Satisfacción do goberno local tras aprobarse a reforma da Casa da Xuventude pola Deputación

Bugallo considera que é “unha actuación acorde ao que precisa a veciñanza compostelá” e defíneo como “un espazo extraordinario para a mocidade e para acoller eventos sociais”

Casa da Xuventude, edificio rosado da Praza do Matadoiro, que acollerá usos municipais e provinciais / |  A. HERNÁNDEZ

Casa da Xuventude, edificio rosado da Praza do Matadoiro, que acollerá usos municipais e provinciais / | A. HERNÁNDEZ / l.rey

O pleno da Deputación da Coruña aprobou este venres en sesión extraordinaria o convenio co Concello de Santiago para a rehabilitación integral da Casa da Xuventude co fin de recuperalo e darlle novos usos, que estarán relacionados co ámbito das novas tecnoloxías ao incluír un espazo coworking, e en contra das propostas de PP e BNG de tirar o antiguo edificio da Praza do Matadoiro.

Ante esta nova, o alcalde amosou a súa satisfacción pola aprobación deste acordo que calificou de “magnífica noticia para Santiago”. Concretamente, o convenio recibiu luz verde con 16 votos favorables de PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños e o voto en contra do Partido Popular.

“Isto garante unha actuación acorde ao que precisa a veciñanza de Santiago, pero moi especialmente da cidade histórica e do barrio de San Pedro”, creando “un espazo extraordinario tanto para a xuventude como para a realización de eventos sociais”, explicou Sánchez Bugallo.

O custo da rehabilitación ascenderá a 1.346.000 euros, que será financiada nun 73 por cento (986.600 €) pola Deputación e o 27 por cento restante polo Concello de Santiago (360.000 €), segundo se estipula no propio convenio.

Tal e como xa se avanzou fai unhas semanas, con unha superficie construída de 1.700 metros cadrados, a Casa da Xuventude acollerá no primeiro andar un novo espazo de coworking especializado no metaverso que se integrará na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación e a outros usos provinciais no eido cultural, educativo e de servizos sociais ou relacionados coa formación de empregados públicos ou co desenvolvemento de iniciativas de reactivación e potenciación da actividade económica na comarca de Santiago. Por outra banda, o segundo andar estará destinado a usos do Concello, para a prestación de servizos municipais á cidadanía.

Aproveitarase o auditorio existente e unha vez rehabilitado e acondicionado será un elemento de uso compartido entre Concello e Deputación e terá acceso dende todos os espazos comúns.

En definitiva, a colaboración entre ambas as dúas administracións facilitará aproveitar a situación privilexiada do inmoble en pleno casco histórico e potenciar o seu uso como centro de servizos á cidadanía.

“Fronte ás propostas de demoler o edificio, os gobernos da Deputación e do Concello de Santiago avogamos por rehabilitalo, seguindo os principios da economía circular e todas as directrices europeas que promoven a rehabilitación de edificacións fronte á demolición”, manifestou Bugallo.

Para acometer as obras de rehabilitación do edificio, a Deputación organizará un concurso de ideas ao que poderán presentar as súas propostas todos os arquitectos e arquitectas colexiados/as no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia que teñan interese no mesmo.

O gañador ou gañadora do primeiro premio do concurso será a persoa á que se lle encargará o proxecto básico e o de execución e dirección de obra, que poderá ser compartida cos servizos técnicos da Deputación da Coruña.

Ademais, en función da calidade dos traballos presentados poderanse outorgar un segundo e terceiro premio de 3.000 e 2.000 euros respectivamente, así como a publicación das propostas con mellor puntuación por parte do xurado.