Será finalmente a semana que vén cando se coñeza a decisión adoptada polo PSdeG acerca da súa participación no futuro goberno de Santiago. O martes reunirase de novo o grupo socialista para tomar unha decisión sobre a posible entrada no goberno de coalición.
A xuntanza deste xoves entre ambos os dous partidos "desenvolveuse con toda a cordialidade e avanzamos en temas que teñen que ver con problemas e cuestións relevantes para a cidade”, explicaba Sanmartín ao remate da mesma. A portavoz do BNG tamén aclaraba que “aínda non hai unha decisión por parte do Partido Socialista a respecto de se queren ou non entrar no goberno, mais nós seguimos, dende o BNG, con esa man tendida agardando a que tomen esa decisión, respectando os tempos doutras organizacións, como non pode ser doutra maneira”.
Pola súa banda, a concelleira de Acción Cultural en funcións, Mercedes Rosón, recalcou a intensidade da reunión e o “frutífera” que resultou pero tamén aclarou que “tomar unha decisión desta embergadura non é tarefa fácil, somos paritarios en número de concelleiros, hai que atinar, afinar e chegar a un acordo que permita garantir os grandes retos que temos por diante”. E insistiu “no que dixen a semana pasada, o Partido Socialista de Compostela estará á altura das circunstancias sempre pensando na veciñanza”.
A semana que vén o PSdeG dará a coñecer a súa decisión, que divide arestora a agrupación socialista, a respecto da futura implicación do partido no executivo local.