Raxoi aproba o proxecto de acondicionamento do edificio que acollerá o Centro de Interpretación Rupestre de Villestro

A Xunta de Goberno, reunida onte en sesión extraordinaria, aprobou o proxecto de acondicionamento do edificio no que se instalará cun orzamento de 225.824,51 euros

Imaxe do Centro de Interpretación Rupestre de Villestro

Imaxe do Centro de Interpretación Rupestre de Villestro / Concello

A Xunta de Goberno, reunida onte en sesión extraordinaria, aprobou o proxecto de acondicionamento do edificio no que se instalará o "Centro de Interpretación Rupestre de Villestro", que conta cun orzamento de 225.824,51 euros, IVE engadido. A edificación sobre a que se vai actuar ten dous andares, cunha superficie total construída total de 273 metros cadrados.

Na parcela na que se sitúa, de 4.585 metros cadrados, proxéctase un espazo de aparcamento para autobuses, coches, e bicicletas así como un acceso peonil accesible. Esta actuación levarase a cabo en dúas fases: unha primeira, obxecto deste proxecto, na que se executará o acondicionamento do inmoble. E unha segunda fase, que se desenvolverá máis adiante, na que está previsto acondicionar a parcela.

O inmoble sobre o que se vai actuar foi reformado anteriormente para uso de centro interpretativo, pero o paso do tempo e a falta de uso fai precisa unha nova intervención, xa que presenta deficiencias no seu estado de conservación e carencias nas instalacións e envolvente. O acceso ao inmoble realizase pola zona central, na que se atopan as escaleiras e os aseos. Este núcleo central remodelarase para crear un aseo adaptado. Demolerase o forxado existente para colocar un forxado sanitario a base de caviti incorporando ademais unha lámina impermeabilizante e unhas placas de illamento de 10 cm de espesor.

Dende a entrada pódese optar por ir á recepción (esquerda) e á sala de usos múltiples (dereita). A recepción contará cunha zona de espera e cunha pequena tenda. Dende esta poderase coller o elevador para subir ao segundo andar, un espazo totalmente diáfano no que se realizarán as exposicións. Nesta planta reforzarase a iluminación cuns proxectores que se poderán adaptar ao que se expoña en cada momento.

A estética do local verase modificada ao colocar a instalación de ventilación vista, que axudará a mellorar as condicións de confort do mesmo. A distribución que se fixa no proxecto vén condicionada pola expresa petición da propiedade buscando a optimización dos espazos e o cumprimento das normativas vixentes.

As actuacións previstas consistirán en demolicións e movementos de terras ó redor da edificación; cimentacións, illamentos e impermeabilizacións; pechamentos e tabiquería; acabamdos de pavimentos, paredes e teitos; evacuación de augas e drenaxe; instalación de iluminación, ventilacióin e climatización; carpintería exterior e interior, e mobiliario.