A Cidade da Cultura volve celebrar a súa tradicional festa de Entroido convidando ao público a unha divertida tarde familiar. A música de Brais das Hortas e un gran baile de disfraces, con DJ e temática relacionada coa horta, serán os grandes protagonistas.

O Entroido na horta celebrarase na tarde do luns 12 de febreiro no Museo Centro Gaiás dende as 16.30 ás 20.00 horas. O programa festivo comeza con música a cargo dun DJ para ir quentando motores e dar paso ás 17.30 ao concerto cheo de humor de Brais das Hortas. Ás 18.30 será o momento para dar boa conta do enxeño dos participantes que queiran mostrar os seus disfraces nun desfile no que non faltarán os premios á orixinalidade. Ás 19.00 retomarase o baile, acompañado de animación, para seguir gozando ata o fin de festa.

Acorde ao espectáculo central da xornada, a temática do baile deste ano estará centrada nas cousas da horta, polo que se agarda que o Gaiás se encha de verzas, patacas, leitugas ou todo aquelo que poida estar relacionado con este eido. Iso si, o importante é estar dispostos a bailar e cantar nunha tarde na que a vergoña quedará na casa.

Consertasso na horta’

Brais das Hortas traerá á Cidade da Cultura letras e música con moito humor para apañar risos e gana de cantar e bailar con temas e estilos moi variados. O Consertasso na horta está composto por un repertorio definido como un ecosistema musical saudable co que ninguén poderá permanecer quedo.

Brais das Hortas foi finalista dos Premios Martín Códax da Música no 2023. É músico, narrador oral e clown. Como músico toca en Blues do País e Sacha na Horta, e colaborou en numerosos proxectos como Ataque Escampe. Como clown e músico participa en dous espectáculos con Peter Punk Pallaso. Na faceta de narrador oral leva máis dunha década na Tropa de Trapo con Marta Ortiz.

As entradas teñen un prezo de 3 euros (máis gastos de xestión) e xa están á venda no Museo Centro Gaiás ou en liña na en Ataquilla.com.