TRIBUNA

El Correo Gallego entre as décadas do s. XX

Xosé A. Grela

Xosé A. Grela

Aínda que a orixe desta cabeceira se sitúa en Ferrol, no mes de agosto de 1878, da man de José Mariano Abizanda, excapitán da Mariña Mercante, quen tamén sería rexedor da amentada vila, dous foron os momentos clave no século pasado: un, a adquisición do diario El Compostelano (1946) que, como edición vespertina, daría paso ao nacemento da cabeceira La Noche (con edicións homónimas en Bilbao ou Barcelona); dous, a propia fusión con este último, en 1967. 

Xornais de mañá e xornais de tarde. De feito, ao nome de El Correo Gallego seguíalle, a modo de subtítulo: “Diario de la mañana”. A actualidade precisaba desa actualización diaria e, esas catro follas dos xornais albergaban novas internacionais, locais, telegramas, necrolóxicas, seccións de anuncios, folletíns… Ata narracións por entregas, como a de M. Ortiz Novo, entre o 31 de xuño e o 12 de agosto de 1924, no diario El Compostelano. Na súa “Excursión al Tambre. La central eléctrica de Santiago”, por certo, publicada simultaneamente na revista mensual Vida Gallega (outubro 1924, nº 262) facemos unha viaxe no tempo, na toponimia, na sociedade, nos costumes…

- Buenos días! E a onde ides?

- A escola. 

- ¿Está moi lonxe?

- Le está, sí señor. Na Ponte Vilar.

- ¡Y esas manos tan sucias! Vaiche reñir a maestra.

- E que pelei patacas na casa e andiven no lume.

- Malpocadiño! (…)

- (…) é para mercar aceite cando saia da escola. Mandoumo levar miña nai pra as patacas amañadas”. (El Compostelano, 31 xullo, 1924)

 Poder acceder a toda esta hemeroteca dixitalizada, ao seu alcance na Galiciana (Biblioteca Dixital de Galicia) é toda unha experiencia para os lectores inquedos e descubridores: 

“Hurto de tojo. Fueron puestos a disposición del juez de (…) los vecinos de (…), Luis (…) de 50 años y su hija Manuela de 27 años, como autores de hurto de tojo a su convecino Manuel (…)” (El Compostelano, 31 xullo, 1924). 

El Correo Gallego ten o seu xermolo no Ferrol, pero pronto entendeu que os nomes que se lle dan as cousas non son casualidade; como non o é que escollese Santiago para fusionar as publicacións cun nome máis localista (El Compostelano) e así, desde a nosa cidade, fomentar, asumir e pretender unha maior universalidade como medio, non só compostelán, senón de amplitude galega. 

Mergullarse na súa hemeroteca supón unha retrospectiva por todo o século XX. Unha ollada macro e micro histórica. O que permite e explica que teñan dereito a compartir espazo no mesmo xornal, por exemplo, un bosquexo da “Liña Maginot” e as “patacas amañadas” dun mozo da Ponte Albar.

Respecto do roubo do toxo e da súa importancia na Galiza rural do século pasado, déixoo da súa conta. Só, se me permite, quixera lembrarme dos versos de Virxilio admirando ao par, o traballo das abellas co dos cíclopes. A dignidade e o dereito de poder comparar as cousas pequenas coas grandes: “Si parva licet componere magnis” (Georgicas, lib.IV, v. 176).