Lucía Rodríguez é a presentadora de “Xente Marabillosa”, o novo programa da Televisión de Galicia que se estrea mañá, domingo, a partir das 22.40 horas. Tralo éxito do formato noutras canles autonómicas, o programa céntrase na procura da reacción dos galegos e galegas ante situacións de discriminación a través de cámaras ocultas.

Neste primeiro programa, que reivindicará o uso e fomento da lingua galega, Lucía Rodríguez estará acompañada por Esther Estévez, do “Dígocho Eu”, que exercerá de madriña; mentres que a actriz María Mera será a invitada VIP nesta ocasión. Non faltará tampouco a música, da man de Sheila Patricia.

–Todo listo para ver mañá o primeiro programa de “Xente Marabillosa”, como van eses nervios previos á estrea?

–Teño un pouco de nervios, confésoo. Primeiro porque é un programa novo en Galicia e hai unhas expectativas moi altas. Tanto na canle andaluza como na canaria funcionou moi ben, así que agora espero que guste moito aquí tamén.

–Que supón para vostede estar á fronte deste proxecto?

–Para min foi un regalo cando me chamaron para ofrecermo. Profesionalmente é un agasallo absoluto, primeiro polo formato en si, en prime time, e aínda por riba condúzoo soa; pero tamén polo feito de poder facer algo emocional, algo que tamén ten un pouco de servizo público. Estamos na Televisión de Galicia e este formato cumpre esa función, que é por unha banda facer denuncia social e amosar a discriminación que existe na sociedade e, por outra, amosar que hai persoas marabillosas que non permiten que a sociedade se converta niso; todo o contrario, que demostra que hai xente moi boa en Galicia. Chorei moitísimo coas cámaras ocultas.

–Di que foi moi intenso o proceso de gravación desas cámaras ocultas, ¿importante ter un equipo detrás que o facilite?

–Hai un equipazo. Empezando pola estética do estudio; nunca vivín unha igual, é incrible a luz que ten, a calidade que transmite, porque ó final a xente ten que sentirse cómoda para abrirse dentro do plató; e, por suposto, hai un equipazo detrás incrible. Ás veces non se ve a labor dos redactores que están previa e posteriormente buscando a mellor situación para que se poida demostrar que hai xente marabillosa, pero traballan moitísimo.

–Tamén é un programa, máis alá da labor social, de puro entretemento.

–Claro. Isto é entretemento, moito máis alá de amosar emocións e situacións que che van remover por dentro, pero temos tamén moito show dentro do estudio. Hai actuacións musicais tamén; que lle poñen a banda sonora ó que está acontecendo nese momento. E temos sorpresas: os nosos marabillosos ou marabillosas poden ser anónimos pero tamén hai algúns personaxes famosos de Galicia que se implican e vemos, ás veces, unha cara que non coñecemos deles. A mellor cara, por suposto. As cámaras ocultas dos nosos famosos van ser moi sorprendentes.

–Neste primeiro programa estarán Esther Estévez e María Mera.

–Efectivamente. Neste primeiro programa a nosa madriña será Esther Estévez, que fai o corte inaugural, e María Mera é a nosa marabillosa VIP, que reaccionou moi ben ante unha situación de discriminación por falar o galego. O primeiro programa vai sobre un termo que é “glotofobia”, que é o odio ou a discriminación por falar un idioma ou, simplemente, por ter un acento. Demostramos que defendemos o galego a morte.

–A temática irá cambiando nos diferentes programas.

–Si. A temática é o fío transversal de cada programa. Neste primeiro estreámonos con este tema, pero temos outros moitos e tocamos dende a violencia de xénero, a discriminación por padecer cancro, a homofobia, a discriminación por ser maior, a saúde mental...

–Tamén hai un público virtual.

–No canto de ter público presencial, nesta ocasión é unha pantalla xigante e o público virtual acompáñanos durante todo o programa. Normalmente no público virtual sempre atopamos á persoa coñecida que está relacionada co padriño ou madriña do programa ou cos marabillosos e moitas veces ese público virtual tamén participa da sorpresa, interactúan constantemente.

Foi un regalo cando me chamaron para ofrecermo; profesionalmente é un agasallo absoluto

–E como se traballa cun público virtual?

–Eu estou moi afeita a ter público presencial. Nos outros programas que teño presentado sempre miro si a xente está entretida, sorrindo, contenta... Neste caso non podo velo, pero lévase ben porque se crea un ambiente moi cálido e próximo co padriño e madriña, cos marabillosos que veñen... Ó final non te das conta tanto de que non hai público.

–O formato ten tódolos ingredientes para que saia ben.

–Eu espero que á xente lle guste. Os ingredientes perfectos para que o público se sinta atraído creo que os temos porque ó final é emoción e iso sempre gusta e engancha. É pura emoción, non hai trampa ningunha, non hai un guión. Eu creo que é algo importante a destacar porque houbo xente que non coñecía o formato que me dicía que son cámaras ocultas falsas, pero non; o que facemos é recrear situacións reais que si pasaron e ás veces o protagonista é a persoa que o viviu. Nalgúns casos recorremos a un actor, pero nese caso está recreando a situación dunha testemuña que nos contou absolutamente todo do que viviu, non é algo que inventes, é algo real. Tivemos varias cámaras ocultas nas que a vítima era a persoa que sufriu esa mesma situación de discriminación, entón a emoción era brutal cando llo contábamos ó marabilloso ou marabillosa.

–Sirva tamén como radiografía da sociedade galega.

–Moitas veces din que os galegos somos como moi para dentro, que nos cortamos moito, pero para nada. Desmontado ese mito por completo. Somos de reaccionar, de ver unha inxustiza e dicir que iso non se pode permitir. A xente en Galicia, que quede dito, é marabillosa.