Queremos Galego maniféstase este mércores en Compostela baixo o lema En galego, aquí e agora

A marcha sairá ás 12h da Alameda e rematará en Praterías.

Imaxe de arquivo dunha manifestación de Queremos Galego

Imaxe de arquivo dunha manifestación de Queremos Galego / ECG

Redacción

A plataforma cidadá Queremos Galego, da que forman parte máis de 500 entidades, maniféstase o vindeiro mércores día 17 de maio ás 12h, polas rúas de Compostela, baixo o lema En galego, aquí e agora para aproveitar a proximidade das eleccións municipais e reclamar o papel normalizador dos concellos, fronte ao desleixo do resto de poderes públicos, "porque a situación de emerxencia lingüística non permite esperar outros 40 anos a que as institucións se dignen a cumprir as súas obrigas". A marcha sairá ás 12h da Alameda e rematará en Praterías. Simultaneamente, haberá manifestacións e concentracións en Vigo, Pontevedra, A Coruña, Ferrol, Ourense, Lugo, Monforte e Foz.

Queremos Galego chama a atención sobre a imposibilidade de vivir as 24 horas en galego. "Lamentabelmente", salienta o voceiro nacional da plataforma, Marcos Maceira, "os 40 anos da Lei de Normalización Lingüística non serviron para subverter a situación do galego, non contribuíron a gañar novos espazos". "O uso da lingua galega segue sendo minoritaria en espazos como o da Admon de Xustiza ou na Admon do Estado", denuncia.

A plataforma cidadá alerta, tamén, da "grave situación de emerxencia lingüística", consecuencia "do desleixo e pasividade dos poderes públicos, que desprezan a crecente conciencia social sobre a lingua e a súa vontade de repoñela e normalizala". "A Xunta segue convencida de que aplica a política lingüística adecuada", afirma Maceira, "e nós dicimos que é a política lingüística adecuada para seguir perdendo falantes, porque o galego é a única lingua peninsular que segue a perder falantes".

Neste sentido, Queremos Galego denuncia a "desgaleguización do ensino", recordando que as crianzas galegofalantes mudan de lingua tras o seu paso pola escola e que o alumnado remata os estudos obrigatorios sen competencia nas dúas linguas oficiais, segundo reflicten as estatísticas do INE e do IGE. "O mal chamado Decreto de plurilingüismo", remata Maceira, "contribuíu decisivamente a que hoxe, por primeira vez na historia, un de cada catro menores de 15 anos declare ser incapaz de se expresar en galego".