A USC eloxia a Del Riego como un loitador cultural e unha figura clave do galeguismo

Na celebración das Letras Galegas o reitor anunciou que, tal e como fixo esta figura, vaise retomar que un representante do alumnado interveña no acto de presentación do novo curso

El rector de la Universidad de Santiago, Antonio López (3-i), posa con las autoridades académicas de la Universidad, al comienzo del acto de homenaje a Francisco Fernández del Riego.

El rector de la Universidad de Santiago, Antonio López (3-i), posa con las autoridades académicas de la Universidad, al comienzo del acto de homenaje a Francisco Fernández del Riego. / LAVANDEIRA JR. (EFE)

O catedrático da USC Henrique Monteagudo definiu a figura do que foi estudante e profesor da institución compostelá, Francisco Fernández del Riego, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas como “testemuño de integridade cívica, de compromiso con Galicia e de resistencia activa, indomable, contra o totalitarismo”. Nun acto presidido onte polo reitor Antonio López, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, Monteagudo percorreu a traxectoria do homenaxeado e a súa “fidelidade estrita aos ideais galeguistas”.

No ano académico 1933-1934, Francisco Fernández del Riego, naquela altura estudante universitario, interveu no acto de apertura de curso da USC cun, en palabras de Henrique Monteagudo, “épico discurso”. Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas na institución compostelá, o reitor aproveitou para anunciar que a USC retomará no vindeiro curso, tal e como fixo o propio Del Riego, esta tradición segundo a cal un/unha representante do alumnado intervirá cada ano nestas cerimonias de inauguración. “É tempo de que o estudantado teña a voz que se merece nos actos da Universidade”, afirmou Antonio López para despois lembrar que o alumnado é tamén a “esencia” da institución universitaria. Dende a USCaseguraron en conversa con este medio que o presidente do Consello de Estudantes da institución será o encargado de dar o discurso. Ata o de agora, só houbo tres discursos de estudantes na historia da institución compostelá: en 1931 (García Sabell), 1932 (Carvalho Calero) e 1933 (Fernández del Riego). 

Ademais do reitor e de Henrique Monteagudo, tamén participaron no acto o director do departamento de Filoloxía Galega, Francisco Cidrás; o vicerreitor de Profesorado, Ernesto Xosé González Seoane; e a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso. “Del Riego é unha figura absolutamente fundamental para comprender a cultura galega e a Galicia do último século. Unha longa vida ateigada de compromiso coa nosa lingua e a nosa cultura. Oitenta anos de innúmeros servizos prestados ao país, ao seu xeito rebelde, teimoso e entusiasta, cheo dun infinito compromiso ético coa terra, case tan grande como o seu interese pola cultura universal”, subliñou o profesor Cidrás no seu discurso. O acto contou tamén coa intervención de Xosé Manuel Salgado Rodríguez, que introduciu a lectura de textos do autor a cargo de estudantes do grao en Lingua e Literatura Galegas.

A Universidade de Santiago tamén se sumou á homenaxe que o Día das Letras Galegas 2023 rende á figura de Fernández del Riego a través da obra Francisco Fernández del Riego. Ao meu xeito rebelde, editada polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC e presentada o pasado venres no Colexio de Fonseca. O lema ‘Ao meu xeito rebelde’ define como o propio Fernández del Riego consideraba a súa actitude vital. Nacido en Vilanova de Lourenzá, o 7 de xaneiro de 1913, a súa figura “proxecta unha luz inmensa sobre a cultura galega contemporánea, como intelectual, editor, ensaísta e activista”, tal e como afirman dende a coordinación da obra que corre a cargo de Henrique Monteagudo e de Xosé M. Salgado. Este libro pon o foco na súa traxectoria como líder dun efervescente movemento estudantil durante os anos de entusiasmo republicano. A obra conta con textos de Camiño Noia Campos, Xesús Alonso Montero, Víctor F. Freixanes e Ramón Nicolás Rodríguez, ademais das achegas dos propios coordinadores.

Entrega de libros en galego por visitar a Casa do Cabildo

Pola súa banda, o Consorcio de Santiago conmemorará o Día das Letras Galegas, coa entrega de balde de publicacións en lingua galega coeditadas polo Consorcio a todas as persoas que visiten este mércores 17 a Casa do Cabido na Praza de Praterías.

Os exemplares que se poñerán a disposición dos visitantes están relacionados coa Literatura, a Arte e a Historia en Santiago, pertencentes ás diferentes bibliotecas do Consorcio.

Neste momento, ademais, na Casa do Cabido pode visitarse a exposición Mirar a cidade. Unha visión poliédrica, unha mirada persoal de Compostela do fotógrafo Fuco Reyes. Hoxe, o horario de apertura será de 10.00 a 14.00 horas e de 17h a 21h.