A USC aproba de forma unánime a venda do hospital de Galeras e afirma que “é positivo para a cidade”

No Consello de Goberno celebrado onte deuse o visto bo á creación do Sistema Interno de Información co fin de detectar ameazas

Participantes no Consello de Goberno da USC celebrado onte no Colexio San Xerome / Santi alvite

Participantes no Consello de Goberno da USC celebrado onte no Colexio San Xerome / Santi alvite / n. s. /l. r.

Tras vinte anos sen uso, o vello hospital de Galeras poderá sair do abandono. O Consello de Goberno da USC aprobou onte de forma unánime o principio de acordo coa empresa Asteriscos Real Estate que permitirá culminar a venda. “A USC fai unha valoración moi positiva ao poñer fin a un proceso que se alongou por 6 anos, que supón poñer fin a un proceso xudicial con todas as incertezas que xera e que, ademais, é positivo para a cidade en tanto en canto se poderán desenvolver novos proxectos na zona”, informou onte a institución académica.

Tal como adiantou EL CORREO GALLEGO, tras un mes de negociacións desbloqueouse o conflicto que mantiñan aberto comprador e vendedor e que permitirá que o inmoble poida ser rehabilitado. A venda firmouse en 2017, pero Asteriscos nunca acabou de pagar os 7,2 millóns de euros nos que se fixara a transacción. Quedaban por aboar uns 179.000 euros. A empresa reclamáballe tamén a entidade académica unha cantidade polo mal estado do edificio que foi declarado en ruina. Finalmente, Asteriscos pagará a USC ao redor de 30.000 euros e quedará saldada á débeda. Aínda se descoñece a data na que quedará definitivamente pechada a operación.

Ademais da venda do hospital de Galeras, o Consello de Goberno celebrado onte tamén aprobou a creación do Sistema Interno de Información, co obxectivo de previr e detectar ameazas ao interese público e engádese á creación dun Boletín Oficial propio e dun Portal de Transparencia institucional cos que a institución fortalece a rendición de contas cara á comunidade universitaria e cara á sociedade no seu conxunto.

En concreto, o texto desenvolve dentro da USC a Lei 2/2023 sobre protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción e supón unha nova aposta pola transparencia por parte da institución compostelá. O regulamento define a organización deste novo sistema, como realizar a presentación de denuncias e as garantías das persoas que interveñan no procedemento.

O texto aplicarase á Administración xeral da USC e, cun tratamento diferenciado, tamén ás súas entidades dependentes ou adscritas. O Sistema recollerá as denuncias que se presenten por parte dos membros da comunidade universitaria ou de terceiras persoas relativas a accións ou omisións que poidan constituír infraccións do Dereito da Unión Europea, así como accións ou omisións que poidan ser constitutivas de infracción penal ou administrativa grave ou moi grave.

Outros asuntos

O Consello tamén tratou a aprobación de preto dunha vintena de títulos e cursos de estudos propios, xunto coa supresión do programa de doutoramento en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio a partir do curso 2023-24, a aprobación das memorias de títulos propios e a modificación do regulamento de fin de estudos do grao en Enxeñaría Informática. A proposta de regulamento do parque móbil da USC e a aprobación das tarifas no marco deste servizo completaron a orde do día xunto coas cuestións relativas a asuntos económicos, convenios e transferencia de resultados.

En referencia ao Campus de Lugo, a Universidade de Santiago, a través da súa Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) intégrase no Clúster da Construción como entidade benfeitora tecnolóxica e desenvolverá un rol de asesoramento. Pemade leva a cabo o seu traballo nos ámbitos da formación e de I+D+i tanto en proxectos con financiamento público como ofrecendo servizos tecnolóxicos para empresas privadas, todo isto no marco do sector da madeira estrutural vinculada á construción.