Goretti Sanmartín, primeira alcaldesa de Santiago "co agradecemento ás que abriron camiño e ás que están por vir"

O Pleno extraordinario de constitución da nova corporación principiou ás 10 horas segundo previsto e sen incidencias

Goretti Sanmartín foi investida alcaldesa despois de obter 14 votos fronte ao 11 do candidato do PP, Borja Verea

Toma de posesión da nova Corporación municipal

Javier Rosende Novo

Cunha puntualidade rigorosa, ás 10 da mañá deste sábado principiaba o pleno extraordinario de constitución da nova corporación municipal que levará as rendas do Concello de Santiago os próximos catro anos. A sesión deu comezo coa formación da mesa de idade e o desfile de concelleiros e concelleiras electos nas eleccións municipais do pasado 28 de maio para o xuramento ou promesa do cargo. Coa súa inseparable gorra, o edil nacionalista Xesús Domínguez protagonizaba un momento divertido ao ter que sacala para recibir a medalla de concelleiro por parte de Sindo Ginarte, para volver poñela despois.

O concelleiro electo polo BNG, Xesús Domínguez, recibe a medalla de man de Sindo Guinarte

O concelleiro electo polo BNG, Xesús Domínguez, recibe a medalla de man de Sindo Guinarte / Javier Rosende Novo

Logo deste punto da orde do día do pleno, o secretario da mesa daba paso á votación para elixir entre os dous candidatos á Alcaldía: o popular Borja Verea e a nacionalista Goretti Sanmartín que resultou gañadora ao obter a maioría de votos dos membros da corporación, 14 fronte aos 11 do candidato do PP.

Tras recibir o bastón de mando e prometer o seu cargo de alcaldesa "co agradecemento ás mulleres que abriron camiño e ás que virán", Goretti Sanmartín, vestida de morado nunha clara declaración de intencións, avanzou no seu discurso as liñas mestras dun goberno "que non deixe a ninguén detrás".

Nas súas primeiras declaracións como alcaldesa, Sanmartín quixo facer un "discurso de amor, esperanza e confianza no futuro da cidade", destacando a importancia da política como ferramenta para "mellorar a vida das persoas" coa "esperanza nun futuro feminista e sustentable, de solidariedade e benestar". A nacionalista manifestou o seu amor profundo por Santiago: "síntome moi afortunada de vivir en Sar e atravesar a Porta Faxeira de Mazarelos, que é a única que se mantén en pé". Sanmartín fixo referencia ao inmenso patrimonio da cidade usando o exemplo dos taboleiros de xogo medievais, repartidos pola zona vella e rescatados polo colectivo A Rula, para facer un paralelismo co que agarda conseguir de Santiago: "son magníficos exemplos da cidade que queremos, con espazos de recreo públicos para que a veciñanza se encontre na rúa, que a cidade deixe de ser un parque temático e sexa para quen a habita", afirmou anunciando que promoverá un Pacto polo Turismo.

Foto de familia da nova corporación municipal de Santiago de Compostela

Foto de familia da nova corporación municipal de Santiago de Compostela / Antonio Hernández

Referíndose ao Obradoiro, onde se sitúa a casa consistorial, a alcaldesa continuou asegurando que "a praza nos dá a oportunidade de ver os distintos piares da cidade", que pasou a enunciar: o turismo, as institucións públicas, o Consello da Cultura, a USC e a Catedral. "Con eles queremos proxectar Santiago neste século XXI, que tanto nos está a custar", avogando polo diálogo con todos estes axentes, "fluído e fructífero coa Xunta e o resto de entidades".

A respecto da Universidade, Goretti expresou a súa intención de defender a condición e a importancia da comunidade universitaria como "unha marca do concello de Santiago hai que atender".

Na súa toma de posesión, a alcaldesa quixo tamén ter un recordo para A Falcona, o cárcere situado detrás do Concello e polo que pasaron no franquismo composteláns represaliados coma Manuel Ríos, Díaz Valiño ou quen fora alcalde de Santiago, Ánxel Casal. O seu retrato, avanzou Goretti, estará no despacho da Alcaldía como xa fixera no da Vicepresidencia da Deputación da Coruña.

Goretti Sanmartín sostén o bastón de mando tras o seu nombramento

Goretti Sanmartín co bastón de mando do Concello de Santiago / Javier Rosende Novo

Quixo ademais Sanmartín ter unhas palabras para quen denominou a súa "Alba de Gloria particular" enunciando, entre outros, a Ánxel Casal, Díaz Pardo, Vidal Bolaño, Begoña Caamaño ou Exeria, "que forman parte da nosa memoria". Tamén a gran poeta galega, Rosalía de Castro, da que anunciou a creación da plataforma Compostela, cidade de Rosalía.

Poñer Santiago á vangarda do feminismo e a igualdade, eliminar as barreiras arquitectónicas para facer desta unha cidade máis accesible, facilitar o acceso á vivenda e facer fronte á emerxencia climática e a defensa da identidade e a lingua foron outros dos campos de batalla anunciados por Sanmartín. Tamén o de atraer industria porque "en ningún lugar está escrito que Santiago non poida ser unha cidade industrial", dixo Goretti, "porque que é preciso "atraer empresas vinculadas ao coñecemento para xerar riqueza na nosa terra".

A nova alcaldesa dedicou tamén o seu discurso ao rural compostelán co compromiso de traballar coas parroquias nun rural vivo porque "este concello é tan seu coma dos veciños da Senra". Farao a través dun "goberno de portas abertas, activando canles de participación, con transparencia" cara a unha cidadanía que "será a protagonista os próximos catro anos".

Ademais dos apoios para ser investida, tanto de Compostela Aberta como do PSdeG, Sanmartín pechou o seu discurso agradecendo "a miña nai Marisa de Flores e a madriña Marucha, dúas mulleres ás que lle debo ser quen son".