BNG e CA asinan un pacto de goberno que fai a Rozas primeira tenenta de alcaldesa

A nacionalista Goretti Sanmartín, que será investida hoxe como rexedora de Santiago, deixou clara a vontade das formacións por “seguir coas mans tendidas” cara ao PSdeG

María Rozas (CA) e Goretti Sanmartín (BNG) logo da sinatura do acordo entre as dúas formacións

María Rozas (CA) e Goretti Sanmartín (BNG) logo da sinatura do acordo entre as dúas formacións / Javier Rosende Novo

“O que imos presentar son os elementos transversais que van inspirar toda a acción de goberno e deixaremos para a semana próxima a presentación do programa e as áreas de responsabilidade de cada unha das persoas”. Así comezaba a súa intervención a que hoxe será a primeira alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín do BNG, durante a presentación do seu pacto de goberno con Compostela Aberta (CA), aínda que ao remate do acto fíxolle “unha primeira concesión á prensa” confirmando que “María Rozas (CA) será a tenenta de alcaldesa” do Goberno local.

A presentación deste acordo tivo lugar este venres no CSC Maruxa e Coralia da zona vella, onde as candidatas de BNG e CA, Sanmartín e Rozas, estiveron acompañadas por Xan Duro (CA), Iago Lestegás, Xesús Domínguez, Miriam Louzao, Pilar Lueiro e Manuel César (BNG). “Comezaremos a traballar dende o primeiro momento”, dixo Sanmartín, “temos a preparación para afrontar os retos estratéxicos desta cidade para iniciar este camiño novo con toda a enerxía, o entusiasmo e a forza que nos dá a xente”. Sobre isto último, a candidata do BNG destacou que “nos dá ánimos e nos transmite que as necesidades de Santiago queren unha solución clara por parte dun goberno sólido, cohesionado e rigoroso”.

Na súa intervención, María Rozas, que debullou os tres primeiros eixos estratéxicos do acordo programático co BNG, lembrou que “na noite electoral entendimos que a vontade das urnas era que o noso Concello tivera un goberno que fora de esquerdas, diverso e plural e Compostela Aberta traballaría por ese goberno”. Rozas reiterou “temos que felicitarnos por este acordo para os próximos catro anos”.

Pacto de goberno en Santiago: María Rozas será primeira tenente de alcalde

Pacto de goberno en Santiago: María Rozas será primeira tenente de alcalde / Javier Rosende

Impulsar a igualdade e o feminismo en todas as áreas de goberno; garantir os dereitos sociais situando as persoas no centro das políticas públicas; fomentar a creación de emprego de calidade, a conciliación e a colaboración con empresarios, sindicatos e universidade son os tres primeiros eixos do acordo de goberno. Un pacto sobre o que Sanmartín e Rozas insistiron en non desvelar máis datos até a próxima semana pero reiteraron que se trata dun “acordo xa claro e pechado, definitivo” dixo Sanmartín, “cun reparto no que cada unha das persoas teña áreas non só de importancia, senón relacionadas co perfil específico de cada unha”.

Os outros puntos do acordo son os referidos á sustentabilidade e a situar Compostela á vangarda contra o cambio climático; exercer como capital intensificando a “promoción da lingua e dos sinais nacionais de identidade do pobo galego” e traballar con outras institucións e administracións. Ademais de impulsar e axilizar novas infraestruturas, servizos públicos e equipamentos co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos composteláns.

Para a investidura de Goretti Sanmartín como alcaldesa de Compostela é necesario o voto a favor do PSdeG (Partido Socialista), que declinou entrar a formar parte do goberno pero que xa anunciou que permitirá que Sanmartín sexa alcaldesa. Sobre este asunto, Sanmartín explicou “é evidente que calquera goberno ten que negociar con outras forzas da corporación, niso consiste a acción política”.

A candidata do BNG tampouco quixo deixar de recordar que “a cidadanía sabe que houbo gobernos de maiorías absolutas que funcionaron de maneira desunida e non levaron a cabo os proxectos que precisaba Santiago de Compostela”.

En referencia ao PSdeG, Sanmartín considera que “decidiu de maneira clara quedar na oposición” aínda que “podía estar integrado neste goberno”. Así e todo asegurou que “seguiremos coas mans tendidas para que cando se queiran integrar o fagan”. Preguntada se agardaba que iso chegase a suceder, a candidata á Alcaldía aclarou que “todo o mundo coincidirá en que (a negativa socialista a entrar no goberno) non respondeu aos intereses de Santiago”.

A decisión de Ferraz

O pasado 12 de xuño o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, declaraba no decurso do comité nacional da súa formación a resolución “de non entrar no goberno compostelán pero apoiar os bos proxectos” e, aínda que indicou que a resposta final se “consensuaría” co grupo local, o certo é que en 24 horas os concelleiros socialistas, liderados xa daquela por Mercedes Rosón, declinaron pactar un goberno con BNG e CA. Poñíaselle desta maneira fin a dúas semanas de negociacións dos equipos nacionalistas e socialistas, aínda que xa dende a noite electoral os integrantes do PSdeG deixaban intuír qeu non tiñan présa en entrar no goberno e se limitaban a confirmar “o voto a favor de Goretti” para que fose investida.

Os malos resultados electorais do PSdeG o pasado 28-M levaron o exalcalde Xosé Sánchez Bugallo a anunciar a súa renuncia á acta de concelleiro na mesma noite dos comicios. Un “paso ao lado” que executaba pouco despois o número dous da lista, Xaquín Fernández Leiceaga. Desatábase así unha crise interna na formación socialista que o PSOE, dende Ferraz, tenta dirimir agora poñendo á fronte da xestora do partido local a Diego Ferández López, secretario do PSdeG provincial “por ser unha persoa imparcial a nivel local” . Unha imparcialidade que non se dá no PSOE municipal onde a decisión de entrar ou non no goberno de Sanmartín enfrontou as distintas correntes internas da formación.