A compravenda de equinos, protagonista da Feira Cabalar do Día do Apóstolo

As cifras totais estimadas do ano pasado superaron o medio millón de euros en despacho de abasto e ‘para a vida’

Imaxe de arquivo dunha Feira Cabalar do 25 de xullo

Imaxe de arquivo dunha Feira Cabalar do 25 de xullo

Un ano máis o Mercado Nacional de Gando de Santiago (en Amio) acolle a Feira Cabalar que se celebra con motivo do 25 de xullo, Día do Apóstolo, aínda que non aparece no programa das festas. Unha cita de compra-venda de gando equino, para montura e para abasto que se acompaña con mercado minorista, restaurantes e polbeiras. A cita gastronómica, ademais este ano, é case dobre, xa que o día 26, mércores, ten lugar a feira ordinaria.

Segundo os datos da xerencia do Mercado de Gando, aínda que a afluencia de público é maior na Feira Cabalar das Festas da Ascensión, nesta ocasión non é mala, e o ano pasado rexistráronse 398 reses equinas (cabalos e eguas) e 33 asnos, en ambos casos tanto para o abasto (177 equinos e 15 asnos) coma “para a vida” -montura, traballo, etc.- (221 equinos e 18 asnos).

A esta Feira Cabalar achéganse gandeiros de toda Galicia, tamén representantes da Asociación Pura Raza Cabalo Galego que igualmente toma parte na feira da Ascensión, onde a diferencia do Apóstolo se realizan concursos e exhibicións. Pero tamén se achegan gandeiros das comunidades limítrofes, como Asturias, Castela e León ou o norte de Portugal e compradores da Comunidade Valenciana, que sobre todo mercan equinos e asnos para o abasto. Unha práctica esta que en 2022 recadou máis diñeiro que os equinos destinados “para a vida”, con 1.464 euros fronte aos 1.237 do segundo caso. Unha diferenza que non se dá no caso dos asnos, pois cotizouse máis, o ano pasado o asno “para a vida”, cunha media de 800 euros por cabeza, fronte aos 600 euros que se pagaron para o abasto. Un mercado que deu en 2022 un total estimado de 557.995 euros, unha cifra que se pode superar este ano, se se dá unha afluencia maior de asistentes, xa lonxe das restriccións e dos medos dos anos seguintes á pandemia.

Protexer para manter a raza

Xacobe Pérez, presidente da Asociación Pura Raza Cabalo Galego, comentou con este diario a importancia de protexer as razas autóctonas, tanto o “cabalo galego de monte” (ou pura raza) coma o “burro fariñeiro”. E lanza ao novo Goberno local a idea de que se amplíe esta Feira Cabalar máis alá da compra-venda, como acontece nas Festas da Ascensción. “Estaría ben potenciar o valor etnográfico e terapéutico dos equinos, como animais de compañía”, para o deporte, para o traballo... comenta Xacobe Pérez “ non só o sacrificio para o abasto”. Na súa opinión, esta protección e potenciación das razas autóctonas precisa tamén de axudas para a cría, para que os gandeiros poidan recuperar e manter as razas.