Raxoi aprobará o proxecto de execución para a reurbanización do Campus Sur

O ámbito de actuación céntrase na zona denominada "Conxunto da Residencia Universitaria" // Realizarase unha renovación completa das instalacións soterradas de alumeado nas zonas nas que se renovan pavimentos

Imaxe do resultado da peonalización da residencia universitaria na Av. da Coruña

Imaxe do resultado da peonalización da residencia universitaria na Av. da Coruña / Concello de Santiago

Redacción

Cun prazo de execución de 4 meses, o importe total ascende a 352.600 euros, centrando a actuación na Avenida da Coruña onde se pretende mellorar a conectividade entre a Alameda e a Residencia de Estudantes. Entre as principais actuacións do Concello de Santiago, aumentar os espazos peonís, reorganización do acceso de vehículos e a reordenación das zonas verdes e espazos vexetais.

O proxecto de execución "Recuperación do Campus Sur para o cidadán" será aprobado o próximo martes en xunta de goberno ordinaria. Unha actuación que busca mellorar a mobilidade e a accesibilidade da zona, aumentar os espazos peonís e reorganizar o acceso de vehículos.

Cun investimento superior aos 350 mil euros, o Concello peonalizará a zona central do Campus Sur, poñendo en valor o patrimonio histórico e acometendo unha reurbanización completa. Tamén se reordenarán os xardíns e zonas verdes, nunha actuación que pretende impulsar este espazo para o ocio e o lecer dos veciños.

O ámbito de actuación céntrase na zona denominada "Conxunto da Residencia Universitaria", espazo especialmente protexido, incluído dentro do Catálogo de Bens Culturais, Naturais e Paisaxísticos. Un espazo que, situado na entrada da cidade histórica, é nexo entre a Alameda e a residencia universitaria.

As principais actuacións suporán a peonalización da zona central da residencia, a reordenación de usos con preferencia para percorridos peonís, reurbanización con novos materiais acordes ao especial interese patrimonial do entorno e renovación de xardíns e especies vexetais. Todo isto adaptando tamén o espazo público para lograr as mellores condicións de accesibilidade posibles compatibles coa protección patrimonial.

Así as cousas, a Avenida da Coruña muda o seu carácter, pois transfórmase en parte nunha plataforma compartida, para propiciar a continuidade entre a Alameda e a Residencia de Estudantes. O pavimento de formigón no primeiro tramo entre a Alameda e o estanque deixa paso a unha superficie vexetal.

No caso das beirarrúas de baldosa, manteranse con reposicións puntuais de elementos rotos e no caso do formigón da calzada, utilizarase como base de novos pavimentos de formigón lavado e das zonas vexetais, con perforacións puntuais para permitir o drenaxe.

Ademais realizarase unha renovación completa das instalacións soterradas de alumeado nas zonas nas que se renovan pavimentos.

Trátase dunha operación vinculada a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Santiago de Compostela (EDUSI - REVIVE COMPOSTELA). Encádrase dentro do Vector Estrátexico CP "Compostela Patrimonial", na Liña de Actuación nº 8: "Rehabilitación e promoción do Patrimonio Histórico, Arquitectónico e Cultural".