As valoracións dos portavoces municipais de Santiago dos resultados electorais

Verea: "En só un mes o goberno nacionalista sofre unha perda masiva de votos"

Sanmartín: "O BNG non vai defraudar as espectativas, seguriá defendendo os intereses galegos"

Muíños: "Santiago reafírmase como cidade progresista, moderna e feminista"

Rozas: “É unha boa noticia que a dereita non acade a maioría clara para gobernar”

As valoracións dos portavoces municipais de Santiago dos resultados electorais

As valoracións dos portavoces municipais de Santiago dos resultados electorais / ECG

Redacción

Os populares consolídanse en Santiago como a lista máis votada nas xerais do 23 de xullo. O líder dos populares na capital galega, Borja Verea, recalca que en só un mes o goberno nacionalista da capital "sofre unha perda masiva de votos". "O PP de Santiago volve ter unha vitoria aplastante sobre o resto de forzas políticas", aseguraba na noite electoral o candidato popular, para asegurar que se "acelera a tendencia que vimos hai un mes e hoxe, en Compostela, o PP case cuadruplica en votos ao BNG".

Así, os populares acadaron un 41,49% do total de votos da capital, mentres os nacionalista reunían o 13,06% de apoios, por detrás do PSdeG (25,93%) e formación liderada por Yolanda Díaz, Sumar, que obtiña o 13,99% do total de votos emitidos e conseguía en Madrid un escaño pola provincia da Coruña e outro pola de Pontevedra.

Verea arremeteu unha vez máis contra Goretti Sanmartín explicando que "a alcaldesa con menor apoio da historia de Santiago non tardou nin un mes en ver reducidos os seus poucos apoios". Unha merma que a edil nacionalista achacaba á "polarización e estatalización da campaña electoral". 

Goretti Sanmartin: "O BNG non vai defraudar as espectativas, seguirá defendendo os intereses galegos"

A alcaldesa de Compostela recoñece que os resultados non foron "todo o satisfactorio que esperabamos". A nacionalista apuntou que na cidade o resultado, co 96% do voto escrutado, do Bloque Nacionalista Galego (BNG) subiu en tres décimas fronte ás anteriores eleccións xerais e en máis de 500 votos. “O BNG non vai defrautar as espectativas”, dixo Sanmartín en referencia a aquelas persoas que escolleron a papeleta do Bloque, “vai seguir defendendo os intereses dos galegos e de Santiago”.

Sobre o pouco satisfactorio do resultado global dos nacionalista, Goretti Sanmartín subscribiu as palabras da líder do BNG, Ana Pontón, en referencia a que a campaña electoral estivo “moi polarizada nun ambiente moi estatalizado que fixo moi difícil que o BNG subise máis".

Aínda así, Sanmartín defendeu que o deputado Néstor Rego "vai ser a voz defenda os intereses de Galicia e a voz que sirva para que non gobernen a dereita e a extrema dereita". A alcaldesa de Compostela apuntou tamén, que o BNG e Néstor Rego se van poñer "a disposición para poder colaborar cun goberno diferente, que defenda a axenda galega e dentro dela moitos intereses vitais para Santiago".

Muíños: "O PSOE é a forza que verdadeiramente pensa en Galicia e en Santiago"

O concelleiro socialista compostelán expresou que o resultado das eleccións amosan unha maioría absoluta das esquerdas en Santiago. "Nestas eleccións conseguimos movilizar o noso electorado que, xunto coas outras forzas progresistas, supoñen un 54%", manifestou.

Explicou que a maioría dos composteláns queren un goberno progresista, "un goberno que aposta polas políticas que avanzan en dereitos e liberdades, que blindan as pensións e o estado de benestar que protexe aos colectivos máis vulnerables". Gonzalo Muíños manifestou o seu orgullo tras ver como a capital galega "se reafirme como cidade progresista, moderna e feminista que é o que podemos ler destes resultados". Isto xustificouno co dato de que máis de 15.000 veciñas e veciños decidiron apostar polo PSOE, "porque saben que é a forza capaz de frear a ultradereita, e a que verdadeiramente pensa en Galicia e en Santiago".

Muíños recordou que durante a campaña repetiron varias veces que Pedro Sánchez foi "o presidente máis galego da nosa democracia", frase que volveu a repetir, e ao que engadiu que "tamén demostrou compromiso con Santiago", citando a intermodal, o enlace orbital ou o orbitaliño como proba do compromiso do goberno central coa cidade. Tamén citou as partidas para a rehabilitación do Hostal ou de Raxoi," fomentando a conservación do noso patrimonio e apostando por un turismo sustentable".

María Rozas: “É unha boa noticia que a dereita non acade a maioría clara para gobernar”

María Rozas, tenenta de alcalde e concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude de Santiago, que emitiu o seu voto durante a tarde deste domingo na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago, mostrouse satisfeita cos resultados das eleccións xerais do 23 de xullo.

Á espera de coñecer cales serán os pactos para conformar un goberno, Rozas manifestou que para Compostela Aberta “é unha boa noticia que o bloque da dereita non acade a maioría clara para gobernar, en contra do que auguraban case todas as enquisas, e sobre todo é unha boa noticia a caída da extrema dereita”.

Na súa valoración, María Rozas aproveitou para felicitar a exconcelleira de Compostela Aberta, Marta Lois, despois de converterse en deputada pola provincia de A Coruña por Sumar, partido que liderado por Yolanda Díaz, queda como cuarta forza do país, e así ter unha representación no Congreso. Referiuse a Marta Lois como unha “parte activa do partido” que vai a “defender os intereses de Galicia e de Santiago”.

A concelleira compostelá mostrou que é consciente de que o escenario para a gobernabilidade “está moi aberto”, pero en calquera caso para CA a mellor alternativa “será sempre a que garanta un goberno progresista”.

Rozas reiterou a súa posición sobre o que agarda: “Que non goberne o Partido Popular e menos con Vox vai a ser bo para Compostela Aberta”, aclarou.