O COAG premia a tres proxectos composteláns na súa XX edición

Recoñece obras de Vigo, Nigrán, Ourense, Cambre, Moaña, Cangas e O Rosal // As distincións foron entregadas nunha gala que congregou na Fábrica de Cerámica de Sargadelos de Cervo a 250 convidados

Foto de familia dos premiados na XX edición dos Premios do Colexio de Arquitectos

Foto de familia dos premiados na XX edición dos Premios do Colexio de Arquitectos / ECG

Redacción

O Colexio de Arquitectos de Galicia celebrou hoxe a Gala da XX edición dos Premios do Colexio de Arquitectos –Premios COAG–, onde se concederon as distincións ás mellores obras arquitectónicas e urbanísticas de Galicia. O concorrido acto celebrouse na Fábrica de Cerámica de Sargadelos en Cervo (Lugo) con douscentos cincuenta convidados.

A gala, organizada pola Delegación de Lugo do Colexio de Arquitectos, foi presentada polo xornalista Nico Carreira (podcast Café Derby 21 e colaborador noutros medios de comunicación). A actriz María Roja representou unhas dramatizacións, con guión da xornalista Marta Veiga Izaguirre, para explicar o proceso creativo de Sargadelos desde a visión de mulleres vinculadas a diversos homes que tiveron que ver na historia da fábrica, como a filla do Marqués de Sargadelos ou a muller de Isaac Díaz Pardo, Carme Arias Montero.

A presidenta da Delegación de Lugo do COAG, Carmen Figueiras, deu a benvida a todos os invitados nun espazo simbólico para a provincia e a arquitectura de Lugo, a Fábrica de Sargadelos, “exemplo do suxestivo que pode resultar o vencellamento entre a industria e a cultura”, e un proxecto arquitectónico na Mariña do ano 1968, ao abeiro do Laboratorio de Formas de Isaac Diaz Pardo –Colexiado de Honra do Colexio de Arquitectos de Galicia en 2001–, Luis Seoane e Andrés Fernández-Albalat, o decano fundador do Colexio de Arquitectos de Galicia e arquitecto deste gran proxecto da arquitectura industrial galega. “Creamos unha gala profundamente luguesa, apelando a nosa forza creativa e intelectual, moitas veces esquecida, quizais pola posición periférica que no discurso cultural hexemónico semella ter. Nós, lonxe de lamentar esta situación, facemos forza dela e hoxe, aquí, enchemos o noso peito, erguemos a cabeza e miramos á cara ao público para mostrarvos o noso xeito de facer, o noso xeito de pensar sobre o noso pasado, o noso presente, e invitarvos a reflexionar sobre o que, se cadra, nun futuro poderemos ser” –confesou Figueiras–.

A arquitectura, un ben de interese xeral para a sociedade galega

A decana do Colexio de Arquitectos de Galicia, Elena Ampudia, ofreceu unhas palabras nun día que cualificou de “especialmente emocionante para todos os que formamos parte do Colexio”, ao celebrar neste evento a vixésima edición dos Premios COAG e o cincuenta aniversario da entidade colexial. Confesou que agarda que esta celebración axude a motivar a todas as arquitectas e arquitectos a cumprir coas súas responsabilidades na transformación da comunidade galega para construír un futuro sostible para todos.

Sinalou que estes premios, creados en 1987, seguen mantendo a súa vocación inicial de “poñer en valor a arquitectura como conformadora do territorio na sociedade galega” seguindo unha das premisas do COAG na súa fundación: A contribución á difusión e promoción da arquitectura fóra do ámbito profesional. “O papel da arquitectura é dar resposta ás necesidades das persoas a través de construcións de calidade, integradas na contorna de forma harmoniosa, e sostibles desde un punto de vista social e económico. E así esta celebración é un recordatorio da importancia da arquitectura como un ben de interese xeral para a sociedade galega” –destacou–.

A decana describiu esta edición dos premios como a de “maior participación” das últimas, destacando, sobre todo, a xuventude da maioría dos participantes, así como a gran calidade das obras presentadas en todas as categorías, entre as que destaca a alta participación na modalidade de rehabilitación e restauración, o que afirmou pon de manifesto a importancia deste ámbito da profesión e o interese da sociedade galega no mantemento e protección do patrimonio construído. “Un dos retos máis importantes ao que nos enfrontamos é o de rehabilitar o parque de edificios existentes para cumprir os obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS), e os arquitectos podemos contribuír con iniciativas innovadoras” –manifestou–.

Sobre o aniversario do COAG, Ampudia apuntou que esta celebración pretende ser representativa do que é e do que foi o Colexio ao longo dos seus 50 anos, e por iso o evento contou coa participación de colexiados que forman parte da entidade desde a súa fundación, e cos finalistas dos premios COAG que representan moitos deles a mozas e mozos arquitectos que están despuntando na súa carreira profesional. “O COAG ten un papel clave na promoción da calidade, seguridade, respecto á diversidade e o equilibrio entre o medio ambiente e o urbanismo. Foi un motor fundamental para a evolución da arquitectura na nosa comunidade e contribuíu á mellora da calidade de vida da nosa xente. A arquitectura é unha profesión excepcional, e todas as arquitectas e arquitectos que formamos parte do COAG temos a responsabilidade de contribuír ao desenvolvemento da comunidade galega” –puntualizou–.

Neste sentido, Ampudia matizou que o COAG asumiu e debe seguir tendo un papel activo no deseño, execución e seguimento dos proxectos e programas que se desenvolven en materia de urbanismo e edificación. Indicou que a colaboración que existe coas Administracións Públicas é fundamental para lograr resultados que revertan nun verdadeiro beneficio para a sociedade galega. “Esta colaboración debe permitirnos impulsar unha arquitectura sostible, que contemple as necesidades dos cidadáns e que sexa respectuosa co medio. Estamos seguros de que, cunha boa coordinación e optimización de recursos, a arquitectura e o urbanismo contribuirán a garantir un futuro sostible para a rexión” –indicou–.

Pascuala Campos, contemporánea do rexionalismo crítico

O Premio Traxectoria Profesional, entregado pola decana do COAG, Elena Ampudia, foi para a arquitecta Pascuala Campos de Michelena (Sabiote, Jaén, 1938). A decana manifestou que se trata dun recoñecemento a toda a súa carreira profesional ligada á cidade e provincia de Pontevedra, e destacou a contribución de Campos á sociedade a través da súa práctica profesional e da labor como profesora de Proxectos Arquitectónicos na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC), onde transmitiu as súas ideas a varias xeracións de arquitectos. “Foi contemporánea dunha xeración que conforma o rexionalismo crítico, entendido como unha actitude fronte á memoria colectiva e un xeito de entender o lugar, o que implica unha renovación da linguaxe arquitectónica baseada nun profundo coñecemento da cultura construtiva local propia de arquitectos deste territorio titulados no anos 60” –sinalou–.

Ampudia destacou que nos anos 80 Pascuala Campos converteuse en profesora do departamento de Proxectos Arquitectónicos da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC-UDC), coordinado por Carlos Meijide, obtendo en 1995 a súa cátedra cun traballo titulado “Espazo e Xénero”. Deste xeito, Ampudia lembrou que Campos pasou a converterse na primeira catedrática de Proxectos Arquitectónicos das Escolas de Arquitectura Españolas.

Na súa práctica profesional, a decana indicou que Pascuala Campos une o proceso do proxecto co proceso de identidade, ambas construcións no tempo e accións emocionais.

A filla de Pascuala, Magdalena Portela Campos, asistiu en nome de súa nai, e a súa alumna e amiga íntima, Amparo Casares Gallego, arquitecta e doutora en Arquitectura pola Universidade da Coruña (UDC) e vicerreitora de Infraestruturas e Sustentabilidade da UDC, recolleu a distinción e leu un texto escrito do puño e letra pola homenaxeada, que moi emocionada agradece ao Colexio de Arquitectos este recoñecemento a toda a súa traxectoria profesional. “Conviene destacar su activismo feminista, que trasciende a la propia arquitectura. Recibió una felicitación de un grupo de amigas que le manifestaban su orgullo por la herencia personal y profesional que les dejó", apuntou Casares que tamén dixo que “ya tardaba” este recoñecemento público. Nas palabras de Pascuala que leu, esta dicía que sempre quixo "crear espacios emocionales, amplios y generosos, aunque fuesen pequeños". E do seu período na ETSA da Coruña engadiu que foi unha “etapa larga y gratificante”.

O evento contou coa asistencia dun gran número de representantes do COAG e colexiadas e colexiados, así como coa presenza da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez; a directora Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez López; o deputado da Área de Participación Cidadá da Deputación de Lugo, Roberto García Pernas; e o alcalde do Concello de Cervo, Alfonso Villares Bermúdez. Tamén asistiron representantes de colexios profesionais e do ámbito académico, como a presidenta do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (CSCAE), Marta Vall-Llosera Ferrán; o director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña (ETSAC-UDC), Plácido Lizancos Mora; a directora da Escola de Arquitectura de CESUGA, Silvia Blanco Agüeira; o vicepresidente do Consello Galego de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, Darío López Fernández; o decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, Enrique Urcola Fernández-Miranda; e a presidenta do Colegio Oficial de Agentes de la Propiedad Inmobiliaria de A Coruña, Patricia Vérez Cotelo.

Ademais, diversas empresas e entidades colaboraron nesta gala: ABANCA, Grupo Aluman, Exlabesa, Finsa, Fundación Arquia, Fundación Laboral de la Construcción de Galicia, Ramírez Construcciones, Rodiñas, Saint-Gobain, Sargadelos, EspacioHabit e Tejas Verea.

Os Premios COAG recoñecen as mellores obras da arquitectura galega, visadas e executadas no ámbito territorial do Colexio de Arquitectos no último bienio, período correspondente a obras acabadas entre o 1 de outubro do 2020 e o 30 de setembro do 2022. Nesta vixésima edición presentáronse ao certame 224 obras. O xurado valorou a calidade das propostas, o enorme esforzo e o nivel de reflexión sobre a vivenda e a cidade dos arquitectos de Galicia, así como a ampla participación de colexiados mozos e o gran número de mulleres en solitario que presentaron candidaturas na presente convocatoria.