Alumnado da USC acerca as novas tecnoloxías aos maiores

O centro cívico Maruxa e Coralia acolle cada luns dos meses de marzo, abril e maio obradoiros sobre competencias dixitais interxeracionais, nos que participan 18 estudantes de Pedagoxía e Enfermaría e un total de 14 usuarios de asociacións

Unha alumna ensinándolle a dúas mulleres o uso da aplicación Telegram, o pasado luns / jesús prieto |  J.PRIETO

Unha alumna ensinándolle a dúas mulleres o uso da aplicación Telegram, o pasado luns / jesús prieto | J.PRIETO / lorena rey

Alumnado dos graos en Pedagoxía e Enfermaría imparte obradoiros semanais sobre habilidades básicas para o uso das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) a persoas maiores pertencentes a Acción Solidaria de Galicia (Asdegal) e a Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencias tipo Alzheimer (Agadea), no Centro Sociocultural Maruxia e Coralia. “É o segundo ano dos obradoiros interxeracionais, e a diferenza do primeiro incorporamos a Agadea e á Facultade de Enfermaría”, contou en detalle a este medio David Facal, profesor de Psicoloxía e un dos docentes implicados no proxecto.

María José Frade, á dereita, probando o uso da cámara do móbil /

María José Frade, á dereita, probando o uso da cámara do móbil / / lorena rey

Esta iniciativa enmárcase dentro do proxecto de innovación educativa en Aprendizaxe- Servizo ApS ‘Interdixitais’23:Competencias Dixitais Interxeracionais en Educación e Salutóxenese, co apoio do proxecto Inventehi da EIT HEI Initiative. A ApS pode ser descrita como unha metodoloxía educativa que integra os procesos de aprendizaxe coa realización de tarefas de servizo á comunidade. No caso de Interdixitais’23, o obxectivo é promover as competencias dixitais entre as persoas maiores así como un estilo de vida activo e participativo. As actividades desenvólvense, de marzo a maio, no seo das materias Psicoloxía do Desenvolvemento (de primeiro curso de Pedagoxía ), Educación ao Longo da Vida (cuarto de Pedagoxía) e Ciencias Psicosociais Aplicadas (primeiro de Enfermaría).

Outra docente implicada no proxecto é Alba Martínez, de Enfermaría, que sobre a participación na iniciativa asegurou que “como profesionais encargados da educación para a saúde, xunto a pedagogos ou psicólogos, podemos aportar información concreta de tecnoloxías para a saúde”. Dende que comezaron as sesións no mes de marzo xa explicaron o uso de E-Saúde, aplicación do Sergas para xestionar citas médicas, poder ver resultados de analíticas e outras probas, etc. “Para persoas maiores ou para os propios coidadores/as é unha limitación porque non teñen os coñecementos nin as ferramentas e habilidades para pedir unha cita mediante o teléfono”, contou. A maiores, incorporaron unha nova visión e falaron de Caléndula, outra aplicación do Sergas para xestionar o uso de fármacos. “Isto é moi importante porque en Galicia a poboación está moi avellentada e ademais existe moita polifarmacia, que significa que as persoas consumen moitos fármacos á vez, e resulta complexo xestionar as horas á que toca tomar as medicacións”, afirma a docente.

David Facal aportou que ademais da aprendizaxe instrumental que se poida facer das apps “é moi importante a relación interxeracional”. Neste punto asegura que “as persoas maiores queren participar nestes obradoiros porque están con xente nova e esa é unha motivación moi grande para todos eles”.

Dende a docencia, a maiores de traballar aspectos relacionados coa saúde dixital, pretenden romper con barreiras idadistas e promover unha perspectiva do ciclo vital que permita entender e despatoloxizar os cambios ao longo da adultez e da vellez; así como promover o desenvolvemento da pedagoxía xerontolóxica e da enfermaría xeriátrica a través da sensibilización do alumnado das facultades.

O ano pasado na avaliación final do proxecto, os alumnos apuntaron que o máis importante que aprenderon foi a “desmontar esteorotipos e aprender que das persoas maiores se aprende”, algo que se pode ensinar nas aulas “pero é importante que o poidan experimentar eles mesmos”, destacou David.

Este ano fixéronse sesións sobre ciberseguridade e uso de contrasinais, utilización da cámara fotográfica e abordáronse temas de comunicación e de ocio. “Sorprendentemente o ano pasado unha das sesións que máis gustou foi a de Spotify”, destacou. Este ano, neste apartado, están preparando unha sesión sobre Pinterest “porque nos parece que pode ser unha app coa que poder traballar cos maiores os seus intereses”.

Sobre o obxectivo de promover as competencias dixitais entre os maiores, Alba Martínez sostivo que se consigue de “forma moi realista” xa que na Universidade apréndese a teoría e moitas veces é difícil pasalo á práctica en referencia á capacidade de ensinar. A docente valora que “moitas veces os maiores atópanse co muro de non poder acceder a unha cousa nun momento dado”. Por iso deciden traballar con exemplos prácticos como coñecer como se pode solicitar unha cita ou contactar co farmacéutico de garda.

A maiores das competencias directas tamén se busca un cambio de actitudes. “Moitas veces as persoas maiores teñen medo a romper algo ou a equivocarse e queremos compartir con eles o xeito que ten a xuventude de usar a tecnoloxía con erros, a explorar e perder ese medo”, di. Ese contacto das persoas maiores cos estudantes é para Martínez un dos puntos máis interesantes do proxecto. “Tamén é fundamental ver como os estudantes reaccionan a esa interacción porque moitas veces teñen plantexamentos nas aulas de que non van ser capaces de facer algo e aquí danse conta de que si”, mencionou. O fundamental é entender as indivualidades da xente e apostar polas relacións interpersoais.

Ao finalizar o proxecto en maio haberá unha valoración por parte dos participantes, maiores e mozos, sobre adquisición de competencias. E tamén os alumnos e alumnas recibirán unha certificación do SEPIU (Servicio de Participación e Inclusión Universitaria) de colaboración nestas actividades “porque cada vez máis as empresas valoran que o alumnado se incorporen a actividades extracurriculares co esforzo extra que supón”, di Alba.

Testimonios dos maiores

En conversa cos propios participantes do proxecto mentras aprendían a utilizar Telegram nos seus teléfonos, María José Frade, de 76 anos contou que a atención personalizada “é o que máis me gusta destes encontros”. Asegurou que está moi contenta “porque os alumnos resolven todas as dúbidas que lle xorden”. Cada luns asegura atoparse “cómoda” con todos os estudantes polo que llo recomendaría a outras persoas. Por outra banda, Luís Paredes, de 69 anos, xa tivo a oportunidade de participar nos obradoiros o ano pasado. “Quedei encantado e repetín, gústame falar coa xente e teño a oportunidade de ir aprendendo cousas que non sabía”, afirmou. Paredes é consciente de que hoxe en día se non tes móbil “non podes facer nada”. No seu caso Whatsapp e Youtube son as aplicacións que máis utiliza. O que máis valora é a implicación do alumnado á hora de ensinar. “É uha boa experiencia polo que para o ano penso repetir”, dixo.