Unha feminista á fronte da Alcaldía

A nacionalista Goretti Sanmartín logra o bastón de mando do Concello sumando 14 apoios fronte aos 11 do outro candidato, Borja Verea (PP)

Convértese así na primeira alcaldesa da cidade de Santiago de Compostela

Toma de posesión da nova Corporación municipal

Javier Rosende Novo

Completamente vestida de morado, a cor da loita feminista, tomaba posesión na mañá deste sábado a primeira alcaldesa da cidade, a nacionalista Goretti Sanmartín, que recibiu 14 votos, fronte aos once do outro candidato á Alcaldía, o popular Borja Verea. Sanmartín, que vai gobernar Santiago en minoría, con oito concelleiros, e integrando no goberno os dous edís de Compostela Aberta (CA), quixo deixar patente desde o inicio do seu discurso “a enorme emoción e responsabilidade coa que tomo posesión”.

No Salón de Plenos do Pazo de Raxoi desenvolveuse, dende as dez da mañá, o ritual para a toma de posesión das concelleiras e concelleiros que configuran xa a nova Corporación municipal. O exconcelleiro Sindo Guinarte foi o presidente da mesa de idade, xunto á máis nova das edís, Nerea Barcia, do Partido Popular (PP). Un a un e por orde alfabética foron recollendo a súa acta os membros da corporación até a votación daqueles que se postularon como candidatos, Goretti Sanmartín e Borja Verea. Co resultado a favor, a nacionalista prometeu a toma de posesión como alcaldesa amosando o seu “agradecemento ás mulleres que abriron camiño e polas que virán”.

Discurso completo de Goretti Sanmartín, nova alcaldesa de Santiago

Javier Rosende Novo

O discurso de Goretti Sanmartín, centrado no compostelanismo, incluíu temas primordias dos contidos nos programas electorais de BNG e CA, como “poñer as persoas no centro” das políticas, unha axeitada xestión do turismo, a defensa da lingua, do feminismo e da igualdade, a accesibilidade, a sustentabilidade e o rural, entre outras.

“Quero expresar a miña intensa emoción e a gran responsabilidade coa que tomo posesión”, así comezaba Sanmartín a asumir o cargo de alcaldesa, incidindo en que “a política só ten xustificación para construír un mundo mellor”. A intencionalidade da súa intervención, segundo ela misma afirmaba, “era a de facer un discurso de amor, de confianza e de esperanza”. “Amor”, explicaba, “a Compostela, confianza na súa xente e experanza de traballar nun futuro de vangarda”.

Goretti Sanmartín co bastón de mando do Concello de Santiago de Compostela na sesión de investidura

Goretti Sanmartín co bastón de mando do Concello de Santiago de Compostela na sesión de investidura

A cidade coas persoas no centro e un turismo sostible foron ideas programáticas, tanto de BNG coma de CA, e nesta liña falou a alcaldesa eloxiando o traballo do Colectivo a Rula que catalogou “case 200 alquerques, taboleiros de xogos de orixe medieval e barroca tallados en pedra, situados en espazos públicos pero nas beiras, para non molestar a quen camiñase”, comentou Sanmartín. “Son magníficos exemplos da Compostela que queremos, coas rúas e as prazas como lugares para a veciñanza”, “e por que digo isto?”, continuaba, “porque desexo que este concello deixe de ser só destino turístico” e nesta liña Goretti avanzou a sinatura dun Pacto polo Turismo Consciente. Logo disto, Sanmartín fixo un percorrido discursivo pola Praza do Obradoiro (Hostal, Universidade, Pazo de Raxoi, Catedral...). “Este será, non teño dúbida, o goberno do diálogo”, sentenciaba para engadir tamén que a súa Alcaldía será transparente, honesta e dunha “honradez absoluta”.

Goretti Sanmartín quixo tamén recuperar a memoria, con referencias á II República e á Falcona, o cárcere franquista, e en especial o alcade Santiago, Ánxel Casal, vencedor en 1936 “con oito concelleiros do Partido Galeguista nunha corporación de 32 membros”, lembraba a alcaldesa, e fusilado o 19 de agosto do mesmo ano. “O seu retrato presidiu o meu despacho na Vicepresidencia da Deputación da Coruña e presidirá agora o da Alcaldía de Santiago porque é lección da que aprender”.

Sanmartín pediu permiso para facer de hoxe a súa “particular Alba de Gloria”, lembrado persoas ilustres da historia compostelá, como o Mestre Mateo, Maruxa e Coralia, Xohana Torres ou Camilo Díaz Valiño e Rosalía de Castro, da que reivindicou a importancia, na vida da poeta de Compostela, así como de ser a “escritora galega máis universal e pioneira do feminismo”. Foi aí cando a alcaldesa falou de botar a andar o Proxecto Compostela cidade de Rosalía, como unha plataforma “da nosa cultura cara ao exterior”.

Pleno extraordinario de constitución da nova corporación municipal do Concello de Santiago

María Rozas, de Compostela Aberta, promete o seu cargo como concelleira

“Queremos un concello na vangarda do feminismo e da igualdade, de todas as igualdades”, remarcou Sanmartín, para referirse á igualdade social, con políticas que “atendan as persoas que máis o necesitan, a poboación avellentada en soidade, as que chegan á nosa cidade e non atopan abrigo”. O coidado das persoas, na procura de garantir os dereitos básicos de “vivenda e traballo”, a cidade accesible e a emerxencia climática foron outros eixos do discurso, “engánase quen pense que desde os concellos non podemos facer fronte ao cambio climático”, dixo.

Sanmartín tamén se referiu ao emprego e á industria, “en ningún lugar está escrito que Santiago non pode ser unha cidade industrial”, a recuperar a améndoa porque “queremos que nas prazas xoguen nenos e nenas” e por iso se redactará un Pacto pola Cidade Histórica, porque “o que é bo para quen vive aquí é bo para quen nos visita”. E o rural foi tamén protagonista do discurso, cun compromiso en firme por parte da nova alcaldesa, “Santiago é un rural grande que quere servizos e este goberno municipal traballará arreo para que a débeda histórica desapareza e poidan vivir como merecen”.

O peche do discurso de investidura de Goretti Sanmartín centrouse, como xa anunciaba na campaña, no feminismo e na igualdade. “É unha inmensa honra ser a primeira alcaldesa da capital galega” para engadir “é de obriga recoñecer o labor das que nos precederon”. E por segunda vez pediu permiso á audiencia para “lembrar hoxe dúas mulleres que non están xa connosco mais que me acompañarán sempre, tamén neste novo camiño, a miña nai, Maruxa de Flores, e a miña madriña, Tinucha”.

Sanmartín tamén tivo un oco para agradecer ás persoas que confiaron nela, ás concelleiras e concelleiros de BNG e PSdeG e, especialmente, “ás representantes de Compostela Aberta” e a todos os membros da corporación municipal “e do persoal do Concello”.

Os outros protagonistas

Pleno extraordinario de constitución da nova corporación municipal do Concello de Santiago

Ana Pontón, Goretti Sanmartín e Bugallo nos corredores do Pazo de Raxoi antes do pleno extraordinario de constitución da nova corporación municipal de Santiago

María Rozas, Mercedes Rosón, Borja Verea e Ana Pontón, portavoz nacional do BNG foron outros dos protagonistas da xornada. O outro candidato á Alcaldía, Borja Verea mostrouse decidido e contundente cos medios, “o noso interese son os intereses xerais de Santiago e para iso comezamos hoxe unha alternativa de futuro, imos contruír un goberno de progreso porque estamos convencidos de que imos estar á fronte da cidade máis pronto que tarde”. Verea valorou o novo goberno como “soberbio e inútil” e o discurso da nova alcaldesa como “sectario”. “Un goberno instalado na soberbia, porque son seis máis dous; no sectarismo, cun discurso máis centrado no pasado que no futuro e, ademais, inútil, porque o din os propios números”, sentenciou Verea.

A aliada e próxima tenenta de alcaldesa, María Rozas, falou dun “día histórico para Santiago, dende o resultado das eleccións dixemos que facilitaríamos que Compostela teña a súa primeira alcaldesa e hoxe tomou posesión Goretti Sanmartín”. “Entendemos que a mensaxe das urnas era que a cidadanía quería un goberno de esquerdas e actuamos en consecuencia. A líder do PSdeG, Mercedes Rosón, explicou que “o Partido Socialista sempre vai facer unha oposición construtiva” e, nesta liña tamén aclarou que “sempre remaremos na mesma dirección, o presente e o futuro de Compostela, a min o único que me preocupa é a veciñanza, que tanto queremos e respectamos”.

Ana Pontón, ademais de cualificar o día como “moi emocionante para toda a cidade e en especial para as mulleres” desexou que “a emoción que hoxe se sente aquí por ter unha alcaldesa, oxalá sexa a que vai ter Galiza de poder ter unha presidenta”.