O actor Luís Tosar elixido 'Gallego de febrero' polo Grupo Correo Gallego
Ultima, logo de seis meses en Madrid, a súa participación na rodaxe de Te doy mis ojos, o novo filme de Iciar Bollain, directora coa que xa traballara en Flores de otro mundo (1999), unha longametraxe na que lle deu vida a Damián, un home silandeiro e traballador, situado no epicentro daquel relato sobre a inmigración, a soidade e as relacións humanas e interculturais.
"Estamos na recta final de Te doy mis ojos'', sinala Luís Tosar, o actor lugués que foi elixido, por unanimidade das redaccións de El Correo e O Correo, Gallego de febrero, unha distinción que lle chega nun momento doce da súa carreira, con proxectos aínda por estrear e como rostro xa habitual de varias das produccións máis importantes do panorama cinematográfico galego e español.
"É unha película moi dura, na que fago o papel dun maltratador'', lembra Tosar, quen retoma o rol xa interpretado nunha anterior curtametraxe de Bollain, Amores que matan (2000). Acompañado agora polas actrices Laia Marull, Candela Peña, Rosa María Sardá e Kiti Manver, Tosar, premio Goya 2002 ó mellor actor de repartimento por Os luns ó sol de Fernando León de Aranoa, expresa a súa aposta polo chamado 'cine de compromiso', un cine no que acha "referencias próximas'', no que se sente a gusto e que lle permite ademais afondar nos problemas sociais.
É se cadra nesta identificación co real onde radica a crecente popularidade dun intérprete que xa coñecera como xuíz da serie de Mareas Vivas da Televisión de Galicia o seguimento masivo do público. Superada aquela etapa, que lembra con agarimo, e arredada a pantasma do estancamento no personaxe, Tosar céntrase agora na pantalla grande e é alí onde se lle pode ver hoxe na galardoada Os luns ó sol e Trece badaladas, o thriller de resonancias fantásticas do galego Xavier Villaverde. Pendentes de estrea están O lapis do carpinteiro, de Antón Reixa, El regalo de Silvia, de Dionisio Pérez, e La flaqueza del bolchevique, de Manuel Martín.
Noutra listaxe paralela figuran os proxectos futuros, a rodaxe de El año de la garrapata de Jorge Coira, para este verán, e tamén en Galicia, a última película de Gutiérrez Aragón, La vida que te espera.
Os Goya
Luís Tosar foi, na edición pasada dos premios da Academia de Cine, o primeiro galego que recibe un Goya como mellor actor de repartimento, polo seu papel na película Os luns ó sol.
É canto á hora de definir o seu papel de José en Os luns ó sol, un traballador en paro, tamén silandeiro, insomne, desacougado, como 'un antes e un despois' na súa carreira. Con todo non dubida en lembrar a película como "moi especial'' e a cerimonia de entrega dos Goya como "emocionante''.
Nesa gala, onde Os luns ó sol arrasou nas categorías principais, Tosar pronunciouse contra a guerra e berrou Nunca Máis; trala polémica, segue sen ver problema ningún naquelas declaracións. "Cando as cousas saen espontaneamente non hai que apoiar nin que reprochar nada, é algo que sae dun'', di, convencido de que "os actores facemos un labor de espello do que pasa, non somos adaís, estamos en contacto coa xente e hoxe a xente ten ganas de protestar''. Ese labor reeditouno Tosar na marcha de Nunca Máis en Madrid, onde leu, con Juan Diego Botto, un dos manifestos que pechou a protesta galega. Perante unha ateigada Porta do Sol, con Miña terra galega, "un himno xa'', vibrando na megafonía, confesa o orgullo e a emoción que sentiu nesa marcha.
É consciente do apoio da xente e, anque se sente "un pouco raro'' no medio dos recoñecementos, só ten agradecemento para os moitos que ven nel unha sorte de embaixador galego.