Goretti Sanmartín: "Hai quen quere tirar a Casa da Xuventude e quen está esperando que caia"

Pontón e  Sanmartín, na presentación do plan de vivenda

Pontón e Sanmartín, na presentación do plan de vivenda / Jesús Prieto

Valeria Pereiras

A concelleira do BNG e candidata á Alcaldía asegurou esta mañá que "se levan perdendo moitos anos de facer unha reforma nese lugar e nese espazo", en referencia á Casa da Xuventude e á praza do Matadoiro.

Trala presentación das propostas do BNG en materia de vivenda pública xunto á portavoz nacional, Goretti Sanmartín afirmou que xa existía a opción da reforma "mellorando o aspecto tanto desde o punto de vista estético, que non é o mellor do mundo, como de integración na praza, e combinalo coa apertura a Belvís".

Esta reforma, di Sanmartín "non se conseguiu facer por distintos problemas no mandato anterior, pero tampouco neste". A concelleira do BNG insiste en que o importante é o uso que lle vai dar ao edificio: "hai colectivos que levan tempo reuníndose alí e o que non se pode facer é o que fixo este goberno, pechar esta casa e non ofrecerlles outra alternativa que desprazalos do centro histórico e ter que someterse a uns horarios moi ríxidos dos centros socioculturais que non se adaptan ás necesidades".

A respecto do novo proxecto anunciado por Bugallo para reformar a Casa da Xuventude e mellorar a súa contorna coa apertura a Belvís, Sanmartín cualificouno de "coello na chisteira", porque segundo afirma "non está nin próximo a tramitarse", asegurando que "hai quen quere tirar a Casa da Xuventude e quen está esperando que caia".

Vivenda pública en Santiago

A candidata nacionalista a liderar o goberno no Concello compostelán presentou esta mañá as súas propostas en materia de vivenda pública para a cidade. Goretti Sanmartín estivo acompañada da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen denunciou o que considera un abandono case total da política social de vivenda por parte do PP na Xunta: “Catorce anos perdidos, prometeu 870 vivendas entre 2015-2020 pero entregou 40".

Neste sentido, Goretti Sanmartín “tendo en conta as dificultades de acceso que está tendo unha parte moi importante da poboación, en particular a xente moza, pero tamén as familias con salarios baixos e mesmo con salarios medios, ante a subida imparable dos prezos”, comprometeuse a realizar en Santiago un plan "para favorecer a venda ou alugueiro das 9.500 vivendas baleiras existentes en Compostela".

Eleccións municipais 28M

No que respecta ás eleccións municipais do próximo 28 de maio, e en resposta ás declaracións de Sánchez Bugallo que afirma que é totalmente imposible un sorpasso por parte do BNG no Concello, a candidata do BNG á Alcaldía afirmou que "hai que receitarlle a Sánchez Bugallo un pouco de humildade". "Tamén hai que recordarlle", engadiu Goretti Sanmartín, "que o Partido Socialista xa estivo con catro concelleiros en Santiago non hai tanto tempo, e a inmensa maioría do mandato con tres porque foi incapaz de substituír a persoa que dimitiu".

Sanmartín asegurou que "a pouco que fales coa xente, hai unha valoración absolutamente negativa da xestión de Bugallo estes catro anos. Non me extrañaría nada que baixase ate esa posición nestes momentos".

En relación a unha posible vitoria do PP, Goretti Sanmartín descarta "totalmente" a opción de que acade 13 concelleiros e chegue a gobernar. "Aquí o que se está xogando é quen vai liderar a Alcaldía, se vai ser o PSOE como pensa Bugallo, ou o BNG".