Sheila Patricia é unha das voces de referencia da nova canción de autora en Galicia. Todo un modelo a seguir que esta noite, ás 22.00 horas, participa no programa da Televisión de Galicia (TVG) Traes unha cantiga?, espazo no que cada semana soa o canto de taberna, un dos xéneros máis populares da música galega, e que pretende elaborar unha listaxe dos temas con máis sona.

Que cres que pode facer que os espectadores da TVG se entusiasmen con Traes unha cantiga?

Creo que é unha proposta nova, diferente e nunca vista en televisión, onde se visibilizan os nosos cantos de taberna, un xénero en pleno auxe.

E a ti que aspectos son os que máis te puideron entusiasmar do programa?

Encantoume formar parte do programa visitando cada vila de Galicia e coñecendo a fermosura de músicas que temos en cada vila, pobo e cidade, poder dar a miña visión musical sobre cada cantiga e, sobre todo, agradecida pola linda equipa de traballo que facía todo moi sinxelo.

No programa cantaranse maioritariamente temas moi populares. Como é a labor do xurado para atopar cal deles é máis popular que outro?

Ás veces tiramos polo xenuíno da peza, para poder conservar aquelas pezas da contorna, máis locais e menos coñecidas. Outras veces danlle unha volta a cancións moi cantadas e escoitadas e tes que quedarte con elas porque é unha grande orixinalidade ou simplemente ás veces valoramos dende o máis musical, as menos.

Que aspectos do programa Traes unha cantiga? conectan máis coa túa forma de entender a música galega?

O valor da comunidade, de ter unha visión ampla da nosa música así como a liberdade na inclusión de novos instrumentos, de respecto e cariño cara aos grupos e a súa defensa e conservación dos cantos de taberna que nos acompañan dende hai centos de anos.

Que dirías que aporta á música galega o xénero do canto de taberna?

Unha visión máis distendida, onde entra dende as xotas e muiñeiras ata as cancións máis de corais, tunas ou doutros lugares do mundo. Creo que é un xénero en pleno auxe e que temos que visibilizar ao máximo.

Pode o programa propiciar unha nova etapa para os cantos de taberna, un auxe deste xénero?

Eu penso que si, pode ser unha nova e interesante visión dos mesmos, e animar á xente cada vez máis a formar parte deste xénero.

O programa tamén da visibilidade a músicos que están facendo evolucionar a tradición musical de Galicia, que veñen ao programa como padriños ou madriñas. Que salientarías deste aspecto?

Creo que dan visións súper diversas, dende diferentes ópticas subxectivadas pola súa experiencia coa música.

E a vida detrás das cámaras, como a viviches?

Súuuuuper divertido, foi unha experiencia única e o persoal fixo que cada mércores fose unha nova aventura. A min encantoume, repetiría mil veces!

O canto de taberna, décadas atrás, era case en exclusiva con voces masculinas, pero no programa imos ver que isto está cambiando.

Afortunadamente. Veredes que eu fago un especial fincapé nisto, pois creo que estes espazos xa non son reservados unicamente aos homes, hai que seguir cultivándoos para crear espazos seguros, onde a liberdade de expresión sexa igualitaria de verdade e onde poidamos falar das cuestións.

Os espectadores da TVG, todos os mércores, iranse para a cama contentos e cantando?

Iso seguro, cada mércores irán ilusionados, con enerxía positiva e sabendo algún canto de taberna máis, facendo cultura, facendo pobo!