Praza Curros Enríquez, en Lugo a Praza Maior, en Ourense a Praza do Correxedor, en Ferrol a Praza do Inferniño, en Monforte a Praza de España e en Foz o propio Concello.