O vindeiro mércores, a partir das 22.40 horas, o espazo con máis resonancia social da TVG, Xente Marabillosa volve á pantalla para falar sobre o autismo, unha afección que afecta ao neurodesenvolvemento e ao funcionamento cerebral dos pacientes, ocasionándolles dificultades na comunicación e interacción cos demais, así como na flexibilidade do seu pensamento e conduta. Segundo os últimos estudos realizados, un de cada cen menores ten Trastorno do Espectro Autista (TEA) e a cifra continuará medrando nos próximos anos. E, aínda que a día de hoxe non existe unha cura, a identificación precoz e a intervención intensiva cando o neno é pequeno poden lograr grandes melloras no prognóstico.

A educación e a inserción laboral constitúen dúas preocupacións fundamentais para o colectivo que sofre TEA e para as súas familias. Resulta imprescindible satisfacer correctamente as necesidades do alumnado, contribuíndo á súa formación persoal e profesional, e diminuír a altísima taxa de desemprego á que se enfrontan. Para seren exactos, a organización Autismo Europa indica que entre o 76% e o 90% das persoas adultas con TEA non desenvolve ningunha actividade laboral.

Cámaras ocultas

Por iso, Xente Marabillosa emitirá dúas cámaras ocultas orientadas a visibilizar os casos de discriminación basados no rexeitamento social do autismo no eido empresarial. Nelas, unha rapaza contratada hai uns días nunha tenda de deportes será despedida en canto a xefa descubra a súa afección. Pero dúas persoas incribles sairán na súa defensa e serán recibidas no estudio para agasallalas como merecen.

Durante o programa, a presentadora Lucía Rodríguez estará acompañada por Jandro, o ilusionista e cómico que conseguiu gañar en cinco ocasións o Fool Us Trophy de Penn & Teller, un dos galardóns máis prestixiosos do mundo da maxia. Tamén visitarán o estudio o prestidixitador Joaquín Matas, finalista de Got Talent e pai dun neno autista, e Antía Bacelo, unha enfermeira diagnosticada de TEA que colaborou co equipo do programa durante a gravación das cámaras ocultas.

Como é habitual, en Xente Marabillosa tampouco faltará a música, que nesta entrega correrá a cargo do grupo The Rapants. Os muradáns acaban de rematar a súa xira O corasón como un after, logo de máis de 40 concertos por todo o territorio nacional, e pecharán o programa coa estrea de Blaster W4u, o primeiro sinxelo do seu novo álbum.