Éxito de público en dúas das citas claves das Festas do Apóstolo: desfile de cabezudos e Feira Cabalar

No Mercado de Gando de Amio pagáronse 1.750 euros pola cabeza de equino para o abasto e un total de 1.210 para “a vida”

Santiago se llena de peregrinos en el Día de Galicia

Javier Rosende Novo

Redacción

O 25 de xullo, máis alá da Ofrenda ao Apóstolo, os actos institucionais ou os eventos musicais, é para Santiago o día estrela de dúas citas cun carácter máis picheleiro, o desfile dos xigantes e os cabezudos e a Feira Cabalar, que cada ano decorre no Mercado de Gando de Amio. Un ano máis, os bailaríns hiperdimensionados encheron a Praza da Quintana con centos de viandantes desexosos de coñecer as súas danzas e testemuñar o seu percorrido en honor a Santiago. Tras esta aparición no día grande das festas, e o encontro o pasado día 24, xigantes e cabezudos despedíronse por todo o alto dunha audiencia xa ansiosa pola cita do próximo ano.

A referencia máis antiga sobre os xigantes data de 1508, aínda que as máis coñecidas son as elaboradas polo escultor Mateo de Prado, aló polo 1650. Un artista que construíu oito figuras, por un valor total de 5.303 reais, que representaban por parellas os habitantes dos catro continentes que viñan en peregrinaxe a Compostela. Quedaba Oceanía excluído, por descoñecemento.

Seis destes xigantes miden algo máis de catro metros, as outras dúas, as coñecidas como Coco e Coca elévanse pouco máis de dous. A pesares de que estas figuras, xunto aos cabezudos, durante moitos anos acostumaban participar en varias festividades da cidade, mais agora só se ven no Apóstolo, o que explica o segredo do seu éxito.

Á Feira Cabalar de Amio sumáronse pezas de ovino e caprino / Antonio Hernández

Á Feira Cabalar de Amio sumáronse pezas de ovino e caprino / Antonio Hernández / Redacción

A outra grande cita da xornada de onte foi a Feira Cabalar, que un ano máis recibiu nas naves de Amio gando equino, asnal e, en menor cantidade, ovino e caprino. Unha feira que difire da que se celebra nas festas da Ascensión en que neste caso só se trata de compravenda, sen exhibicións e sen concursos. Pero compleméntase con mercado minorista de todo tipo nas naves e no exterior do mercado, onde tamén se montan restaurantes e polbeiras onde vendedores, compradores e visitantes comparte xantar ata preto das tres da tarde, hora de limpeza, porque hoxe o mercado volve a Amio, na súa feira ordinaria.

Os datos de vendas en Amio

Este ano a afluencia de gando foi máis elevada que en 2022, pasándose de 398 reses, entre eguas e cabalos a 406. Unha alza que non afectou aos asnos, gando do que se rexistraron este ano 24 reses fronte ás 33 do ano pasado. E coma noutras ocasións, tamén houbo reses de ovino, 24, e de caprino, dez.

En canto ás vendas, o volume económico do mercado tamén superou a cifra de 2022 (557.995 euros), ascendendo a 584.440 euros agora. En canto á singularidade de cada tipo de res, a cabeza de equino para o abasto valorouse en 1.750 euros, fronte aos 1.210 do gando equino que se mercou para montura ou traballo. En total, acadáronse os 329.120 en vendas para a vida e 234.500 euros no gando destinado a abasto.

O gando asnal acadou un volume económico de 18.000 euros, e a gandaría de ovino e de caprino acadou cifras que se aproximaron aos dous mil e aos mil euros, respectivamente. De forma que en gando ovino a gañancia foi de 1.920 euros, mentres que a gandaría de caprino, da que só había dez pezas á venda, recadou un total de 900 euros.