O Concello presenta un Código de Boas Prácticas para potenciar un turismo consciente en Compostela
Ofrece unha serie de recomendacións para que as persoas que visiten Santiago respecten tanto o patrimonio como a veciñanza do concello.
![A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, a rexedora de Santiago, Goretti Sanmartín, a subdelegada do Gobierno na Coruña, María Rivasa e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil na presentación do Código de Boas Prácticas](https://estaticos-cdn.prensaiberica.es/clip/2a4fb9cb-ef3d-481f-a604-509289842594_16-9-discover-aspect-ratio_default_0.jpg)
A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, a rexedora de Santiago, Goretti Sanmartín, a subdelegada do Gobierno na Coruña, María Rivasa e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil na presentación do Código de Boas Prácticas / Concello
Redacción
A concelleira de Turismo, Miriam Louzao, presentou ao tecido asociativo veciñal, así como a axentes dos sectores turístico e comercial e a representantes institucionais a campaña de comunicación e o Código de Boas Prácticas dirixido ás persoas que visitan Compostela. "O obxectivo básico é concienciar sobre o carácter patrimonial da nosa cidade e sobre a importancia de coidala, respectando tanto os espazos e edificios públicos como a propia vida cotiá e o descanso da veciñanza", explicou a concelleira.
O Código recolle 12 principios básicos ou valores a preservar para garantir tanto o dereito ao goce da visita como a obrigas derivadas da mesma. Son: corresponsabilidade, diversidade, autenticidade, singularidade, calidade ambiental, calidade acústica, calidade visual, preferencia peonil, seguridade, dereito ao descanso, tranquilidade e hospitalidade.
Na presentación do Código, que atende unha demanda social dos últimos anos, en especial dos barrios de San Pedro e da cidade histórica que viven un maior movemento diario de turistas e persoas que fan o Camiño de Santiago, estiveron presentes representantes de asociacións veciñais e sectoriais, así como das distintas institucións e administracións implicadas na xestión turística e patrimonial de Santiago. Esta presentación tivo lugar esta mañá no Auditorio de Galicia.
![Rolda de prensa para presentar o Código de Boas Prácticas](https://estaticos-cdn.prensaiberica.es/clip/90500d35-2e4c-409c-aa3f-ce8ca3d759eb_alta-libre-aspect-ratio_default_0.jpg)
Rolda de prensa para presentar o Código de Boas Prácticas / Concello
Con esta nova acción, o novo goberno municipal fai realidade un dos seus primeiros compromisos encamiñados a potenciar un turismo consciente na cidade. O obxectivo é que Compostela poida manter e incluso aumentar o número de turistas que recibe cada ano, pero concienciando ás persoas que visitan a cidade e aos seus arredores para minimizar as accións que afectan negativamente ao patrimonio ou ao día a día da veciñanza. É dicir, potenciar un turismo de calidade, sostible e consciente, responsable, que sexa un piar económico da cidade e ao tempo permita unha relación harmónica coa necesidades da poboación.
Tras a presentación no Auditorio de Galicia, a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, a subdelegada do Gobierno na Coruña, María Rivas, presentaron aos medios de comunicación o contido da campaña e do Código de Boas Prácticas nunha rolda de prensa que se celebrou no Pazo de Raxoi.
Segundo destacou a concelleira, as vindeiras semanas farase unha distribución masiva dos distintos elementos da campaña para chegar ao maior número posible de persoas que visitan a cidade, ademais de incluírse nas accións de promoción de Turismo de Santiago, potenciando xa en orixe o turismo consciente que se procura. Tamén se prevén elementos específicos para a súa distribución na hostalaría e comercios, tales como manteis e bolsas de papel coa imaxe da campaña. Todos os establecementos (bares, restaurantes, aloxamentos, comercios) que desexen colaborar a través da distribución á súa clientela dos materiais anteditos, teñen que solicitalo en santiagoturismosostible@gmail.com.
![Presentación ás asociacións en presenza doutros membros da Corporación municipal](https://estaticos-cdn.prensaiberica.es/clip/35b839b9-5eb1-4708-90d0-92a562521b66_alta-libre-aspect-ratio_default_0.jpg)
Presentación ás asociacións en presenza doutros membros da Corporación municipal / Concello
O Código de Boas Prácticas parte de base de que Santiago de Compostela e un destino Patrimonio da Humanidade, un patrimonio colectivo que calquera persoa que nos visita ten o dereito a gozar e a obriga de coidar. É dicir, trátase de facer conscientes ás persoas que visitan a cidade de que teñen tamén a corresponsabilidade de coidar o patrimonio da cidade, ademais de respectar tamén a vida das persoas residentes en Compostela.
"Fráxil. Santiago de Compostela. Patrimonio da Humanidade"
Míriam Louzao explicou que a campaña baséase "nun concepto universal: o do símbolo que identifica o material delicado e que debe tratarse co máximo coidado". Baixo o epígrafe 'Fráxil. Santiago de Compostela. Patrimonio da Humanidade' unha serie de elementos que xogan coa idea dunha caixa de embalaxe de cartón, como as que se usan para envíos e transporte. "Este tipo de embalaxes son os que se usan para identificar as alfaias máis delicadas. Por iso representamos a Santiago de Compostela como o que realmente é: unha das alfaias máis valiosas do mundo occidental, da que todas as persoas temos o dereito a gozar máis tamén a obriga de coidar", engadiu.
![O decálogo poderá lerse na rúa](https://estaticos-cdn.prensaiberica.es/clip/476d109f-a580-449e-b4c6-2612eaac2332_alta-libre-aspect-ratio_default_0.jpg)
O decálogo poderá lerse na rúa / Concello
Pola súa banda, a subdelegada do Gobierno na Coruña, María Rivas, salientou que "esta campaña encaixa nas coordenadas e no compromiso do Goberno de España para avanzar cara a un turismo responsable" e que ademais "apoiamos grazas ao investimento que facemos dentro do Plan de Turismo Sostible". "A folla de ruta está clara, hai ideas, hai investimentos e ten que haber colaboración entre as administración para levala a cabo", engadiu.
Borja Verea reclama un regulamento e máis presenza policial para evitar actos incívicos no Casco Vello ao considerar insuficientes as campañas informativas
O voceiro do Partido Popular, Borja Verea, asegurou hoxe que as campañas informativas que está a promover o Goberno da Sra. Sanmartín non son suficientes e non van evitar os actos vandálicos e as actitudes inapropiadas que estamos a sufrir no Casco Histórico de Santiago nas últimas semanas.
Verea subliñou que é evidente a necesidade de poñer multas significativas e destacou que, dende o Partido Popular, “considérase máis efectivo facilitar a normativa, co fin de que sexa máis doado poñer ditas sancións e tamén que se poida contar con máis presenza policial, para garantir que esas actitudes incívicas desaparezan”.
O popular lembrou que hai uns días, no Pleno ordinario, “nós propuxemos a realización dun regulamento e o Goberno nacionalista dixo que non facía falta, que chegaba con estas campañas informativas, polo que nos alegramos que agora empecen a mudar de idea e se acheguen ás nosas iniciativas”.
“Sabemos que son poucas, pero maleducadas, as persoas que levan a cabos estes actos, polo que reiteramos que o máis efectivo son as multas e a maior presenza policial, posto que este tipo de situacións se van multiplicando a medida que pasan as semanas”, remarcou.
Borja Verea insistiu na súa petición que se leve a cabo “unha reacción contundente do Goberno nacionalista en Santiago”, polo que espera que o Goberno do 6+2 non se quede só na posta en marcha dunhas medidas informativas, “senón que se sumen á nosa proposta e modifiquen as ordenanzas, xa que o que se atreve a escalar pola fachada da Catedral ou acende un camping-gas na praza do Obradoiro; ou o que arranca un sinal e ven con ela, xa sabe que iso non o pode facer”.
- El Correo Gallego - Diario de la capital de Galicia
- La lluvia reaparece en el verano de Galicia: este es el pronóstico de MeteoGalicia para el fin de semana
- La misa y ofrenda floral en honor a Rosalía de Castro congregan a más una treintena de instituciones gallegas
- Dos menores heridas en Muros al saltar desde un puente cuando pasaba un barco por debajo
- Impresionante chalet de ensueño en Santiago de Compostela: a 10 minutos del centro y 30 de la playa, todo un lujo a buen precio
- Esta es la aldea gallega que se encuentra al borde de los acantilados más altos de Europa: en la provincia de A Coruña
- La ola de calor se atenúa en Galicia: el alivio será temporal porque así se prevé el tiempo
- Os premios Alba de Compostela conseguen unir a todos os membros da Corporación local