Entrevista | Senén Barro Director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes

“A Intelixencia Artificial está presente nas nosas vidas pero a xente ignora o que é”

Senén Barro, director científico do Citius

Senén Barro, director científico do Citius / Jesús Prieto

Cales son as principais ambicións do Citius a curto prazo?

Os principais retos son os que levan sendo nestes últimos anos. Un ten que ver cunha maior internacionalización tanto da nosa actividade como do impacto dos resultados de investigación, participación cada vez máis intensa en iniciativas e proxectos a nivel europeo. Por dar unha cifra, nos últimos tres anos multiplicamos por seis a captación de recursos procedentes de Europa, respecto aos tres previos. Outro é unha aposta constante por aumentar a calidade da nosa investigación e o impacto. Ese impacto ás veces mídese en produción científica, pero a nós interésanos particularmente en transferencia, en que os resultados da nosa investigación acaben na sociedade, en empresas e produtos e servizos. Así, multiplicamos por dous os recursos mobilizados en transferencia nos tres últimos anos, respecto aos tres anteriores.

Cales son os principais avances que se conseguiron recentemente dende o centro?

Hai que distinguir entre logros como resultados ou logros como anticipo dos resultados que tamén son importantes. E voume centrar nestes últimos porque este ano concedéusenos unha nova rede europea de investigación e intelixencia artificial, concretamente de formación de novos investigadores, que lideramos a nivel de toda Europa desde os Citius e que ten que ver con combatir a través das tecnoloxías lingüísticas as noticias falsas e outros elementos de toxicidade nas redes e medios dixitais, como pode ser o discurso de odio.

Nesa misma liña tivemos a boa nova da concesión de dous novos proxectos europeos nos qu

e participamos, un ten que ver co sector da alimentación e outro co desenvolvemento de tecnoloxías lingüísticas. Tamén destacaría que vamos a organizar en outubro do 2024 o Congreso Europeo de Intelixencia Artificial que é o máis importante de Europa e dos máis relevantes do mundo no seu ámbito, o que se converte nunha boa noticia para Santiago e para toda Galicia. A covid fixo que tiveramos que cambiar o que ía ser un congreso presencial de 1.000 persoas a un congreso online con máis de 5.000 participantes de todo o mundo. En definitiva, está sendo un ano especialmente exitoso grazas ás boas novas que van chegando.

A USC ofertará no vindeiro curso o mestrado en Ciencia e Tecnoloxías de Información Cuántica. Ademais a institución incorpórase a Quantum Spain, un consorcio cara un ecosistema estatal de computación cuántica. Son pasos importantes cara ese ámbito?

As tecnoloxías cuánticas, e en particular a computación cuántica, van ser determinantes nunhas décadas para abordar problemas a nivel computacional que hoxe coa tecnoloxía clásica non se poden resolver, basicamente porque non hai capacidade material de computación. Aínda que falten décadas hai que estar aí presentes e non como simples axentes pasivos ou observadores, porque vai ser unha desas tecnoloxías que van revolucionar practicamente todos os sectores. Polo tanto hai que ir formando a persoas,a isto responde o mestrado, e hai que ir desenvolvendo a investigación, no que estamos moi implicados.

Santiago dispón dun bo potencial para ser referente en intelixencia artificial?

Santiago xa é un referente. En concreto, o propio Citius é o centro de investigación de referencia en intelixencia artificial en Galicia, o único especializado. Pero tamén a nivel de España somos considerados un dos centros punta ou na vanguarda da intelixencia artificial e cada vez máis estamos posicionándonos máis alto en Europa.

Senén Barro,doctor en Física (premio extraordinario), catedrático de Ciencias de la Computación e Inteligencia Artificial y director científico del CiTIUS

Senén Barro,doctor en Física (premio extraordinario), catedrático de Ciencias de la Computación e Inteligencia Artificial y director científico del CiTIUS / Jesús Prieto

Cal é o modelo futuro da intelixencia artificial?

Iso non o sabemos. A longo prazo vista non poderiamos dicir como vai evolucionar a IA. O que hoxe se chama IA xenerativa, que podemos considerar que é a vanguarda desde un punto de vista de desenvolvemento tecnolóxico co ChatGPT como exemplo máis evidente, hai só uns anos era mera especulación. ChapGPT foi presentado en novembro do ano pasado e sorprendeunos pola súa capacidade de diálogo e interacción co ser humano en linguaxe natural. Por falar do que está chamado a ter un maior impacto ou repercusión tanto desde o punto de vista do que podemos pensar que vai a ser espectacular en resultados, aplicacións, potencial socio-económico, citaría todos estes desenvolvementos en torno á IA xenerativa en imaxe, voz e texto, que xa temos aquí pero estase acercando ao desenvolvemento de novas ferramentas aplicadas cada vez máis a dominios prácticos como a educación, a sanidade, a industria ou a comunicación.

Preocupa en certa medida que as máquinas sustitúan aos humanos á hora de realizar tarefas que requiren competencias cognitivas...

Iso está ocurrindo e cada vez vai ocurrir máis, xa que cada vez as máquinas teñen maior competencia en desenvolver actividades que requiren intelixencia de carácter cognitivo medio e alto. Fai uns anos isto non era así e centrábase na automatización do traballo ou do emprego en tarefas de baixo nivel cognitivo ou de carácter físico, de manipulación. Podemos pensar na redacción de textos e informes, na tradución automática, construción automatizada de campañas de marketing, de creatividade, vídeos... Todo isto vai ter repercusión no traballo humano. Esa situación non nos debe de alarmar, pero si temos que tratar de anticiparnos a todas aquelas consecuencias negativas que a automatización do emprego pode ter como o desemprego tecnolóxico e a necesidade dunha formación permanente e continua para poder integrar este tipo de tecnoloxías no traballo humano, que as empresas non intenten aforrar custes simplemente por automatizar o traballo humano e despedir a persoas, porque prescindir de capital humano con experiencia ten consecuencias a medio prazo, partindo de que hai cousas que aínda non poden facer as máquinas.

O proxecto Nós busca introducir o galego na tecnoloxía para igualalo con outros idiomas. En que punto nos situamos?

É un proxecto imprescindible se queremos que o galego teña sitio e futuro na sociedade e na economía dixital. E iso é o mesmo que dicir que o galego teña futuro. Por este motivo ten que ser un proxecto indefinido. Non ten un obxectivó á hora de aportar unha serie de recursos tecnolóxicos. O que ten que facer de forma continuada no tempo é formar e captar talento especializado nas tecnoloxías lingüísticas, axudar a crear unha industria en tecnoloxías lingüísticas en Galicia e desenvolver recursos tecnolóxicos, que están pensados para que sexan de libre disposición, poñéndoos ao servizo doutros investigadores, da industria ou das administracións públicas.

O galego for

ma parte do conxunto de linguas de Europa que están menos desenvolvidas hoxe en día desde o punto de vista tecnolóxico e iso significa que carecemos da inmensa maioría de produtos, servizos, aplicacións e recursos que outras linguas como o inglés, francés, alemán ou español si teñen. Se non temos tradutores, recoñecedores de voz, asistentes virtuais ou aplicacións para poder interaccionar coas máquinas en galego e poder pedir unha cita médica ou resolver unha xestión co noso banco ao final empregaremos outras linguas e o galego será cada vez máis residual nas nosas vidas. Isto é algo que non queremos nin debemos permitir.

A nova sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA) fixarase na Coruña. Confiaba en que Santiago fora a ubicación escollida no seu momento?

Que se fixe na Coruña valóroo moi positivamente. Santiago fora unha opción, e estou seguro de que igualmente competitiva que a Coruña, pero iso non é o relevante neste momento. O importante é que imos ter a AESIA en Galicia, a escasos kilómetros desta cidade, e estamos seguros de que imos ter unha interacción e un beneficio moi directo.

Na actualidade o Citius organiza a súa actividade en dez áreas científicas. Visión por computación, sistemas e contornos intelixentes, Tecnoloxías da linguaxe, Realidade virtual e aumentada, Deseño electrónico de dispositivos intelixentes son algunhas destas áreas. Están todas a un mesmo nivel ou hai algunha que precise ser reforzada?

Todas precisan ser reforzadas. Estas dez liñas definen en boa medida o que facemos e a súa relevancia, pero non operan como compartimentos estancos, senón que cada vez cooperan máis entre si e establecen sinerxias. Isto é importante porque se queres ter impacto valo a conseguir a través da cooperación, da multidisciplinariedade e da interacción con outras áreas como a industria ou a medicina.

O Citius demostra un compromiso por dar a coñecer á sociedade a súa actividade científica. Conséguese isto coas actividades de divulgación que se levan a cabo ao longo do ano no centro?

Penso que si pero o que pasa é que sempre nos gustaría ir máis alá. Cada ano visítannos máis de trescentas persoas, hai varios centos de rapaces e rapazas de colexios e institutos que cada ano coñecen o centro con programas deseñados especificamente para que sepan o que facemos e profundicen tamén na intelixencia artificial. Realizamos xornadas de portas abertas para a industria e tamén temos moi alta presencia en redes sociais e medios de comunicación, o que valoro como unha das responsabilidades que atendemos con maior intensidade e ilusión, xa que escribimos moito sobre o tema.

A intelixencia artificial está absolutamente presente nas nosas vidas, a xente escoita falar cada día da mesma, pero ten unha ignorancia sobre o que é. Se hai ignorancia e descoñecemento, moitas veces hai un terreo propicio para a alarma e desconfianza, polo que hai que dar unha información rigurosa e entendible que chegue á cidadanía.