O novo Goberno de Goretti insiste en implantar a taxa turística na busca dun "turismo de calidade"

Lonxe do que se especulaba, sobre a asunción da concellaría de Facenda por parte de María Rozas, esta recae en Manuel César Vila, xunto a Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local

Goretti Sanmartín anuncia as áreas de goberno da nova corporación municipal

Javier Rosende Novo

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín (BNG), anunciou esta mañá xunto á primeira tenenta de alcaldesa e líder de Compostela Aberta (CA), María Rozas, as áreas de goberno que asume cada un dos oito concelleiros e concelleiras da nova corporación municipal.

A segunda tenencia de alcaldía recae na nacionalista Miriam Louzao, á que tamén lle corresponde a concellaría de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria histórica. Lonxe do que se especulaba, sobre a asunción da concellaría de Facenda por parte de María Rozas, esta recae en Manuel César Vila, xunto á de Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local.

A líder de CA asume a concellaría de Dereitos e Servizos sociais e Xuventude, e Iago Lestegás, Urbanismo, Vivenda e Cidade histórica. Xesús Domínguez farase cargo das áreas de Sustentabilidade, Parques e Xardíns e Dereitos dos animais.

Xan Duro, de CA, será o encargado de Mobilidade, Convivencia e Centros socioculturais. Pilar Lueiro encargarase de Deportes, Relacións veciñais, Festas, UMAD e Rural. Preguntada por que este último punto non tiña unha titularidade individual, a alcaldesa respondeu, "non hai concellaría específica pero si unha persoa dedicada a iso", en referencia a Lueiro, "que trasladará ás concellarías pertinentes as necesidades da veciñanza do rural, porque o noso compromiso aí é absoluto e fundamental".

Preguntada tamén pola implantación da taxa turística, a alcaldesa afirmou que o novo goberno local quere implatala e así llo solicitará á Xunta logo de revisar os informes existentes. "Queremos que a taxa sirva para sufragar algún dos custos derivados do turismo e que xa na orixe se teña en conta que a cidade é Patrimonio da Humanidade, o dereito ao descanso...". "Queremos un turismo diferente, un turismo de calidade", destacou Goretti, ademais de recoñecer a importancia deste sector para a cidade.

Tanto a alcadesa como María Rozas, que compareceu xunto a Sanmartín, destacaron que se trata dun goberno "unido e cohesionado" cuxo obxectivo é "facer políticas transformadoras" para Santiago e para os seus habitantes. 

Goretti Sanmartín insistiu, ademais, en que lle houbera gustado que o PSdeG entrase no goberno municipal, que pasaría a contar con 14 concelleiros -maioría absoluta- por 11 do PP, único partido que quedaría na oposición, pero destacou que os oito concelleiros do goberno están "preparados para o reto". "Este equipo ten capacidad, ganas, experiencia, enerxía e compromiso. Vamos deixarnos a pel. Este equipo é un luxo para este municipio", defendeu a alcadesa, mentras que María Rozas declarou que en Compostela Aberta están moi "satisfeitas" co reparto das áreas do goberno.