Inaugurada a senda verde que conecta O Milladoiro e A Rocha

Bugallo indicou que pretende “favorecer a conexión fóra do tráfico de coches e revalorizar o patrimonio cultural e natural existente”

Sánchez Bugallo xunto ao concelleiro de Obras, Gonzalo Muíños, e un grupo de veciños inaugurando a ruta.

Sánchez Bugallo xunto ao concelleiro de Obras, Gonzalo Muíños, e un grupo de veciños inaugurando a ruta. / l.rey

Santiago estrea unha nova senda que amplía a rede de itinerarios verdes e que conecta O Milladoiro e a Rocha. Ten o seu inicio no encontro da rúa do Porto de Conxo e a Rúa de Abaixo, ao oeste da rotonda da SC-20 no Milladoiro e chega ata a rotonda situada no extremo leste da rúa do Churruchao, ao sur do xacemento arqueolóxico do Castelo da Rocha.

Paralela ao Regato do Vilar, a nova ruta que une o límite do termo municipal no Milladoiro co Castelo da Rocha pretende “favorecer a conexión fóra do tráfico de coches e revalorizar tanto o patrimonio cultural como o natural existente no noso concello” explicou o alcalde, Sánchez Bugallo, que realizou a ruta xunto ao concelleiro de Obras, Gonzalo Muíños e veciños da zona.

Foron preto de 150 mil euros os que se destinaron á creación deste viario verde que cruza, en varios momentos, co Camiño Real que atravesaba nesa altura o municipio. Cunha base de saburra, o percorrido incorpora unha ponte para salvar o atranco dun regato que atravesa o itinerario, e ten unha lonxitude de 1.248 metros.

A idea desta actuación é que “sirva de continuidade coa intervención feita nas inmediacións do Castelo da Rocha”. Na zona creouse un aparcadoiro de visitantes e mellorouse o acceso peonil desde o aparcadoiro e o propio núcleo da Rocha ata o xacemento arqueolóxico. Tamén se creou unha atalaia- miradoiro nunha estrutura de aceiro e planta circular de sete metros de altura.

Paralelamente avanza a redacción do proxecto para a continuación de varias sendas que pretenden transformar a mobilidade na cidade. Cun orzamento superior aos 300 mil euros, diferéncianse dous ámbitos: sur e norte.

O sur será o que dará continuidade as intervencións finalizadas -senda do Milladoiro á Rocha-, contemplando que a intervención se inicie na contorna do Castelo da Rocha e comprenda o tramo do Camiño Portugués, paralelo ao río Sar entre a Ponte Vella de Arriba e o viaduto da Rocha (SC-20). A construción da senda incluirá ademais a recuperación da vexetación de ribeira dos cursos do regato do Vilar e do río Sar.

O ámbito norte, a outra pata da actuación, comprende o acondicionamento e restauración ambiental do espazo situado baixo o viaduto da AC-543, a Av. de Xosé Filgueira Valverde, sobre o río Sarela, en Vidán, construíndo ademais unha pequena ponte peonil que conecte as dúas beiras do río.

A actuación enmárcase na Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e Integrado Edusi, e ademáis conta con fondos Feder.