Nova etapa en Raxoi: o BNG lidera Cultura e Urbanismo e CA ocúpase da política social

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, presenta as áreas de traballo da Corporación, que inclúen asuntos como a memoria histórica, a sustentabilidade ou a capitalidade

Goretti Sanmartín anuncia as áreas de goberno da nova corporación municipal

Javier Rosende Novo

A alcaldesa de Santiago, a nacionalista Goretti Sanmartín (BNG), presentou onte, xunto á primeira tenenta de alcaldesa e líder de Compostela Aberta (CA), María Rozas, as áreas de goberno que asume cada un dos oito concelleiros e concelleiras que integran a nova corporación municipal.

A segunda tenencia de Alcaldía recae na nacionalista Miriam Louzao, á que tamén lle corresponde a concellaría de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria histórica. Preguntada pola implantación da taxa turística, a alcaldesa afirmou que o novo goberno local quere implatala e así llo solicitará á Xunta logo de revisar os informes existentes. “Queremos que a taxa sirva para sufragar algún dos custos derivados do turismo e que xa na orixe se teña en conta que a cidade é Patrimonio da Humanidade, o dereito ao descanso...”. “Queremos un turismo diferente, un turismo de calidade”, destacou, ademais de recoñecer a importancia deste sector para a cidade.

Lonxe do que se especulaba, sobre a asunción da concellaría de Facenda por parte de María Rozas, ésta recae en Manuel César Vila, xunto a Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local. A líder de CA asume a concellaría de Dereitos e Servizos sociais e Xuventude. Rozas non quixo deixar pasar a ocasión de amosar a satisfacción da súa formación en relación coa distribución de concellarías, “estamos contentos con este reparto de áreas, axustado ao perfil de cada un”. Así mesmo, a xa concelleira de Dereitos e Servizos sociais, referiuse ao seu compañeiro de candidatura, Xan Duro, lembrando que neste novo goberno dirixirá a área de Mobilidade e Seguridade cidadá “como xa fixerá no goberno de Compostela Aberta en 2015”. “Os Centros Socioculturais son un departamento moi importante para a mocidade”, engadiu Rozas para amosar o vínculo entre as dúas concellarías de CA, “hai que aproveitar a rede con máis de 44 centros aos que a mocidade está moi vinculada, ao igual que a política social e a promoción económica e dereitos sociais”.

O nacionalista Iago Lestegás será o concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade histórica e Xesús Domínguez farase cargo das áreas de Sustentabilidade, Parques e Xardíns e Dereitos dos animais. Xan Duro será, ademais de concelleiro de Mobilidade e Centros socioculturais, o responsable da área de Convivencia. E Pilar Lueiro encargarase de Deportes, Relacións veciñais, Festas, UMAD (Unidade Municipal de Atención a Drogodependencias) e Rural. Preguntada por que este último punto non tiña unha titularidade individual, a alcaldesa respondeu que “non hai concellaría específica pero si unha persoa dedicada a iso”, en referencia a Pilar Lueiro, “que trasladará ás concellarías pertinentes as necesidades da veciñanza do rural, porque o noso compromiso aí é absoluto e fundamental”.

“Hai outra serie de competencias que serán asumidas dende a Alcaldía porque entendemos que son cuestións transversais”, explicou Sanmartín en referencia a temas como a promoción da lingua, a defensa da igualdade ou as relacións institucionais. A alcaldesa destacou a intencionalidade do Goberno local de facer unha división en áreas “funcional” e, como xa adiantaran na sinatura (simbólica) do pacto de goberno o pasado vernes 16, “axeitada ao perfil profesional de cada concelleiro e concelleira”.

“Comezamos este novo camiño, esta aposta por un goberno transformador de Santiago de Compostela”, reiteraba Sanmartín, “como un goberno unido, cohesionado, forte e que vai dar resposta ás necesidades da veciñanza”. A alcaldesa insistiu unha vez máis en que as portas de Raxoi estarán sempre abertas á veciñanza, ás asociacións e á colaboración con outras institucións e que o goberno sempre procurará “chegar a acordos e consensos, como entendemos que non pode ser doutra maneira, para mellorar a calidade de vida dos composteláns”.

En referencia á data na que se celebrará o Pleno de constitución da nova Corporación municipal, Goretti Sanmartín explicou que o goberno está en conversas cos outros dous grupos con representación no Pazo de Raxoi (PP e PSdeG) pero explicitou que dende BNG e CA “queremos que sexa rápido, como moito ao longo deste mes de xuño, para poñer a andar as distintas comisións”.

Sanmartín, que xa adiantara hai uns días que María Rozas ostentaría a primeira tenencia de Alcaldía, indicou tamén na mañá de onte que concelleiras e concelleiros serían os outros tres tenentes de alcaldes, que asumirán a Alcaldía de Compostela cando Sanmartín non poida facelo. Miriam Louzao será a segunda tenenta de alcaldesa, Xesús Domínguez, o terceiro, e Pilar Lueiro será cuarta tenenta de alcaldesa. Así mesmo, os oito concelleiros da nova Corporación municipal integrarán a Xunta de Goberno, na que Manuel César Vila será ademais concelleiro-secretario e Miriam Louzao, concelleira-secretaria suplente.

Na súa comparecencia ante os medios, onde estivo acompañada por María Rozas e os demais concelleiros e concelleiras, Goretti Sanmartín fixo anuncio de que o seu equipo se reunirá semanalmente, os luns ás 10 da mañá, e ás 12 comparecerá diante da prensa, profesionais aos que comezou pedindo desculpas pola filtración do reparto de áreas.

Preguntada pola amplitude de tarefas de cada concelleiro do goberno local en minoría, Sanmartín fixo referencia ás dúas últimas corporacións municipais, rexidas por Compostela Aberta (2015) e o Partido Socialista (2019) con Xosé Sánchez Bugallo á fronte para indicar que o número de concelleiros era tan só de dous edís máis.

Implatación da taxa turística

O número de visitantes que recibe anualmente Santiago del Compostela, as VUT (Vivendas de Uso Turístico), os peregrinos e a saturación do casco histórico polo turismo foron cuestións candentes durante a campaña electoral do pasado mes maio. Unha cuestión na que ambas as formacións que agora rexen a cidade, BNG e CA, coincidían á hora de falar de poñerlle limitacións.

Na comparecencia de presentación da titularidade de cada concellaría, a alcaldesa Goretti Sanmartín foi preguntada por este aspecto, concretamente pola implantación da taxa turística. “Entendemos que é necesario que haxa turismo, que é unha fonte económica, sen dúbida, en Santiago de Compostela”, dixo, mais “estamos a favor de implantar a taxa turística, solicitaráselle á Xunta unha reunión na que se lle amosará o informe que xa hai feito a este respecto e agardamos que se aprobe”. Goretti Sanmartín quixo remarcar que se pretende que a mencionada taxa “sirva tamén para sufragar algún dos custos derivados do turismo”. A alcaldesa explicoulle á prensa que xa hai un informe económico “que hai que revisar”.

“Faremos un pacto polo turismo e falaremos con todos os sectores afectados”, destacou. “Esta cidade é patrimonio da humanidade, hai un dereito ao descanso... e iso débese traballar xa en orixe”, explicou, para engadir que “queremos un turismo diferente e de calidade”.

As necesidades básicas das áreas rurais de Compostela foron outro dos temas importantes da campaña electoral, un rural con serias deficiencias en canto a transporte público, abastecemento de auga e saneamento. A este respecto, Goretti Sanmartín explicou onte que “que non haxa unha concellaría específica do rural non significa que non vaia estar atendido, haberá unha persoa dedicada a iso”, en referencia á concelleira Pilar Lueiro. “Ela trasladará as necesidades do rural ás outras concellarías, como se estivo a facer até agora, porque as necesidades do rural están vinculadas tamén a outras áreas”, aclarou. A alcaldesa fixo unha vez máis referencia á débeda histórica co rural ao falar de que hai que “rematar coa discriminación” desta parte do concello, á que o novo goberno dedicará o 1% do orzamento municipal.