As obras da nova senda peonil e ciclista entre O Milladoiro e San Caetano comezarán en outono

Tras as alegacións presentadas, o proxecto definitivo reduce o número de expropiacións, non invadirá a contorna da Colexiata de Sar e elimínase a conexión da rúa Ramón Baltar // As actuacións, divididas en dous tramos, desenvolveranse de xeito coordinado

A senda discorre polo Banquete de Conxo, o parque do Restollal e as Brañas de Sar, ata enlazar co actual itinerario de Clara Campoamor / |  A. HERNÁNDEZ

A senda discorre polo Banquete de Conxo, o parque do Restollal e as Brañas de Sar, ata enlazar co actual itinerario de Clara Campoamor / | A. HERNÁNDEZ / JACOBO TÁBOAS

Os traballos para o desenvolvemento da nova senda peonil e ciclista de 10,5 km entre O Milladoiro, a Estación Intermodal e San Caetano comezarán no outono, tal e como sinalan dende a Consellería de Infraestruturas, que promove esta actuación. Os dous tramos iniciais deste novo eixe de mobilidade, cuxos proxectos de trazado se aprobaron este xoves, correspondéndose o primeiro coa conexión entre O Milladoiro e a Estación Intermodal, que contará cun orzamento de 7,9 millónes de euros; e un segundo treito, no que o itinerario partirá da rúa Clara Campoamor e finalizará no complexo administrativo San Caetano, cunha lonxitude de 5,9 kilómetros e un orzamento de case 2,7 M€.

Despois das alegacións presentadas polos veciños da avenida de Pontevedra e polo propio Concello, a Xunta reduciu finalmente o número de expropiacións, xa que este orzamento autonómico inclúe o pagamento dos 363 predios necesarios para impulsar estes itinerarios, cando o plan inicial incluía máis de 500 parcelas afectadas. O obxectivo, indican dende o Goberno galego, é “crear na cidade un percorrido exclusivo para peóns e ciclistas de novo trazado, pendentes moderadas e sen apenas interacción co tráfico rodado”.

Ademais, tamén se modificou o itinerario previsto nas zonas de Conxo e Sar. Tras a análise das achegas recibidas durante o trámite de información pública deste eixe, Infraestruturas reducirá ata a metade a superficie a expropiar no entorno do lugar do Reiro e eliminaranse as pasarelas sobre o río Sar, empregando para o cruce as pontellas existentes. Así mesmo, no contorno do Antigo Mosteiro de Conxo utilizarase a plataforma do camiño existente, sen ampliar a explanación e cun pavimento o máis natural posible, mentres que no paso por baixo da estrada de Deputación, darase continuidade ao itinerario, acondicionando e limpando a contorna coa finalidade de mellorar o aspecto que presenta na actualidade. “Atendendo ás suxestións presentadas, elimínase a conexión da rúa Ramón Baltar, que quedará pendente de desenvolvemento en consenso e coordinación co Plan Especial de protección e rehabilitación da igrexa, hospital psiquiátrico e mosteiro de Conxo, que actualmente se atopa en fase de tramitación ambiental”, indicaron dende a Xunta.

E na zona da Colexiata do Sar, o trazado finalmente adoptado será o que vai polo viario existente que discorre pegado á liña do ferrocarril e que conecta a rúa de Clara Campoamor coa rúa de Sar, en lugar do itinerario pola contorna da Colexiata proposto inicialmente.

CLARA CAMPOAMOR.

De xeito xeral, o primeiro tramo da senda, entre O Milladoiro e a Intermodal, de 3,5 km de lonxitude, comezará no núcleo do Milladoiro, no aparcadoiro de Agro do Medio, e comunicará a través das rúas Curuxa e Figueiras co eixe Milladoiro-Santiago, o cal discorre inicialmente entre a SC-20 e a AP-9, pasando por encima dos túneles de Adif e conectando con Virxe do Rial. A partir desta rúa, o itinerario entra no antigo túnel de Adif, que será obxecto de acondicionamento, e continúa polo Banquete de Conxo, o parque do Restollal e as Brañas de Sar, ata enlazar co actual itinerario de Clara Campoamor, á altura da Estación Intermodal.

No segundo treito da senda, que partirá da rúa Clara Campoamor e finalizará en San Caetano, a intervención comezará polo acondicionamento dos treitos actuais, aos que se lle dará continuidade nas partes que non os hai, ao longo da marxe sur da liña do ferrocarril, ata a rúa Fontes do Sar.

Ademais, prevese o cruzamento da SC-20 aproveitando o paso inferior da rúa Fontes do Sar, para subir polas rúas de Fontiñas, coincidindo coa ruta Eurovelo ata o nó de Concheiros, recentemente remodelado e xa nas proximidades do complexo administrativo da Xunta. A maiores, como itinerario alternativo para peóns, máis curto pero de maior pendente, proponse a avenida de Lugo, polo que se mellorará o paso inferior baixo a SC-20.

Next Generation.

A aprobación definitiva destes proxectos leva implícita tamén a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos predios necesarios para executar estas intervencións, promovidas pola Xunta ao abeiro do programa europeo dos Fondos Next Generation, co fin de favorecer desprazamentos menos contaminantes nas cidades galegas e nas súas contornas, fomentando a diminución de emisións de gases á atmosfera.

LICITACIÓN.

A Consellería de Infraestruturas prevé elevar ao Consello da Xunta a autorización para a licitación das obras neste mes de marzo e convocará o levantamento de actas previas das expropiacións no segundo trimestre deste ano, co obxectivo de comezar os traballos de estes dous itinerarios despois do verán.

As actuacións desenvolveranse de xeito coordinado, tendo en conta que o prazo de execución do tramo de conexión entre O Milladoiro e a estación intermodal é de 18 meses, e o do segundo treito, ata San Caetano, de 15 meses.

Posteriormente, esta nova senda peatonal e ciclista se completarán cun terceiro tramo de conexión co Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. En total, case 10,5 kilómetros de itinerarios que suporán un investimento global da Xunta de preto de 11,6 millóns de euros.