Bugallo quere gobernar Santiago en solitario e Rueda aposta por situar a Verea na Alcaldía

No peche da campaña electoral, o candidato á reelección polo PSdeG sinala que o seu obxectivo é “gañar as eleccións”, mentres que o presidente do PPdeG apela “o entusiasmo” do líder do PP na capital galega para “cambiar o futuro da cidade” // Compostela Aberta e BNG buscan un resultado que lles permita ter máis ‘poder’ nunha hipotética coalición de esquerdas

A candidatura do PSdeG de Santiago organizou o peche de campaña na Praza Roxa

A candidatura do PSdeG de Santiago organizou o peche de campaña na Praza Roxa / Antonio Hernández

Xosé Sánchez Bugallo (PSdeG), Borja Verea (PP), María Rozas (CA) e Goretti Sanmartín (BNG), os catro principais candidatos á Alcaldía de Santiago, pecharon onte a campaña electoral cun denominador común nos seus discursos: a confianza en lograr un gran resultado este domingo. Tendo en conta os escrutinios de anteriores eleccións municipais na capital galega e as enquisas previas ao 28-M, os roles, a priori, semellan claros. O candidato socialista á reelección e o número 1 da lista popular aspiran a ser a forza máis votada, se ben Verea precisa lograr a maioría absoluta (13 concelleiros) para acadar o bastón de mando do Pazo de Raxoi. As sondaxes anticipan unha victoria, con certa marxe, por parte do Partido Popular, aínda que dende o PSdeG en Compostela queren repetir como “a lista máis votada o vindeiro domingo”, tal e como apuntou Bugallo no peche de campaña. Pola súa banda, o líder do PP en Santiago, nas horas previas a súa estrea como cabeza de lista nuns comicios municipais, confía en “gañar as eleccións con moita diferencia sobre os demais”.

María Baleato (e.), Rueda, Verea, Paula Prado e Diego Calvo, onte, na Sala Capitol / ANTONIO HERnÁNDEZ

María Baleato (e.), Rueda, Verea, Paula Prado e Diego Calvo, onte, na Sala Capitol / ANTONIO HERNÁNDEZ

E tamén partindo de datos anteriores, Compostela Aberta e BNG buscan un resultado que lles permita ter máis poder nunha hipotética coalición de esquerda na próxima Corporación municipal. María Rozas, candidata de CA, sinalou que non permitirá que Santiago “volva aos anos negros do PP dos tres alcaldes, do que Borja Verea é digno sucesor”, mentres que Goretti Sanmartín, que repite como candidata do BNG, afirmou “estar preparada para gobernar desde a Alcaldía, para que en Compostela haxa, por vez primeira, unha alcaldesa”. “Pídolle a todas as persoas indecisas, que non saiban a quen votar, que nos dean unha oportunidade ao BNG de Santiago de ter a responsabilidade da Alcaldía”, incidiu onte Goretti Sanmartín.

Na Praza Roxa, en pleno corazón do Ensanche, o alcalde de Santiago pechou a campaña das eleccións municipais apelando ao voto “útil, sensato e centrado”, pensado en “gobernar e non en bloquear”. “Pido a todos os que dubidan que fagan que o seu voto goberne; que me axuden a gobernar en solitario, que os seus votos non sirvan para bloquear Santiago”, afirmou Bugallo. “Non se trata de elixir entre o PSOE e o PP, trátase de elixir o Santiago que queremos, e quen pode construír mellor ese Santiago”, reivindicou o alcalde, quen insistiu en que nestas eleccións os votos poden servir para “gobernar ou bloquear, para construír ou para destruír”, presentando o seu proxecto como o único capaz de facer o “Gran Santiago que a xente nos demanda”.

E ese “Gran Santiago” que Bugallo está decidido a construír pasa, dixo, por “coser a cidade cos barrios, completar un modelo de mobilidade para o novo século, relanzar a construción de vivendas, crear oportunidades para os máis novos e deseñar novos modelos de vida para uns maiores activos”. “Nós queremos construír, e o PP de Verea está empeñado en derrubar; en derrubar o patrimonio histórico, derrubar a Casa da Xuventude e derrubar as vivendas familiares da cidade histórica para entregarllas ao mercado turístico”, criticou o candidato á reelección do PSdeG.

Pola súa banda, Borja Verea, cabeza de lista do Partido Popular en Santiago, sinalou onte que é “o único candidato que lle amosou á veciñanza o seu proxecto de cidade”. “Santiago sabe o que imos facer, coñecen as miñas propostas e saben exactamente que é o que votarán o 28 de maio, constituiremos un Goberno sólido, de futuro e con ganas”, subliñou.

“Imos a gañar as eleccións e ímolo facer con moita diferencia sobre os demais, deixando atrás a un candidato do pasado, reflexo do que vivimos os últimos catro anos, un candidato socialista sen ganas, sen ideas e ao que todas as enquisas vaticinan que vai a sacar o peor resultado da súa historia”, engadiu. Para Verea, votar a calquera das outras forzas políticas “é non saber o que vai a pasar, é votar unha tómbola onde non se sabe nin sequera quen vai a ser o alcalde”.

No peche de campaña, na Sala Capitol, ante 400 persoas, o candidato do PP estivo arroupado polo presidente da Xunta. “Chegou o momento de que a parálise, a apatía, a pereza, a inercia e a deixadez pasen a ser cousas do pasado en Santiago”, indicou Alfonso Rueda, quen apelou “á enerxía, ao entusiasmo e á ilusión de Borja Verea para derrotar a actual resignación que se vive en Compostela e ser o próximo alcalde”, afirmó Alfonso Rueda, quen apelou ao “voto útil” para el PPdeG con el objetivo de constituir “mayorías potentes” en Galicia.

Ademais, o presidente do PPdeG enfatizou que en Santiago “xa se fixeron experimentos no pasado e que a xente está escarmentada” e que, polo tanto, o que precisa a capital de Galicia é “un goberno de verdade”.