25 Xullo 2021
25X

Mirar o futuro con esperanza

  • 24 jul 2021 / 19:41
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego

Son 65 mulleres as protagonistas destas páxinas que bosquexan un país e que están escritas, un ano máis, en feminino e en plural. Ateigadas de ideas, enfoques e propostas diversas mesturadas con denuncias e reivindicacións, con historias e vivencias tan auténticas como elas mesmas. Queda claro que o mundo non é de ninguén e é de todos. E, desde logo, de todas. Como a propia causa da igualdade na que EL CORREO GALLEGO se empeña desde unha das súas vocacións.

Galicia celebra o seu Día grande sen desviarse do rexistro da prudencia, pero con optimismo e ilusión. Certo que a pandemia segue aí e que, despois de tanto tempo de sacrificios e limitacións, a nosa gran aspiración aínda é reconquistar a normalidade, pero tamén é verdade que as vacinas minimizaron a mortalidade e están dándolle a volta á situación sanitaria, e que case podemos tocar os fondos europeos que relanzarán a economía. Vacinas e fondos son ecos de iniciativas científicas que deberemos estimular moito máis e da resposta decidida e común, por fin, a unha necesidade compartida, e estannos acercando cada día á vida tal como era, á recuperación e ao progreso.

Celebra Galicia o Día da Patria e a política, as necesidades, as queixas e os desexos de futuro de galegos e galegas faranse moi presentes nas rúas, outra vez sen manifestacións multitudinarias, pero coa forza de sempre. Honra Galicia ao Apóstolo e o feito relixioso vólvese máis histórico e máis vital. Hoxe sentimos o apoio dun xeito especial logo de que o papa acuñara unha devezada ampliación do Ano Santo, que se prolongará ata 2022 e que será decisivo tamén no ámbito económico nestes momentos de afogo. Ademais, os Reis, Felipe e Letizia, presiden en Compostela a Ofrenda na Catedral, acompañados da princesa Leonor e a infanta Sofía. A súa presenza é un significado alento e amplifica a proxección da cidade, de toda comunidade e do Camiño en pleno Xacobeo.

Don Felipe asiste ao acto de entrega das Medallas de Galicia e tamén participa na reunión do Real Padroado da Cidade. O do Padroado é un reencontro moi desexado logo de moitos anos de silencio, e debería ser útil e produtivo para a capital de Galicia. A alcaldía avanza grandes expectativas mentres que os partidos da oposición mostran dúbidas, reticencias ou escepticismo e apremian unha mirada cómplice e sincera do Goberno central, ata agora esquiva, que se traduza en atención e recursos. En calquera caso, hai consenso en que é unha boa noticia, e o alcalde anunciou o arranque dun importante programa de investimentos a executar en Santiago na vindeira década.

Recoñezamos que, aínda habendo serias dificultades, hai motivos para mirar o futuro con confianza. EL CORREO, que cumpre xa 144 anos o 1 de agosto, súmase á celebración do 25-X con este suplemento e reafirmando o seu compromiso coa defensa de Galicia e coa información, para ofrecer nas edicións de papel e dixital un produto xornalístico digno. X.C.O.

Tema marcado como favorito