{ Olladas ao País }

Estado plurilingüístico; Estado plurinacional

Xoán Antón Pérez-Lema

Xoán Antón Pérez-Lema

O ACORDO ACADADO entre o PSOE e JxCat, apoiado ferreñamente e monitorizado polo conxunto dos soberanismos galego, catalán e vasco, abre o camiño (nin moito menos percorrido) para garantirmos o uso da nosa língua no Congreso e, das súas resultas, na Administración Central do Estado, canda na Unión Europea.

É evidente que o que nos compre á cidadania galega (e penso que tamén á cidadania vasca, navarra, catalá, valenciana e baleárica) é garantirmos o galego como língua vehicular na Galicia no ensino e de uso preferente nas Administracións Públicas, canda a súa normalización real no eido empresarial, civil e no ámbito do lecer, cultural e deportivo. Mais estes acordos son moi potentes, porque teñen unha fasquia de insólito recoñecemento á plurinacionalidade do Estado. Ollen senón ás análises e comentarios da prensa madrileña, que auguran a ruptura do Estado e demáis catástrofes bíblicas se os nosos deputados falan a língua de Rosalía no edifício dos leóns. Porque a unidade do Estado para moita desta xentiña (por non dicir xentalla) depende de se as persoas deputadas levan ou non un aparello de escoita traducida na orella.

En realidade esta reacción desaquelada da España unitarizante reflicte a existencia dunha dupla visión do Estado: a propia dos que negan a súa pluralidade consubstancial (pluralidade nacional, cultural e lingüística) e das que consideran esa pluralidade como un inconveniente máis ou menos grave que, como moito só se pode “conlevar” (Ortega y Gasset dixit). O certo é que como xa advertiu de esguello Josep Plà esa caste de análise é tan propio do español de esquerdas como do español de dereitas. Hoxe a diferenza é que o español de esquerdas precisa da chamada terceira España (eufemismo que agacha o conxunto dos soberanismos GALEUSCAT) para continuar co seu proxecto político, co risco de ser botado fóra da Moncloa senón aquela este acordo histórico.

Cómpre lembrar que estas medidas conectan cos Estatutos e Leis de normalización lingüistica de hai 40 anos, co artigo 27 do Pacto de Dereitos Civís e Políticos da ONU(1966), que recoñece o uso da língua propia, tamén nos ámbito todos da vida persoal, civil e administrativa e coa Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias de 1992, vixente no Estado español dende o 2004. Por certo, compre lembrar que o galego non é unha língua minoritaria na Galicia, senón minorizada, como o castelán é nidiamente a língua maiorizada na Galicia pola acción continuada e homoxeneizante aparello estatal español.

Éste habería ser o camiño para a plena introdución do galego como lingua preferente na Administración de Xustiza e na periférica do Estado e para garantir a súa presenza substancial no Instituto Cervantes, na Axencia Estatal Tributaria e na Administración da Seguridade Social, así como nas axencias e institucións europeas todas. Mais cómpre lembrar que temos adversarios moi poderosos.