Borja Verea propón proxectar unha conexión peonil entre Vista Alegre e A Peregrina

Asegurou que buscará a mellor solución para arranxar os problemas de aparcamento na zona

Borja Verea

Borja Verea / JACOBO TÁBOAS

O candidato á Alcaldía polo PP de Santiago, Borja Verea, mantivo unha xuntanza cos veciños do Romaño e Vista Alegre para escoitar de primeira man as súas necesidades e trasladarlles tamén as primeiras iniciativas que levaría a cabo a partir de maio se consegue a Alcaldía. Esta reunión inclúese dentro dos Encontros directos que Verea está mantendo cos cidadáns polos diferentes barrios e parroquias da cidade, aos que hai que sumar as xuntanzas coas entidades veciñais, sociais, culturais e deportivas que o candidato popular iniciou hai xa máis de dous anos.

Imaxe do traxecto entre Vista alegre e A Peregrina

Imaxe do traxecto entre Vista alegre e A Peregrina / ECG

O presidente do PP de Santiago amosou o seu compromiso de “conectar de forma peonil Vista Alegre coa Peregrina cunha reurbanización que transforme unha das principais entradas á cidade nunha vía acorde da capital de Galicia e deixe atrás o estado de abandono que leva sufrindo esta zona desde hai anos”. Para o candidato popular á Alcaldía, é “inconcebible que este acceso á cidade se atope nunhas condicións que semellan máis as dun vial secundario que as dunha das principais entradas á capital de Galicia”, e engadiu que “estamos ante outra mostra de deixadez por parte deste goberno socialista esgotado e colapsado que durante este tempo non fixo nada para favorecer o tránsito de peóns entre dous puntos moi concorridos polos veciños da zona como son Vista Alegre e A Peregrina”.

O tamén deputado autonómico asegurou ademais que buscará “a mellor solución para arranxar os problemas de aparcamento que se rexistran nestas zonas” pero para iso, dixo, “será necesario reorganizar tamén as liñas de bus para que o transporte público se convirta nunha verdadeira alternativa de mobilidade”.

Ademais, comprometeuse a adecuar á entrada ao Centro Sociocultural, “que agora mesmo obriga aos veciños a atravesar unha zona sen luz e sen beirarrúas que no inverno se convirte nunha pista impracticable”.