Tres de cada dez fogares son unipersoais en Santiago, unha tendencia á alza en toda Europa

O avellentamento poboacional e o cambio de patróns no comportamento individual e familiar están detrás deste fenómeno “difícil de reverter” e que pode ocasionar “illamento social” e “soidade non desexada”

Varios xubilados sentados na Alameda de Santiago buscando compañía

Varios xubilados sentados na Alameda de Santiago buscando compañía / ECG

En Compostela, case o 33% dos fogares son unipersoais, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) correspondentes a 2022. Unha cifra que aumentou nos últimos oito anos en case catro puntos, se observamos o dato de 28,69% de vivendas habitadas por unha soa persoa en 2015.

A tendencia non é exclusiva de Santiago, senón que afecta dende hai case unha década ao resto de Galicia, a España e tamén a países da Unión Europea como Francia, Alemaña e, “sobre todo”, Países Baixos. Así o asegura o catedrático de Historia da Universidade de Santiago (USC) e experto en demografía Carlos Ferrás.

O avellentamento da poboación e o cambio nos patróns de comportamento individuais”, explica Ferrás, son factores que están detrás deste progresivo aumento dos fogares unipersoais. “Unha situación difícil de reverter” polo individualismo que caracteriza a sociedade actual e pola diminución na conformación de unidades familiares, factores que se unen á baixa natalidade.

Así as cousas, en 2022 a poboación residente en Santiago ascendía a 171.693 persoas (aínda que a cifra de habitantes censados é menor), o número de fogares era de 40.077, e a cifra dos que son unipersoais ascende a unha porcentaxe de 32,81%, subindo dende o 28% de 2015.

Naquel ano había 20,37% de persoas con 65 anos ou máis entre o total da poboación compostelá, agora a taxa é do 23,26%. Os homes maiores desta idade supuñan un 18,84% en 2018 e un 20,23% agora. No caso das mulleres, un 23,98% en 2018 e un 25,9% en 2022.

A cuestión de xénero tamén afecta, xa que “maioritariamente, na idade adulta aínda laboralmente activa son máis os homes que viven sós”, comenta o profesor Ferrás. “Despois da xubilación hai máis mulleres que viven soas e poden padecer esa soidade non desexada”, xa que enviúvan ou deixan de coidar os fillos, recalca o profesor Ferrás.

Alén da cuestión demográfica e máis alá de pensar na independencia e na liberdade de vivir só, cómpre reflexionar sobre as consecuencias do illamento nas persoas maiores que viven soas, comenta o profesor, tanto na contorna urbana coma na rural, e nas persoas con mobilidade reducida, que se ven abocadas á soidade. “A carencia de relacións sociais tamén pode afectar nun nivel máis profundo, de deterioro congnitivo ou enfermidade mental”, di Ferrás, que asegura que se trata dun problema que nos afectará “a curto, medio e longo prazo, xa que non é unha situación fácil de reverter”.

“Cada vez son máis abundantes os casos de alguén que morreu e ninguén se enterou nalgún tempo”, apunta Ferrás. “E tamén hai estudos que desvelan que existe unha relación directa entre a soidade non desexada e as enfermidades mentais, ademais de que o illamento causa tamén incomunicación e, por tanto, deterioro cognitivo ou depresión”.

Na recente campaña electoral para as municipais do pasado 28 de maio, todas as formacións políticas concorrentes coincidiron en tratar o tema da inclusión, da mellora da mobilidade e da accesibilidade do transporte público. Algo que deixou en evidencia a desconexión do rural compostelán por mor de carecer, nalgúns casos, de servizo de transporte urbano, pola pouca frecuencia deste servizo, ou pola pouca adaptabilidade para que persoas con dificultades de movemento poidan acceder a el.

Nun ámbito máis privado, e fóra de campaña, quedaron as persoas con este tipo de características (maiores ou con diversidade funcional) que viven na área urbana do Concello e cuxas dificultades no día a día foron patentes durante os meses de confinamento por mor da pandemia da covid-19.

Foi a raíz disto que a nivel global se comezou a falar do aumento das enfermedidades mentais e tamén dos efectos na capacidade cognitiva causados polo illamento social, o que pode carrexar problemas de memoria e capacidade comunicativa.