O PP reclámalle ao Concello melloras para “dignificar” o cemiterio municipal de Boisaca

A edil María Baleato considera que malia que se fixeron melloras “non son suficientes”

Cemiterio municipal de Boisaca en Santiago de Compostela

Cemiterio municipal de Boisaca en Santiago de Compostela / Jesús Prieto

Redacción

Maleza nos muros, mala sinalización, numeración dos nichos incorrecta ou pasos entre as sepulturas en mal estado. Estas son algunhas das deficiencias que denuncia o Partido Popular de Santiago sobre o cemiterio municipal de Boisaca. A concelleira popular, María Baleato, reclámalle ao BNG que leven a cabo as melloras necesarias para “adecuar e dignificar” o maior espazo funerario da capital de Galicia. 

Baleato destaca que “a imaxe global do cemiterio municipal é mala e, aínda, que se fixeron melloras, as actuacións acometidas non son suficientes, posto que é imprescindible que este espazo, moi respectado e querido pola veciñanza compostelá, precisa de reformas de maior calado”. 

Baleato explica que “hai que actuar en materia de sinalización, posto que resulta completamente imposible atopar un nicho ou unha sepultura dun xeito sinxelo, xa que a numeración non é correlativa, nin responde a unha orde coherente”. 

Risco de caídas

“Tamén é preciso acondicionar os pasos intermedios entre as sepulturas en terra, que se atopan en moi malas condicións e que dificultan o acceso ás mesmas, co conseguinte risco de caídas”, subliña a popular. Así mesmo, considera que “hai que arranxar un pozo abandonado e mesmo limpar o muro exterior do cemiterio, entre outras actuacións, co que melloraría a estética do lugar así como a replantación das pérgolas que se atopan tamén en estado de semi abandono”.

Finalmente, indica que “todo isto sen esquecer que, no cemiterio, hai elementos patrimoniais funerarios de relevancia artística, que deberían ser postos en valor, así como certos nichos e tumbas que sería interesante significalos, fóra dos que xa están no seu Xardín de Ilustres”.