{ NEGRO SOBRE BRANCO }

Comezo de curso:entre a ledicia e a desigualdade

María do Carme García-Negro

María do Carme García-Negro

DÚAS IMAXES CONTRADITORIAS son retransmitidas en directo no comezo de curso escolar. Chamámoslle ‘retransmitir’ porque como nova deixou de ser a típica serpe de verán, para pasar a se converter nunha retransmisión en directo. Nenos ben pequenos, en uso incipiente da capacidade de expresión oral, responden ás perguntas das/os reporteiras/os con monosílabos ou repetindo docilmente o que antes ouviron que dicían os seus proxenitores. O modelo perfeito é o seguinte: “Estou contento de empezar o curso, como dixo o meu papá/a miña mamá”; “Estou desexando ver os meus amigos” e, en terceiro lugar, con distancia, “quero coñecer os novos profes”. A outra parte da nova –diríamos que a negativa– nacida ao pairo do comezo de curso é o destaque do gasto familiar que supón esta rentrée, afectando de maneira grave á parte de rendas máis baixas. Efectivamente, se en primaria hai once materias e cada neno debe ter libro proprio novo, o desembolso ronda os 200 euros. A compra de libros non resolve o equipamento: libretas, bolis de escribir e de borrar (sei que se leva moito o de borrar sobre o escrito), carpetas, forros plásticos para os libros, lapis e bolis de cores..., por non citar a mochila e, así mesmo, o equipamento preciso para facer ximnasia ou deporte, igual á media da clase, para os nenos non sexan en destaque. Sumando todo e restando dun salario medio/baixo, é realmente un gasto considerábel, se non hai maneira de se librar del. Facemos unha primeira observación que ten sentido na mirada social no seu conxunto: a escola pública, con obriga universal de escolarización até os 16 anos, é útil instrumento do esvaído das desigualdades sociais? Ou, pola contra, non contribúe en absoluto a este obxectivo? Só atoparíamos unha resposta satisfactoria se se pode demostrar que a porcentaxe de abandono escolar é decrecente en cantidade relevante ano após ano e que deixou de se nutrir de nenos de familias de menor renda.

As preguntas van moito máis alá do aspecto vinculado á obriga dos desembolsos en gasto a principio de curso. Tanto os destaques de ledicia florecente amosando nenos felices, como os dados aterradores de familias en quebra económica, para cumprir coas obrigas escolares, son falsas. Para compra de libros e material na Galiza hai axudas públicas que, despois de seren solicitadas e cos requisitos de renda cumpridos, cobren máis ou menos as necesidades de compra de material escolar para comezar o curso. Seguramente, nas unidades familiares de renda superior aos mínimos estabelecidos (un mínimo de 6.000 euros renda per capita e un outro de até 10.000 con outras prestacións) e que se atopen fóra do dereito á percepción das ditas axudas públicas, ou en centros concertados, o monto do gasto (con uniformes, por exemplo) sexa moi elevado. Mais hai así mesmo, ao noso entender, un gasto público desfocado, nado dunha política de propaganda como copia inútil: o programa E-Dixgal só atinxe a cuarta parte dos centros escolares, e co seu orzamento anual –e outras medidas complementares de tipo organizativo– poderíase dotar de libro gratuíto a todas as escolas.