Dúas sesións matinais de ‘Soños’ no Principal

ESCENA O Teatro Principal en Santiago acollerá esta mañá dúas sesións para escolares da obra teatral Soños, centrada na realidade dos mozos e mozas que se atopan en situación de tutela. A utilización de acrónimos deshumanizantes como menas, así como o racismo integrado nos medios de comunicación, reforza a estereotipación destes menores como persoas conflitivas cando, en realidade, son só nenos e nenas que tiveron que fuxir dos seus países para poder ter unha vida mellor, e é o que se aborda na obra.

Experiencia sensorial coa diversidade da Terra

‘Hábitats. Natureza estendida’ permanecerá no Museo Centro Gaiás ata o 19 de maio Cedida

GAIÁS Participar dunha experiencia sensorial inmersiva que atravesa a diversidade de ecosistemas do planeta Terra, nunha viaxe polos cinco continentes, é posible grazas a iniciativa Hábitats. Natureza estendida, aberta ata o próximo 19 de maio n Museo Centro Gaiás. Unha iniciativa que combina os mundo físico e dixital para invitar a un percorrido por nove destinos nos que se pode convivir e interactuar con animais e plantas recreadas con gran realismo grazas ás tecnoloxías de realidade virtual e realidade aumentada. Accesible a partir dos nove anos de idade, pode visitarse de martes a domingo na Cidade da Cultura. O prezo das entradas, que se poden comprar no Gaiás ou a través de Ataquilla, é de tres euros máis gastos de xestión. Cada xornada conta con oito sesións, catro de mañá e catro de tarde.

Johanna Baget actúa esta noite no Modus Vivendi

CONCERTO A artista francesa Johanna Baget ten previsto actuar esta noite no pub compostelán Modus Vivendi, nun concerto programado para as 21.00 horas dentro do ciclo Voces Novas, impulsado polo emblemático local santiagués. Entre as actuacións da artista francesa, que o ano pasado estivo de xira por Europa durante catro meses, destaca a que ofreceu xunto a o trombonista Roberto Pacheco en Madrid en marzo.

Visitas guiadas e coloquios cos Artistas Noveis que expoñen no Auditorio

RECTA FINAL A exposición do Décimo Terceiro Premio Auditorio de Galicia para Artistas Noveis encara a recta final. O domingo 25 de febreiro conclúe o período expositivo desta mostra que reúne 33 traballos de artistas e colectivos emerxentes. Esta semana haberá visitas guiadas de carácter gratuíto e coloquios con Sergio Marey e Laure Mojo arredor das obras que lles valeron, respectivamente, o primeiro e segundo premio nesta convocatoria.